326 [= Tav 40,7]
Non am’eu mia senhor, par Deus

Non am’eu mia senhor, par Deus,
por nunca seu ben asperar,
mais fui con ela [co]meçar;
é ja assi, amigos meus:
que non ei eu end’al fazer
enquant’ela poder viver.
Non a amei, des que a vi,
por nunca dela aver seu ben;
mais vedes, de guisa mi aven,
meus amigos, que ést’assi:
que non ei eu end’al fazer
[enquant’ela poder viver].
Non a amo, per bõa fe,
por nunca seu ben aver ja,
ca sei ben que mi-o non fara;
mais mia fazenda ja assi é:
que non ei [eu end’al fazer
enquant’ela poder viver],
ca demo m’e[n] cabo prender
fui, de pran, u a fui veer.
Porque s’ela non quer doer
de min, mal dia foi nacer.
E sei de min com’á seer:
viver coitad’e pois morrer!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 366

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 836-837 [= LPGP 283-284]); González Martínez (2012a: 131-312); Littera (2016: I, 305-306).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 134); Machado & Machado (1950: II, 145-146); Rios Milhám (2018a: II, 326).

Variantes manuscritas


3 [co]meçar] <...> mecar B   13 bõa] bona B   22 nacer] uaçer / Que non ey • B   23 com’á seer] coma de seer B   24 morrer] moirer B

Variantes editoriais


3-4 mais fui con ela [co]meçar: / é ja assi] Mais, [pois] con ela [co]meçar / fui, é ja (a)ssi Michaëlis   8 dela] d’el(a) Michaëlis   16 assi] (a)ssi Michaëlis   19 m’e[n] cabo] me log’a Michaëlis   22 foi] fui Littera   23 á seer] á de seer Michaëlis, González Martínez : há de seer Littera

Paráfrase


(I) Eu non amo a miña señora, por Deus, porque espere algunha vez o seu ben, mais tentei comezar (a miña relación amorosa) con ela; (e) así é xa, amigos meus: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir.

(II) Non a amei, desde que a vin, para obter nalgún momento o seu ben; mais vede o que me acontece, amigos meus, que é así: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir.

(III) Non a amo, abofé, por ter o seu ben nalgún momento, pois ben sei que non mo concederá; mais a miña vida xa é así: que eu non hei facer outra cousa mentres ela poida vivir, (1) porque o demo finalmente me prendeu, en verdade, cando a fun ver.

(2) Porque ela non se quere doer de min, en mal día fun nacer.

(3) E sei o que vai ser de min: vivirei coitado e despois morrerei!
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 2 x 8c 8c (cfr. Tav 160:341)

Encontros vocálicos: 8 dela‿aver; 9 mi‿aven; 15 mi-‿o; 16 ja‿assi

Notas


Texto
  • *

    Michaëlis e Littera non percibiron o erro de copia das fiindas, presentadas en B como unha estrofa + unha fiinda. Porén, as rimas delatan o erro do copista, que introduciu por lapso o inicio de refrán antes da derradeira fiinda (coa correspondente marca –errada– de Colocci).

  • 3-4

    A edición destes versos esixe só resolver a lacuna do copista en B, que afecta ao verbo começar no v. 3, que neste contexto, coa preposición con, significa ‘iniciar relacións amorosas’. Non ten, pois, sentido a intervención editorial de Michaëlis, que desloca fui para o v. 4 e introduce un desnecesario pois ausente do manuscrito.

  • 13

    A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 19

    De novo a intervención de Michaëlis (tamén seguida en Littera) non ten apoio textual nunha pasaxe que aconsella considerar o banal erro <e>/<> de forma que transpareza a locución adverbial en cabo ‘finalmente’ (tamén en 430.11), antónima de de cabo ‘novamente’ (1317.13), directamente relacionadas coas diversas locucións prepositivas construídas arredor de cabo (véxase nota a 149.5). Esta locución atéstase tamén con frecuencia na produción prosística, ás veces co posesivo incorporado, que tamén se rexistra no corpus profano trobadoresco: que fode ja en seu cabo (1651.10).

  • 19-24

    A presenza do inicio do refrán na copia de B após o v. 22 provocou que Michaëlis (seguida por Littera) editase as dúas primeiras fiindas como unha cuarta estrofa, a pesar de que o esquema rimático indica, como advertiu González Martínez, que estamos perante dunha sucesión de fiindas.

  • 20-22

    Nótese como no v. 20 aparece fui como forma de P3, mentres que no v. 22 é foi forma de P1: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser resultado de P1, o mesmo que fui de P3.

  • 23

    A medida octosilábica do verso aconsella a expunción da preposición de da perífrase verbal: téñase en conta que en 164.19, fronte a A, que presenta a lección correcta, en B aparece erroneamente esta mesma preposición na mesma perífrase (á fazer vs. á de fazer).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado