1290 [= Tav 93,5]
Non poss’eu, madre, ir a Santa Cecilia

Non poss’eu, madre, ir a Santa Cecilia,
ca me guardades a noit’e o dia
do meu amigo.
Non poss’eu, madr[e], aver gasalhado,
ca me non leixades fazer mandado
do meu amigo.
Ca me guardades a noit’e o dia,
morrer-vos-ei con aquesta perfia
por meu amigo.
Ca mi non leixades fazer mandado,
morrer-vos-ei con aqueste cuidado
por meu amigo.
Morrer-vos-ei con aquesta perfia,
e, se me leixassedes ir, guarria
con meu amigo.
Morrer-vos-ei con aqueste cuidado,
e, se quiserdes, irei mui de grado
con meu amigo.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1273, V 879

A estrofa V só foi copiada no Cancioneiro da Vaticana.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 437-438 [= LPGP 617-618]); Lopes (1963: 58-59); Cohen (2003: 508); Littera (2016: II, 88-89).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 300-301); Braga (1878: 165); Machado & Machado (1956: V, 386-387); Monteagudo (1998b: 138); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 69-70); Seoane (1941: 45); Nemésio (1961 [1949]: 169); Fernández Pousa (1951: 107); Piccolo (1951: 83-84); Varela Jácome (1953: 41-42); Nunes (1959: 353-354); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 45-47); Álvarez Blázquez (1975: 115-116); Torres (1977: 295); Correia (1978: 150); Delgado León (1996: 90).

Variantes manuscritas


1 madre, ir] madr(a) hir B   4 gasalhado] gasalhada BV   8 Moireruꝯ ey cō aq̄sta (cuydado) ꝑfia B   11 morrer] Moirer B   13 Morrer] Moirer B   16 Morrer] Moirer B   17 e, se] esse(r) V

Variantes editoriais


1 Santa] Sancta Lopes   4 madr[e]] madr’ Nunes : madr Lopes   10 mi] me Nunes

Paráfrase


(I) Non podo eu, madre, ir a Santa Cecilia, porque me gardades noite e día do meu amigo.
(II) Non podo eu, madre, ter pracer, porque non me deixades cumprir o mandado do meu amigo.
(III) Porque me vixiades noite e día, heivos morrer con este empeño por meu amigo.
(IV) Porque non me deixades cumprir o seu mandado, heivos morrer con este pesar por meu amigo.
(V) Heivos morrer con este empeño, e, se me deixásedes ir, ficaría ben con meu amigo.
(VI) Heivos morrer con este pesar, e, se quixerdes, irei de moi de grado con meu amigo.

Métrica


Esquema métrico: 6 x 10’a 10’a 4’B (= Tav 26:89)

Encontros vocálicos: 1 madre,‿ir; Ce·ci·li͜a

Notas


Texto
  • 1-2

    Como noutras pasaxes de Martin de Giinzo, aparece a referencia a Santa Cecilia, unha ermida dedicada a esta santa, aínda sen identificar, probabelmente ligada tamén a Soveral (Sobral), lugar da parroquia de Xeve, no concello de Pontevedra (Galiza), moi próximo a Bagüín, no concello de Marín (véxase cantiga 1292). Por outra parte, Souto Cabo (2018: 88) relaciona o xograr coa parroquia de Xinzo (concello de Ponteareas), onde hai un lugar actualmente denominado Sobral (nome de diversos lugares no sudoeste galego).

    Santa Cecilia, forma presente en todas as cantigas de Martin de Giinzo, agás na última (talvez incompleta), mostra unha forma antroponímica discutida por Montero Santalha (2004), que apunta a posibilidade de Cecilia contituír unha corrección latinizante nos cancioneiros, razón por que propón a emenda Cecia: «É uma modificação que, embora insegura, me parece mais provável que a opção de manter a lição dos manuscritos [...]. Por diversos motivos considero que Cecia devia de ser a forma empregada originariamente pelo trovador, e que a forma Cecília reflectirá uma correcção de influxo culto realizada no processo de transmissão textual. Com efeito, Santa Cecia é forma usada em documentos medievais e que ainda pervive hoje».
    No entanto, é sistemático o uso desta forma nas cantigas de Martin de Giinzo, e varias veces en rima: dia : Cecilia  (1288.1-3, 1290.1-2, 1291.1-2), romaria : Cecilia (1289.1-2), Cecilia : queria (1289.11-12).
    No que di respecto á documentación medieval, só achamos Cezia nun documento de 1289 (véxase TMILG, s.v.): Item aa ygregaa de Santa Cezia et da uila I doezema que (...) XV soldos de leoneses. As restantes atestacións levan á forma Cecilia (en dia de Santa Cecilia en pã e uino; doc. de mediados do s. XIII) e a Cezilia (Cezilia Afonso; doc. de 1453), forma que tamén aparece nun texto da Chancelaría de Dom Duarte, xunto coa variante Cezilha (cfr. CdP, s.v.). Canto ás Cantigas de Santa Maria, rexístrase só a forma Cezilla:
              E trouxe dous menynnos
              sig’, aquel fill’e hũa filla;
              e macar pequenỹos
              eran, por los de peccadilla
              tirar, en Santa Cezilla,
              na pia sagrada,
              os fez dessa vegada
              A Madre de Deus onrrada ... (CSM 89.74).

    De novo, resulta extraordinaria a rima Cecilia : dia (tamén dia : Cecilia en 1288.1-3, e romaria : Cecilia e mais Cecilia : queria en 1289.1-2 e 11-12), similar a outras rimas defectuosas, como nemiga : preitesia. Véxase nota a 494.7-8 e 1287.8.

  • 3

    Repárese no acompasamento do refrán á sintaxe das estrofas, que explica a substitución progresiva da preposición de nas estrofas I-II pola preposición por (estrofas III-IV) e despois con (estrofas V-VI).

  • 4

    O substantivo gasalhado, en xeral coa acepción de ‘pracer (compartido)’ (véxase nota a 1192.13), é voz utilizada preferentemente en cantigas de amigo: fóra deste xénero só volve aparecer en 466.24 e 1487.15.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado