I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 606); Barbieri (1980: 76 [= LPGP 917]); Lopes (2002: 444); Littera (2016: II, 476).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 363-364); Braga (1878: 199); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 147-148); Machado & Machado (1958: VI, 136).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 52); Tavares & Miranda (1987: 263); Arias Freixedo (2003: 832-833); Fidalgo (2009a: 184).
1 ricomaz ... ricomaz] Ricomas ... Ricomas B 7 ricomaz ... ricomaz] Ricomas ... ricomas B 11 estremar] est’(i)mar B; ben] ber V 13 ricomaz ... ricomaz] ricomas ... Ricomas B
1 ricomaz ... ricomaz] ric’homaz ... ric’homaz Lopes, Littera 7 ricomaz ... ricomaz] ric’homaz ... ric’homaz Lopes, Littera 9 cozinha] cozĩa Barbieri 11 estremar] estimar Lapa, Barbieri, Lopes 12 ést[e]] est Littera 13 ricomaz ... ricomaz] ric’homaz ... ric’homaz Lopes, Littera
Un aristocratón moi rico, un aristocratón moi rico, que maos xantares fai!
(I) Toda a carne que manda cocer, cando alguén a quere ir ver, se antes non se abaixa moito para se achegar, nin sequera pode ver onde está. Un aristocratón moi rico, un aristocratón moi rico, que maos xantares fai!
(II) Quen vexa a carne que ten a cociñar, se non se pára ben niso, non poderá discernir se é carne ou se é peixe. Un aristocratón moi rico, un aristocratón moi rico, que maos xantares fai!
Esquema métrico: 2 x 8a 8a 8a 8b 8B 8B (= RM 19:33)
Xunto con UC 1437 e 1455, esta sátira social contra a mesquindade dalgúns membros alta nobreza, concretizados nun indeterminado ricomaz, forma parte dun pequeno conxunto de tres breves cantigas en que Roi Paez de Ribela escarnece o comportamento avaro dos homes poderosos, e que Rey Somoza (2012: 206-207) considera que “posiblemente, o protagonista dos tres poemas sexa o mesmo personaxe”, sen ser posíbel ofrecer unha identificación.
Esta composición presenta refrán inicial, tal como as cantigas UC 309, 454, 474, 867b, 1572, 1574, 1576 e 1634.
O repetido ricomaz é unha forma despectiva de ricome, co suf. -az que connota tal valor nas poucas voces en que é utilizado, pois a súa presenza é certamente escasa na Idade Media, período en que deixou de ser produtivo (véxase Ferreiro 2001: §458; López Viñas 2021). Nesta mesma cantiga aínda se rexistra a forma pescaz ‘peixe, pescado’ no v. 12, neste caso como voz derivada de pesca.
Nas Cantigas de Santa Maria existen diversas voces sufixadas con -az que presentan o mesmo carácter que as utilizadas por Roi Paez de Ribela:
e pois t’espertares, sei ben certãa
que quantos enfermos fores beijar
serán tan sãos com’hũa maçãa
daqueste fogo e de seu fumaz (CSM 105.110).Como s’achou, non á y mui gran sazon,
en Galiza un escudeiraz peon
que quis mui felon
brita-la eigreja con felonia (CSM 317.6).
O verbo merger ‘baixar, inclinar’ aparece tamén en 774.9 (e el quis oj’os seus olhos merger): a carne é tan escasa no pote que hai que se inclinar moito para a poder ver. Mais este verbo significa tamén ‘somerxer(se)’, que daría lugar a unha interpretación aínda máis ridícula, como a de ter que se mergullar na ola onde a carne se está cocendo para a poder ver.
O verbo estremar ‘separar, distinguir’ (<est’mar> BV) foi sistematicamente convertido en estimar (Lapa, Barbieri, Lopes) cunha emenda da lección manuscrita sen xustificación ecdótica ningunha (véxase Ferreiro 2015: 267-268).
Independentemente de que <este> sexa a forma verbal éste (P3 do presente indicativo de seer) ou a suma do demostrativo este co verbo é (est’é), é moi frecuente en BV (vs. A) a aparición de <est>, aparente latinismo, con ausencia de vogal final e a consecuente hipometría versal. Véxanse 71.6, 89.27, 182.26, 197.18, 302.21, 317.2, para alén daqueles casos en que éste aparece en cantigas transmitidas só polos apógrafos italianos: 184.15, 204.18, 207.11, 464.24, 714.9, 854.12, 993.20, 1075.4, 1497.22, 1625.1, 1652.2 e 1667.17. Véxase Ferreiro (2008a).
Neste sentido, resulta sorprendente a forma est fixada en Littera, que non responde á realidade lingüística da expresión dos trobadores e, ademais, converte o verso en hipométrico.