1477 [= RM 64,11]
Estavan oje duas soldadeiras

Estavan oje duas soldadeiras
dizendo ben, a gran pressa, de sí,
e viu a ũa delas as olheiras
de sa companheira, e diss’assi:
«Que enrugadas olheiras tẽedes!».
E diss’a outra: «Vós com’ar veedes
desses ca[......................... -eiras]».
E [...................................... -eiras
................................................ -i
......................................... -eiras]
en esse vosso rostro. E des i
diss’el’outra vez: «Ja vós doit’avedes!
Mais tomad’aquest’espelh’e veeredes
toda-las vossas sobrancelhas veiras».
E ambas elas eran companheiras,
e diss’a ũa en jogo outrossi:
«Pero nós ambas somos muit’arteiras,
milhor conhosc’eu vós ca vós [a] min».
E diss’[a] outra: «Vós, que conhocedes
a min tan ben, por que non entendedes
como son covas essas caaveiras?».
E depois tomaran senhas masseiras
e banharon-se e loavan-s’ali;
e quis Deus que, nas palavras primeiras
que ouveran, que chegass’eu ali.
E diss’a ũa: «Mole ventr’avedes!».
E diss’a outra: «E vós mal ascondedes
as tetas, que semelhan cevadeiras!».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 1458 (f. 305v, cols. a-b), V 1068 (f. 174r, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 295-296 [= LPGP 416]); Zilli (1977: 166-167); Lopes (2002: 202); Littera (2016: I, 489-490).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 371); Braga (1878: 203-204); Machado & Machado (1958: VI, 160-161).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 117); Marcenaro (2006: 228-230); Mongelli (2009: 194); Corral Díaz & Vieira (2023: 92).

Variantes manuscritas


1 soldadeiras] solda deytas B   4 e] Et B   5 enrugadas] en irugadas B; tẽedes] Teendes B : teendes V   6 E] Et B   7 desses B : desses ca V   11-14 om. V   13 espelh’e veeredes] ee pelhe / Neeređs B   14 veiras] neiras B   17 ambas] (a) / anbas V; muit’arteiras] muj tāteiras B : muytā teyras V   18 vós] nos B   24 Deus] ds̄(ꝯ) B : des V   26 avedes] a\ue/des V   27 ascondedes] o ascōdeđs B : o ascondedes V   28 tetas] cecas B : tecas V; cevadeiras] cenadeyras B

Variantes editoriais


4 e] et Zilli   5 tẽedes] teendes Zilli, Lopes, Littera   6 E] Et Zilli; ar] as Lapa   7 desses ca[belos sobr’essas trincheiras]? Lapa, Littera : desses ca[belos ...] Lopes   8 E] om. Lapa   10 en esse] en’esse Lopes, Littera   11 vosso] om. Lopes, Littera   12 doit’avedes] dult’avedes Lapa : doit’, a vedes Zilli   22 tomaran] tomarom Lopes   23 -s’ali] s’a si Lapa, Lopes : s’assy Zilli : s’assi Littera   25 ouveran] ouveron Lapa : houverom Lopes, Littera   27 outra] outr’ Lapa, Lopes, Littera; mal ascondedes] mal o ‘scondedes Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Estaban hoxe dúas soldadeiras falando moi ben, e moi ás présas, de si mesmas, e unha delas viu as olleiras da súa compañeira e dixo así: «Que olleiras enrugadas tendes!». E dixo a outra: «Como vedes vós tamén con eses [...]».
(II) E [...] nese voso rostro. E despois dixo ela outra vez: «Vós xa tendes por costume! Mais tomade este espello e veredes as vosas cellas todas encanecidas».
(III) E elas ambas eran compañeiras, e dixo unha delas, tamén como burla: «Aínda que nós ambas somos moi arteiras, mellor vos coñezo eu a vós que vós a min». E dixo a outra: «Vós, que tan ben me coñecedes a min, por que non vos decatades de que esas cuncas dos ollos son covas?».
(IV) E despois tomaron senllas maseiras e bañáronse e louvábanse alí; e quixo Deus que, nas primeiras palabras que se dixeran, chegase eu alí. E dixo unha delas: «Mol ventre tendes!». E dixo a outra: «E vós mal escondedes as tetas, que semellan sacos de cebar cabalos!».

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10’a 10b 10’c 10’c 10’a (= RM 100:38)

Encontros vocálicos: 13 ve͜e·re·des; 16 jogooutrossi; 23 -see; 27 outra:E

Notas


Texto
  • 5

    Neste verso a común lección <teendes> de BV aparenta mostrar consolidado o desenvolvemento da consoante nasal implosiva a partir da nasalidade inicial (tĕnētĭs > tẽedes > teendes). No entanto, achamos que os datos suxiren que a consoante implosiva é desenvolvemento gráfico da nasalidade vocálica por parte dos copistas: en 552.16 tẽede presenta as leccións <Teende> B, <tẽede> V, que leva a fixar a forma tẽede, do mesmo modo que no presente verso é necesaria a emenda para tẽedes pola rima con veedes. No verbo viir, só rexistramos vĩid(e) en 778.5, xunto cun testemuño contraditorio en 774.r1, coas leccións <Uijnde> / <Vimde> / <Vijde> B e <nunde> / <nunde> / <uijde> V, que levan para un texto vĩide / vĩide / viide (con mínima variación lingüística no refrán).

  • 12

    Procedente do participio lat. dŭctum (de ducere ‘conducir’), doito ‘experimentado, acostumado’ ten unha limitada presenza no corpus trobadoresco profano (véxase tamén 324.3, 517.11, 1601.7). Neste caso, aver doito significa ‘ter por costume’.

  • 14

    As sobrancelhas veiras terán xa pelos brancos polo paso do tempo (cfr. a var. sobrencelhas en 1629.10).

  • 18

    Aínda que minoritaria, a forma milhor, con pechazón de /e/>/i/ por influencia de consoante palatal (por iode na súa base etimolóxica meliōrem), ten certa presenza na lingua trobadoresca.

  • 18-19

    A sílaba ausente en cada un destes versos é doadamente reintegrábel a partir da indicación da propia cantiga: E diss’[a] outra (v. 18) = e diss’a ũa, v. 16; E diss’a ũa, v. 26; E diss’a outra, v. 27. E no v. 19 (conhosc’eu vós ca vós [a] min), a reintegración da preposición a vén suxerida pola mesma construción no v. 20: Vós, que conhocedes / a min tan ben; porén, tamén podería recuperarse a sílaba omitida no verso mantendo a simetría estrutural dos complementos sen preposición: conhosc[o] eu vós ca vós min.

  • 21

    No contexto, a caaveira refírese á estrutura ósea do rostro, e concretamente á parte alta do rostro (onde están as cuncas dos ollos que parecen covas).

  • 22

    O indefinido senhos (1604.17, 1615.17) contrasta foneticamente con senlheiro/a ~ sinlheiro/a, forma maioritaria no corpus das cantigas, derivada de singularium/am, con evolución regular da secuencia [ng’l] a [] (véxase Ferreiro 1999: §91b). Porén, tanto no indefinido senhos (cfr. senllos/as ~ senlos/as e senhos/as ~ sennos/as ~ senos/as, senhos/as no CGPA) como senneira na cantiga 1298 de Martin Codax, mostran o seguinte paso evolutivo da secuencia [] a [ɲ] (cfr., por exemplo, ŭngŭlam > unlla > uña). 
    Obsérvese, por outra parte, o uso dun termo da vida agraria tan connotado como masseira, que xa aparecía cun uso burlesco na gesta de mal dizer de Airas Perez Vuitoron (1489.44). Véxase a súa aparición nun documento de 1414 (CGPA, ed. Ferro Couselo): 

    Iten, mando mays aa dita iglesia de Sant Pedro a miña caldeira e as gramalleiras e mesas e maseiras que teño eno forno de Millmanda.

  • 23-25

    Nótese a repetición da palabra rimante (ali) nestes dous versos, feito que, en principio, constitúe unha anomalía na poética trobadoresca, sen relación con algúns artificios construtivos na rima. Tal reiteración rimática obsérvase esporadicamente ao longo do corpus: 14.48-50 (poderia), 524.9-11 (ei), 704.7-8 (eles), 734.19-20 (i), 783.22-23 (son), 821.16-17 (al), 838.7-11 (é), 879.19-20 (al), 923.10-11 (ei), 926.22-25 (ei), 935.18-20 (i), 1034.7-9 (quiser), 1043.14-15 (al), 1329.15-21 (vista), 1354.r1-r2, 1366.12-15 (i), 1387.10-14 (treedor), 1388.1-7 (talharon), 1470b.12-13 (én), 1506.2-3 (cantar), 1535.18-21 (i), 1540.14-18 (i), 1549.19-20 (én), 1633.8-14 (capa).
    Este feito explica a emenda dos editores no v. 23: ali > a si / assi.

  • 24-25

    Como é relativamente frecuente, nestes versos tamén asistimos á repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: 

    e quis Deus que, nas palavras primeiras
    que ouveran, que chegass’eu ali.

  • 27

    A construción da pasaxe demostra que o pronome o é adventicio no verso (o CD é tetas, v. 28); a súa presenza espuria por erros de transmisión pode verse noutros contextos ao longo do corpus das cantigas profanas: 423.4 (V), 776.15 (BV), 1029.7 e 13 (BV), 1374.4 (BV), 1477.27 (BV). Na edición de Lopes explicítase que o pronome ten como referente o ventre, a teor do seu comentario sobre a interpretación lapiana e a expunción do pronome: «Lapa leu: mal ascondedes / as tetas..., leitura que me parece incorrecta. De facto, não são as tetas que ela esconde, mas a grande barriga» (p. 569). Non obstante, a interpretación de Lopes (e Littera) xera un problema de desconexión sintáctica, ficando o v. 28 isolado do período (e sen verbo principal).

  • 28

    A reiteración do uso de tetas nas Cantigas de Santa Maria, ben como noutros textos medievais, demostra que esta voz non formaba parte do grupo de termos da esfera sexual excluídos dos usos sociais formais.
    A cevadeira é definida no Dicionário de Vieira como “[b]olsa de panno em que se dá a cevada a comer ás cavalgaduras” (Vieira 1871-1874: s.v. cevadeira).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado