572 [= Tav 25,101]
Que trist’oj’é meu amigo

Que trist’oj’é meu amigo,
amiga, no seu coraçon,
ca non pôde falar migo
nen veer-m’, e faz gran razon
meu amigo de trist’andar,
pois m’el non vir e lh’eu nembrar.
Trist’anda, se Deus mi valha,
ca me non viu, e d[er]eit’é,
e por esto faz sen falha
mui gran razon, per bõa fe,
meu amigo de trist’andar,
[pois m’el non vir e lh’eu nembrar].
D’andar triste faz guisado,
ca o non vi, nen vio el mí
nen ar oio meu mandado;
e por én faz gran d[er]eit’i
meu amigo de trist’andar,
[pois m’el non vir e lh’eu nembrar].
Mais, Deus, come pode durar
que ja non morreu con pesar!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 555, V 158

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 67 [= LPGP 224]); Nunes (1973 [1928]: 7); Cohen (2003: 588); Littera (2016: I, 212-213).
II. Outras edicións: Moura (1847: 121-122); Monaci (1875: 65); Braga (1878: 32); Machado & Machado (1952: III, 167); Cohen (1987: 23-24); Júdice (1997: 23); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Pimpão (1942: 59); Nemésio (1961 [1949]: 190-191); Torres (1977: 252); Reckert & Macedo (1980: 219); Dobarro Paz et alii (1987: 21); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 29).

Variantes manuscritas


2 coraçon] corazō B   10 bõa] boa B   13 faz] fax B   19 come] como V   20 morreu] moireu BV

Variantes editoriais


3 pôde] pode Cohen, Littera   4 m’, e] me Lang   8 viu] vio Lang, Littera   14 vio] viu Littera   15 oio] oiu Lang, Littera   19 come] como Lang, Nunes, Cohen

Paráfrase


(I) Que triste está hoxe o meu amigo, amiga, no seu corazón, porque non puido falar comigo nin verme, e ten moita razón o meu amigo en andar triste, após me el non ver e eu lle lembrar.

(II) Triste anda, así Deus me valla, porque non me viu, e é lóxico, e por iso sen dúbida ten moita razón o meu amigo en andar triste, após me el non ver e eu lle lembrar.

(III) Andar) triste é o acaído, pois non o vin nin el me viu a min nin tampouco oíu a miña mensaxe; por iso ten moita razón o meu amigo en andar triste, após me el non ver e eu lle lembrar.

(1) Mais, Deus, como pode durar que non morreu xa con pesar!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 8b 7’a 8b 8C 8C + 8c 8c (= Tav 99:58)

Encontros vocálicos: 14 vi͜o; 15 o·i͜o

Notas


Texto
  • 3

    Os indicios remiten a unha cita concertada que non puido concretizarse (ca non me viu, v. 8; ca o non vi, v. 14): é por isto que o pretérito pôde acae mellor do que o presente pode, pois, aínda que a tristeza dure no presente, débese a un acontecemento pasado que é concretizado nas outras dúas estrofas en versos conceptualmente paralelos.

  • 14-15

    A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación (cfr. vio, v. 14; oio, v. 15) oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (véxase, por exemplo, 614.1-8), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).

    O pronome , como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 19

    Os restantes editores optaron pola forma como de V da conxunción modal, face a come transmitido por B, variación que volve aparecer en 1603.21.

  • 19-20

    Enténdase: ‘Deus, como pode prolongarse tanto a situación sen morrer (o amigo) co pesar da separación!’. Porén, a lección <moıreu> (susceptíbel de ser interpretada como morreu ou como moir’eu) permitiría mudar o foco de atención para o colocar sobre a propia amiga: ‘... sen morrer eu co pesar da separación’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado