18 [= Tav 103,2]
Pois me fazedes, mia senhor

Pois me fazedes, mia senhor,
de quantas cousas no mund’á
desejos perder e sabor
senon de vós, de que eu ja
nunca desejos perderei
nen al nunca desejarei
no mundo senon vós, senhor,
ou mia morte, pois me vós ben,
senhor, non queredes fazer,
ca non á no mund’outra ren
por que eu ja possa perder
a coita que eu por vós ei
senon por morrer, eu o sei,
ou por min fazerdes vós ben,
ca me fazedes muito mal
des aquel dia’n que vos vi;
pero, senhor, ren non vos val,
que nunca eu de vós parti
meu coraçon, pois vos amei,
nen ja nunca o partirei
d’amar-vos, e farei meu mal,
e faça-[o] ja, pois Deus quer,
que eu sempre ei ja a desejar
(tanto com’eu viver poder)
mia mort’, e vosso semelhar,
ca nunca tanto viverei
que desej’al, nen sairei
por al de coita, pois Deus quer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 44

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 657-658 [= LPGP 674]); Littera (2016: II, 175).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 13-14); Machado & Machado (1949: I, 59-60); Rios Milhám (2017: I, 18).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 231-232); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 149); Diogo (1998: 10-11); Souto Cabo (2017: 180).

Variantes manuscritas


8 pois] poix B   13 eu o sei] eu a sey B   15 mal ] mal(i) B   16 vos vi] uꝯ (n) uj B   18 parti] Para B   21 -vos] uos B   24 tanto com’eu] cāto comeū B   25 vosso] nosso B   27 desej’al] descial B   28 quer] quiser B

Variantes editoriais


8 pois] poix Michaëlis   16 vos] vus Michaëlis   17 vos] vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis   21 -vos] vos Michaëlis   22 e faça-[o] ja, pois Deus quer] E faç’o ja, pois Deus [o] quer Michaëlis : e [o] faço já, pois Deus quer Littera   23 que ... sempre] qu(e) ... sempr(e) Michaëlis : que ... sempr' Littera

Paráfrase


(I) Porque me facedes, miña señora, perder o desexo e o gusto por todas cantas cousas hai no mundo, agás por vós, por quen eu xa nunca máis perderei os desexos nin nunca desexarei outra cousa no mundo senón vós, señora, (II) ou a miña morte, xa que vós, señora, non me queredes outorgar o voso ben, pois non hai no mundo outra cousa pola que eu poida perder xa a coita que sufro por vós, senón por morrer, ben o sei, ou por me vós concederdes o voso ben, (III) porque me facedes moito mal desde aquel día en que vos vin; mais, señora, de nada vos vale, porque nunca eu afastei de vós o meu corazón, desde que vos amei, nin nunca xamais o afastarei vos amar, e farei mal para min propio, (IV) e fágao xa, pois así o quere Deus, porque eu sempre hei de desexar –durante tanto tempo como eu puider vivir– a miña morte e a vosa fermosura, porque nunca tanto vivirei que desexe outra cousa, nin por outra cousa perderei a miña coita, pois Deus así o quere.

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de catro estrofas singulars de sete octosílabos agudos.

Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8a (= Tav 100:50)

Encontros vocálicos: 23 sempre‿ei ja‿a; 27 sa·i·rei

Notas


Texto
  • 8

    A pesar da grafía do manuscrito, coidamos que <poix> non representa a moderna palatalización portuguesa, senón que se trata dun erro <x>/<s> de copia, que se rexistra máis veces, especialmente no copista b do Cancioneiro da Biblioteca Nacional, mais tamén no copista do Cancioneiro da Vaticana: 484.5 fez (<ffez> B, <ffex> V), 487.30 voz (<uoz> B, <uox> V), 495.2 praz (<prax> B, <praz> V), 563.23 prez (<prex> B, <prez> V), 567.4 fez (<fez> B, <fex> V), 572.13 faz (<fax> B, <faz> V), 575.4 (diz <dix> B, <diz> V), 1031.15 (fiz <fix> B, <fiz> V), 1190.1 Fez (<Fez> B, <Fex> V), 1369.3 dez (<dez> B, <dex> V), 1556.5 rapaz (<rapax> B, <rapaz> V), 1598.24 paz (<par> B, <pax> V). É diferente o caso de formas verbais como prix, pux, quix (e trax)1 , así como o do provenzalismo fix (véxase nota a 20.9), ou o de Beatrix (véxase nota 988.21). Deste xeito, este <poix> debemos polo en relación con <laix> (rúbricas a 1 e 5), <maix> (353.9 e 14) e <poix> (771.9). Finalmente, grafías do tipo <seix> ou <reyx>, entre outras, teñen tamén orixe na grafía latina (cfr. nota a 1369.3).

