1446 [= RM 118,1]
Alvar Ro[drigu]iz, monteiro maior

Esta cantiga foi feita a un [e]scudeiro que andou aalen mar, e dizia que fora alo mouro.

Alvar Ro[drigu]iz, monteiro maior,
sabe ben que lhi [á] el-rei desamor
porque lhe dizen que é malfeitor
na sa terra: est’é cousa certa,
ca diz que se quer ir e, per u for,
levará cabeça descuberta.
El entende que faz al rei pesar
se lhi na terr’aqui máis morar;
por én quer ir sa guarida buscar
con gran despeit’en terra deserta,
e diz que pode, per u for, levar
sempr’a cabeça ben descuberta.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


V 1037 (f. 168r, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 481); Simões (1991: 63  [= LPGP 756-757]); Lagares (2000: 126 [rúbrica]); Lopes (2002: 544); Littera (2016: II, 273-274).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 359); Braga (1878: 197); Machado & Machado (1960: VII, 138)
III. Antoloxías: Fonseca (1971: 36); Tavares & Miranda (1987: 338); Diogo (1998: 196); Marcenaro (2006: 356).

Variantes manuscritas


2 el-rei] ellrey V   6 cabeça] cabeza V   7 al rei] allrey V   12 cabeça] cabeza V

Variantes editoriais


Rúbrica: un [e]scudeiro] un scudeiro Lapa : um ‘scudeiro Lopes, Littera; aalen mar] Alem-Mar Lagares 

Texto:
En Lopes o v. 6 de cada estrofa é refrán.
2 [á] el-rei] á ‘l-Rei Lapa, Lopes : há ‘l-Rei Littera   4 est’é] este Lapa : éste Littera   6 descuberta] descoberta Lapa, Lopes, Littera   8 na] [e]na Lapa; terr’aqui] terr[a] aqui Lopes, Littera; morar] [de]morar Simões   12 ben] om. Lopes, Littera; descuberta] descoberta Lapa, Littera

Paráfrase


Esta cantiga foi feita a un escudeiro que estivo alén mar (no norte de África), e dicía que aló fora mouro.

(I) Álvar Rodríguiz, o monteiro maior, sabe ben que o rei o quere mal porque lle din que é malfeitor na súa terra: isto é cousa certa, pois di que se quere ir e que, por onde for, levará a cabeza descuberta.
(II) El sabe que lle causa pesar ao rei se lle fica máis tempo aquí na terra; por iso, con gran despeito, quere ir buscar fortuna en terra deserta, e di que pode, por onde for, levar sempre a cabeza descuberta.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10a 10a 9’b 10a 9’b (= RM 13:43)

Encontros vocálicos: 2 lhi[á]; 8 má·is

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga de Don Pedro de Portugal, con Alvar Rodriguiz de protagonista, forma parte dun ciclo de composicións de Estevan da Guarda (cantigas UC 1317, 1318, 1319, 1334, 1335). Na rúbrica que antecede esta cantiga aparece a chave da interpretación dos equívocos sexuais deste conxunto relativos á circuncisión de Alvar Rodriguiz, xa que se explicita que este personaxe afirmaba que estivera un tempo “alén mar”, isto é, no norte de África, e que “fora alo mouro”, isto é, que se convertera ao islamismo. A este respecto, cómpre destacar que, no marco da coexistencia das tres relixións monoteístas na Iberia medieval —o cristianismo, o xudaísmo e o islam—, a circuncisión estaba fortemente connotada desde o punto de vista cultural e relixioso, marcando unha especial diferenza entre os cristiáns, dunha banda, e os xudeus e musulmáns, por outra. Desta forma, a circuncisión dun cristián podería tomarse como indicio da súa condición de xudaizante ou criptomusulmán.
    Verdadeiramente, Alvar Rodriguiz (monteiro maior, v. 1) é un personaxe descoñecido, aínda que no Projeto Littera (s.v. Alvaro Rodrigues) se apuntou, con moitas dúbidas, a Álvaro Rodrigues Redondo, descendente do trobador Rodrig’Eanes Redondo. Ese personaxe aparece nomeado no Nobiliario do Conde D. Pedro (Mattoso 1980: II/1, 392) como criado de D. Álvaro Gonçalves Pereira, prior dos Hospitalarios e do Crato. Véxase tamén Barbieri (1999b) e Marcenaro & González (2024: s.v. Alvar Rodriguiz). 

  • 2

    A grafía <ll> /l/ en posición implosiva (final de palabra) constitúe unha rareza gráfica nos manuscritos que transmitiron a lírica profana galego-portuguesa. Ausente no Cancioneiro da Ajuda, só aparece esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos. No que di respecto a el <ell>, pronome ou artigo el-(rei), nótese a súa presenza no v. 2, así como na contracción al <all> no v. 7. Outros casos en 637.2 (BV), 868.2 e 5 (BV), 918.8 (V vs. B), 1450.4 (BV). Cfr. nota a 29.22.

  • 6

    A cabeça descuberta podía indicar un xesto de humildade e de arrepentimento: 

    Item lhes mande que se pousem com os giolhos em terra e a cabeça descuberta e com has maanos leuamtadas pera o ceeo quamdo lhes fezer absoluiçõ (Tratado de Confissom; cfr. CGPA, ed. J. Barbosa Machado). 

    Porén, no contexto escarniño moi probabelmente alude a que o mouro Alvar Rodriguiz estaba circuncidado.

  • 8

    Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais ~ máis era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de decenas de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c)1 . A partir deste feito, son desnecesarias as diversas emendas dos editores neste verso, todas inducidas polo aparente problema de hipometría.

  1. ^

    Unha argumentación contra o esporádico valor bisilábico de mais pode verse en Fernández Guiadanes (2023: 2.627-2.655), aínda recoñecendo que “non se pode desbotar por completo a posibilidade de que o resultado galegoportugués de MAGIS mantivese o seu carácter bisílabo ocasionalmente” (ib.: 2.655).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado