I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 186-187 [= LPGP 246]); Pagani (1971: 139-140); Lopes (2002: 511); Littera (2016: I, 272); Arias Freixedo (2017: 141).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 314-315); Braga (1878: 173); Machado & Machado (1958: VI, 44); Callón (2017: II, 46).
III. Antoloxías: Torres (1977: 302); Tavares & Miranda (1987: 137-138); Arias Freixedo (1993: 61); Neves (2004: 139-140).
1 preço] preco B : preto V; esforço] esforco B : esforto V 2 infant[e]] insfant V 3 menin[h]o] meuino V 4 que] q̅ue V; alvoroço] al uoroco B : aluoroco V 5 que] q̅ue V 6 saber] sabēr BV 7 moço] moto BV 8 e] et V 9 do] de B 10 é pera parar-s’a todo ruido] E ꝑa passay e pa passa(r) to doyruido B : et ꝑa passar τ ꝑa parassa todoir uydo V 11 e] et V 12 e] et V 13 sab’ora] sal ora B : sabi ora V 14 e ... mour’] et ... moro V 15 do] de V 16 coraçon] coracom BV 17 cria] tria B 18 parece] parete V 19 e] et V 20 poi-lo] poyle V; assi] asy B 21 este mouro tan neno] om. B
Lopes presenta como refrán o v. 7 de cada estrofa.
9-10 ome comprido / é] om’é comprido / e Lapa : hom’é comprido / e Lopes, Littera, Arias Freixedo 10 parar-s’a todo ruido] parar-se a tod’arroido Lapa, Lopes, Littera : parar-se a todo ruido Pagani, Arias Freixedo 12 en] in Pagani 15 ten o] teno Lapa, Pagani : ten’o Lopes, Littera
(I) Álvar Rodríguiz gaba moito a forza de ánimo deste infante mouro tan noviño, e di que, aínda que parece un meniño, quere meterse en todos os alborotos; mestre Alí, así vexas pracer, trata de saber de Álvar Rodríguiz, se fode xa este mouro tan novo.
(II) (Álvar Rodríguiz) di que polas mañas e pola súa aparencia sabe el do mouro que é home feito e dereito para se meter en todos os barullos, e que sabe que así é o seu talante; mestre Alí, así morras conforme a túa fe, procura saber como é este caso de Álvar Rodríguiz e se fode xa este mouro infante.
(III) El di do mouro que sabe que ten o ánimo disposto a meterse en todas as leas, porque o cría e xa lle coñece o xeito de ser, aínda que parece de corpo pequeno; mestre Alí, fai por saber agora con certeza, de Álvar Rodríguiz, xa que iso pensa, se fode xa este mouro tan neno.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:191)
Encontros vocálicos: 13 como‿é
Esta cantiga, con Alvar Rodriguiz como personaxe central, forma parte dun ciclo composto por cantigas de Estevan da Guarda (cantigas UC 1317, 1318, 1319, 1335), así como na cantiga UC 1446 de Don Pedro de Portugal, onde Alvar Rodriguiz é definido como monteiro maior. En calquera caso, na rúbrica que antecede a cantiga do conde aparece a chave da interpretación dos equívocos sexuais deste conxunto relativos á circuncisión de Alvar Rodriguiz, pois nela dise que este personaxe afirmaba que estivera un tempo “alén mar”, isto é, no norte de África, e que “fora aló mouro”, isto é, que se convertera ao islamismo. A este respecto, cómpre destacar que, no marco da coexistencia das tres relixións monoteístas na Iberia medieval, o cristianismo, o xudaísmo e o islam, a circuncisión estaba fortemente connotada desde o punto de vista cultural e relixioso, marcando unha especial diferenza entre os cristiáns, dunha banda, e os xudeus e musulmáns, por outra. Desta forma, a circuncisión dun cristián podería tomarse como indicio da súa condición de xudaizante ou criptomusulmán.
Verdadeiramente, Alvar Rodriguiz é un personaxe descoñecido, aínda que no Projeto Littera (s.v. Alvaro Rodrigues) se apuntou, con moitas dúbidas, a Álvaro Rodriguiz Redondo, descendente do trobador Rodrig’Eanes Redondo. Ese personaxe aparece nomeado no Nobiliario do Conde D. Pedro (34W4) como criado de D. Álvaro Gonçalves Pereira, prior dos Hospitalarios e do Crato (véxase tamén Marcenaro & González 2024: s.v. Alvar Rodriguiz).
Nótese a perfecta equivalencia na lingua das cantigas entre preço e o provenzalismo prez.
Igual que acontece con cofonder ~ confonder ou iferno ~ inferno, no corpus trobadoresco, e na lingua medieval, coexisten, sen flexión xenérica (a forma feminina só aparece no século XV, véxase CGPA, s.v. infanta), ifante e infante (< infantem), pois a primeira forma atéstase tamén en 550.6, 1118.12 e 1623.14, fronte a infante, que presenta máis ocorrencias (tamén en 1335.3, 1618.1 e 15). Véxase nota a 379.11.
Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética:
e diz que, pero parece menin[h]o,
que parar-se quer a tod’alvoroço.
Non é segura a identificación deste maestre Ali (véxase tamén UC 1335). Con este nome é citado un físico de D. Afonso IV nun documento de 1340, probabelmente o personaxe citado por Estevan da Guarda; porén, por esas datas tamén existe outro mestre Ali ao servizo do mesmo monarca, que chegou a ser emisario do rei. Véxase Projeto Littera (s.v. Mestre Ali) e Marcenaro & González (2024: s.v. Mestre Ali)1
.
Tanto neste verso (que vejas prazer) como no v. 12 (que moiras en fe), a cantiga, dirixida ao maestr’Ali, introduce unha apelación directa, moi próxima das expresións formularias tan frecuentes na lírica trobadoresca.
O verbo foder (do lat. futuĕre), voz escatolóxica reiterada nos vv. 14 e 21, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pertencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):
diz que tu,
quando naceo Barzabu,
eras ja diabo feito.
E que jaa entam fodias
e ias contr’òs inimigos.
En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que parece recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).
A voz sembrante, do prov. semblant, é usada tamén na prosa literaria medieval, mais é termo descoñecido na produción notarial (véxase CGPA, s.v. sembrante, semblante).
Nestes versos achamos varias posibilidades de fixación textual no relativo ao elemento <e>, que a maioría dos editores interpretaron como forma verbal no v. 9, na esteira de Lapa:
Diz que, per manhas e per seu sembrante,
sab’ el do mouro que om’ é comprido
e pera parar-se a tod’ arroído
e que sabe que tal é seu talante.
Porén, parece máis acaído interpretar como verbo o elemento inicial do v. 10, ficando, deste xeito, ome sen segmentación, tal como edita Pagani.
A partir das leccións de BV (<sal ora> B, <sabi ora> V) e do confronto co v. 19 (sab’i ora), coidamos que a lección correcta é sab’ora (cfr. sab’i ora en Lapa), pola esperada variación entre os dous versos, para alén do frecuente erro <l>/<b> no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (e tamén en V). Eis algunhas ocorrencias do erro en B: cambio <cālho> B, <tālho> V (874.5); <cālho> BV (874.8); nembre <nēl’> B, <nēb’> V (840.10); soube <ssoule> B, <ssoube> V (938.2); receber <receler> B, <rreceber> V (938.8); bando <lando> B, <bando> V (1325.2); ben <len> B, <bē> V (1345.8); boa <lra> BV (1387.15) etc.
Nótese a rareza da rima ten o (v. 15) con pequeno (v.18) e neno (v. 21), que engloba dous elementos lingüísticos totalmente independentes na primeira secuencia rimante, do mesmo modo que na cantiga 634.28-21 (u me – lume – queixume) e 1437.4 (ben as – pequenas; de forma similar, con verbo + clítico, en soo – doo – negó-o (292.14-16), vi-as - dias – dirias (443.7-9), vi-a - averria – querria (807.8-14), dia - vi-a (1236.15-19), Alho – dá-lho (1343.r1-2), pao - dá-o - vao - mao; paa - dá-a - vaa – maa (1344.25-31, 26-32), as[s]eitou-me – er[r]ou-me (1638.10-11). Véxase Ferreiro (2021b: 92-97).
A locución adverbial modal a feito ‘sen interrupción, decote’ conta con poucas documentacións no corpus trobadoresco: 6.16, 1201.9, 1405.3, 9 e 15.
A voz neno, con rexo uso no galego moderno, é certamente inusual nos textos medievais, onde semella exclusivo dos textos xerados en territorio da Galiza. Porén, xa aparece moi cedo, nun documento de 1243 (CGPA, s.v., ed. Rodríguez González & Rey Caíña):
Sabyam todos per este scripto como Maria Panguil, filla que foy de Fernan Gundisalui Bulsin, outorgou a un neno que auia Fernan Gundisalui de Maria Dominguez que era afillado de don Romeu Perez, abbade de Uillanoua de Laurençana, aquella manda que Fernan Gundisalui mandou a esse neno et per aquel preeto que lo el mandou et que don abbade lo teuesse en garda et encomenda como lo Fernan Gundisalui mandara.
Véxase tamén a forma feminina nun documento de 1403 (CGPA, ed. Graña Cid):
Item mando que den aa nena que mora en na casa duas trases et hun tornes et huna camisa et duas sauaas.
Ademais, é utilizada na prosa literaria, e así se rexistran na Geral Estoria, na Historia Troiana e tamén na Crónica Troiana, así como moi frecuentemente nos Miragres de Santiago (véxase CGPA, s.v. neno(s).
Nas Cantigas de Santa Maria tamén comparece un maestr’Ali nun milagre narrado por Afonso X (CSM 358).