  • 13

    O erro de B explícase por falsa concordancia con coita (v. 14), xa que, no contexto, trátase da frase formularia eu o sei (véxase nota a 212.14).

  • 14

    O pronome min é forma tónica oblicua en función de complemento indirecto sen preposición, función que na lingua trobadoresca pode ser exercida polas formas pronominais tónicas oblicuas. Cfr., por exemplo, nen quer’eu ela consentir / quanto mal me faz (84.10).

  • 16

    Neste verso aparece a primeira ocorrencia da preposición en nunha crase coa voz anterior (habitualmente coita e dia), tal como se rexistra esporadicamente no corpus; en calquera caso, esta crase ten unha maior presenza no Cancioneiro da Ajuda, que nalgúns casos a presenta fronte a B, que mantén a integridade de en (87.3, 133.15, 279.r1, 306.10) ou que, alternativamente, omite a preposición (70.28, 89.19, 199.14). Véxanse tamén 28.14, 43.20, 59.3, 60.7, 83.19, 133.2, 138.7 e 9, 141.9, 154.r1 e r3, 155.7, 263.6, 267.2, 270.19, 282.8, 388.5390.2, 395.7, 460.4, 465.10, 804.7, 1062.10, 1080.1, 1145.23 e 1420.11. Cfr. nota a 6.4.

  • 18

    A lección errada de B explícase a partir do comprobado erro <a>/<ti> (e <a>/<ci>) nos apógrafos italianos: <Maram> B Martin (115.8), <marã> B Martin (115.22), <parar> B partir (627.9), <parado> BV partido (1326.21), <parar> V partir (1345.13), <conssenar> B consentir (1468.15), <ama> B cima (1489.47) etc.

  • 22

    Sería inédita no corpus a crase faç’o, isto é, a crase entre a vogal final -a da forma verbal faça e o clítico o. É por isto que, perante a hipometría versal, é preferíbel recuperar esta vogal en lugar de introducir un novo pronome, como Michaëlis e Littera (en diferente posición) propoñen no seu texto.

  • 22-25

    Cabería a posibilidade dunha puntuación alternativa á que presentamos, de modo que a conxunción que do v. 23 sexa completiva, a depender de quer (v. 22), embora o tempo verbal presente de aver aconsellan manter pois Deus quer como cláusula causal independente, simétrica coa do v. 28:
              e faça-[o] ja, pois Deus quer
              que eu sempre ei ja a desejar
              (tanto com’eu viver poder)
              mia mort’, e vosso semelhar.

  • 23

    Non se pode admitir a elisión vocálica en que, desnecesaria por canto neste verso se fan as sinalefas sempreei e jaa (Ferreiro 2009). De todos os xeitos, en Michaëlis rexístrase a indicación da crase anómala desta conxunción con certa frecuencia: 38.9, 97.23, 295.1, 305.r2, 324.13, 356.1, 359.14. Cfr. nota a 496.8.

  • 27

    As formas do futuro de indicativo de sair son trisilábicas, con hiato constante na secuencia -ai- (véxanse 499.19 sairei, 1463.25 sairá).

  • 28

    Nótese a necesidade de emendar a forma que remata o verso no manuscrito, tanto por razóns sintáctico-semánticas como métricas (a palabra en rima dos vv. 1 e 7 repítese en todas as estrofas).

  1. ^

    Véxanse as formas fix, quix, prix en serie rimática nas Cantigas de Santa Maria (134.35-37).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado