1182 [= Tav 85,18]
Sen meu amigo manh’eu senlheira

Sen meu amigo manh’eu senlheira
e sol non dormen estes olhos meus,
e quant’eu posso peç’a luz a Deus
e non mi-a dá per nulha maneira;
mais, se masesse con meu amigo,
a luz agora seria migo.
Quand’eu con meu amigo dormia,
a noite non durava nulha ren,
e ora dur’a noit’e vai e ven,
non ven [a] luz nen parec’o dia;
mais, se masesse con meu [amigo,
a luz agora seria migo].
E, segundo com’a mí parece,
u migo man meu lum’e meu senhor,
ven log’a luz de que non ei sabor,
e ora vai noit’e ven e crece;
mais se masesse con [meu amigo,
a luz agora seria migo].
Pater nostrus rez’eu máis de cento
por Aquel que morreu na vera cruz,
que El mi mostre mui ced[o] a luz,
mais mostra-mi as noites d’Avento;
mais, se masesse con meu [amigo,
a luz agora seria migo].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1165, V 771

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 356-357 [= LPGP 583-584]); Reali (1964: 21); Cohen (2003: 399); Littera (2016: II, 33-34).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 266); Braga (1878: 145); Machado & Machado (1956: V, 261).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 58-59); Piccolo (1951: 141-142); Varela Jácome (1953: 21-22); Nunes (1959: 285-286); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 61-63); Landeira Yrago (1975: 134-135); Torres (1977: 83-84); Correia (1978: 120); Reckert & Macedo (1980: 70); Fiúza (1981: 27-29); Alvar & Beltrán (1989: 317); Pena (1990: 123-124); Jensen (1992: 192); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 140); Diogo (1998: 231); Vallín (1999: 67-68); Arias Freixedo (2003: 570-571); Mongelli (2009: 120).

Variantes manuscritas


2 dormen] dorme V   3 peç’a] peza V   4 nulha] (nuhla) nulha B   10 parec’o] parezo V   14 u migo] comigo BV   20 morreu] moireu B

Variantes editoriais


14 u migo] comigo Nunes   16 vai noit’] vay [a] noit’] Reali; crece] cresce Nunes   19 nostrus] nostros Cohen   21 El] el[e] Cohen; ced[o] a] ced’a Cohen, Reali

Paráfrase


(I) Sen o meu amigo estou soa e apenas dormen estes ollos meus, e pido a Deus a luz canto podo, e non ma concede de forma ningunha; mais, se estivese co meu amigo, a luz agora estaría comigo
(II) Cando eu durmía co meu amigo, a noite non duraba nada, e agora a noite dura e vai e vén, e non vén a luz nin aparece o día; mais, se estivese co meu amigo, a luz agora estaría comigo.
(III) E, segundo me parece a min, cando está comigo o meu lume e o meu señor, axiña vén a luz –que non desexo–, pero agora é de noite, e esta vén e crece; mais, se estivese co meu amigo, a luz agora estaría comigo.
(IV) Eu rezo máis de cen Pater nostrus por Aquel que morreu na cruz, para que El me mostre axiña a luz, pero móstrame as noites de Advento; mais, se estivese co meu amigo, a luz agora estaría comigo.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 9’a 10b 10b 9’a 9’C 9’C (= Tav 160:296)

Encontros vocálicos: 4 mi‿a; 22 ma·is, -mi‿as

Notas


Texto
  • 1

    O verbo maer ‘permanecer’ está moi pouco documentado no corpus lírico profano; nesta cantiga de Juião Bolseiro rexístrase en tres ocasións: manh(o) (P1 do presente de indicativo), v. 1; man, evolución regular do lat. manet (P3 do presente de indicativo), v. 5; masesse, do lat. mansĭssem (P1 de pretérito de subxuntivo), v. 14.

    A forma xeral no corpus das cantigas, derivada de singularium, é senlheiro/a (ás veces coa forma disimilada sinlheiro; véxase nota a 478.48), con evolución regular da secuencia [ng’l] a [nʎ] (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §91b). Porén, en Martin Codax documentamos senneira, co seguinte paso evolutivo da secuencia [nʎ] a [ɲ] (cfr., por exemplo, ŭngŭlam > unlla > uña). Cfr. nota a 1298.2.

  • 10

    A métrica do verso apunta á necessidade de recuperar o artigo coa forma luz, que o presenta nas restantes ocorrencias da cantiga (vv. 3, r2, 15, 21).

  • 14

    A pesar da coincidente lección <comigo>, o sentido e tamén o paralelismo coa estrofa anterior indica que é necesaria a emenda u migo (xa en Reali), en paralelo con quando (v. 7): Quand’eu con meu amigo dormia, / a noite non durava nulha ren, / e ora dur’a noit’e vai e ven, / non ven [a] luz nen parec’o dia (vv. 7-10) = u migo man meu lum’e meu senhor, / ven log’a luz de que non ei sabor, / e ora vai [a] noit’e ven e crece (vv. 14-16).
    A invocación ao amigo como meu lum’e meu senhor volve aparecer en Martin de Caldas: ca se quer ir meu lum’e meu senhor (1214.9); ademais, a mesma fórmula é utilizada para a amiga nunha cantiga de amigo dialogada de Martin de Padrozelos: Ai mia senhor e meu lume, / se de mí queixum’avedes, / por Deus que o melhoredes (1256.4).

  • 20

    A vera cruz (literalmente ‘verdadeira cruz’) designa o leño onde Xesús Cristo foi crucificado. É sintagma moi utilizado na produción medieval (véxase CGPA, s.v.).

  • 22

    A posibilidade de considerar bisilábico o adverbio máis (Ferreiro 2016c) permite unha contaxe decasilábica do verso sen reintegración de ningún tipo (el[e], ced[o]).

    As noites de Advento aluden ao período de catro semanas anterior ao Nadal, que ten as noites moi longas, con escuridade crecente até o día 21 de decembro.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado