I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 603); Barbieri (1980: 70 [= LPGP 917-918]); Lopes (2002: 443); Littera (2016: II, 475).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 355); Braga (1878: 195); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 146 [estrofas I-III]); Machado & Machado (1960: VII, 125-126).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 50); Gonçalves & Ramos (1983: 276); Tavares & Miranda (1987: 262); Jensen (1992: 358); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 219); Magalhães (2007: 138); Gutiérrez (2023: 215).
7 E venden ... truitas] Venden ... cruytas V 8 compra] ecōpra V 11 riindo] trijndo V
1 ricome] ric’home Lopes, Littera 4 por quanto xi quer, e ben as] Por quanto xi queren nenas : Por quanto xi quer apenas Barbieri : Por quanto xi querem nenas Lopes, Littera
(I) Vén un nobre moi rico das troitas, que compra dúas e parécenlle moitas, e das dúas só coce unha, (II) que é todo canto quere, e por iso compra dúas pequenas, e das dúas só coce unha.
(III) E venden cen troitas vivas, compra delas dúas cativas, e das dúas só coce unha.
(IV) E, cando as venden rebulindo, vaise de alí con dúas rindo, e das dúas só coce unha.
Esquema métrico: 4 x 7’a 7’a 5’B (= RM 26:114)
Xunto con UC 1455 e 1456, esta sátira contra a mesquindade dun nobre moi rico forma parte dun pequeno conxunto de tres breves cantigas en que Roi Paez de Ribela escarnece o comportamento avaro dos homes poderosos, e que Rey Somoza (2012: 206-207) considera que “posiblemente, o protagonista dos tres poemas sexa o mesmo personaxe”, sen ser viábel ofrecer unha identificación.
Ningunha das edicións existentes liga sintacticamente as estrofas I-II, feito que provoca unha obvia incomodidade sintáctico-semántica e obriga a emendas varias. A partir desta ligazón sintáctica, propomos ler literalmente, coa debida segmentación, o texto que V subministra no final do v. 4 (e ben as), e que acae ao sentido da estrofa (véxase Montero Santalla 2000: 658), ao tempo que permite a presenza da copulativa que une coz(e) (v. 3) con compra (v. 5). Polo contrario, o nenas proposto por Lapa (e acollido por Lopes e Littera) non cadra no contexto, pois é forzado o seu uso como adxectivo ao tempo que semanticamente non semella aceptábel; pola súa parte, Barbieri recolle a proposta de Michaëlis, aínda que apenas é forma introducida tardiamente na lingua (cfr. apẽas nalgún texto medieval), de modo que as dúas atestacións anteriores a 1350 son da tradución galega (a partir do castelán) da Crónica Geral Galega. Véxase CGPA e CdP.
Nestes versos levántase un problema coas rimas pequenas : ben as, pois, en principio, o adverbio ben ten vogal aberta /ɛ/, situación similar á de Estevan da Guarda na cantiga 1334, estrofa III: ten o : pequeno : neno. En calquera caso, esta combinación rimática é similar ás rimas que presentan voces independentes con un conglomerado de verbo + pronome, tal como soo – doo – negó-o (292.14-16), vi-as - dias – dirias (443.7-9), vi-a - averria – querria (807.8-14), dia - vi-a (1236.15-19), Alho – dá-lho (1343.r1-r2), pao - dá-o - vao - mao; paa - dá-a - vaa – maa (1344.25-31, 26-32), as[s]eitou-me – er[r]ou-me (1638.10-11), ben como na cantiga 634.28-21 (u me – lume – queixume). Véxase Ferreiro (2021b).
Moi probabelmente a conxunción copulativa inicial do v. 7 foi deslocada no proceso de copia para o inicio do v. 8, xerando un duplo problema métrico, con hipometría no primeiro verso, e hipermetría no segundo. Restauramos a colocación da copulativa tal como acontece noutras pasaxes das cantigas (véxase, por exemplo, 68.19-20, 337.7-8, 1462.11-12...).