1394 [= RM 125,13]
Fernand’Escalho leixei mal doente

Fernand’Escalho leixei mal doente
con olho mao tan coitad’assi
que non guarra, cuid’eu, tan mal se sente,
per quant’oj’eu de Don Fernando vi,
ca lhi vi grand’olho mao aver
e non cuido que possa guarecer
dest’olho mao, tant’é mal doente.
E o maestre lhi disse: «Dormistes
con aquest’olho mao, e por én,
Don Fernando, non sei se vó-lo oistes:
“quen se non guarda, non o preçan ren”;
por én vos quer’ũa ren dizer ja:
se guarirdes, maravilha sera,
dest’olho mao velho que teedes,
ca conhosc’eu mui ben que vós avedes
olho mao, mesto con cadarron,
e deste mal guarecer non podedes
tan ced[o], e direi-vos por que non:
ca vós queredes foder e dormir;
por esto, sodes mao de guarir
dest’olho mao velho que avedes».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1376 (f. 294r, cols. a-b), V 984 (f. 157r, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 559); Blasco (1984: 245 [= LPGP 817]); Lopes (2002: 408); Marcenaro (2012b: 362); Littera (2016: II, 369-370); Arias Freixedo (2017: 328).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 337); Braga (1878: 185); Fernández Pousa (1953: 31); Machado & Machado (1958: VI, 111-112); Callón (2017: II, 89).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 146-147); Arias Freixedo (1993: 55); Diogo (1998: 91-92).

Variantes manuscritas


2 coitad’assi] coytassy V   3 guarra] guaira B   6 guarecer] guare\c/e(l)r V   11 preçan] p̃can B : p̃zā V   12 por én] poten V; quer’ũa] quereu huā B : q̄reu hūa V   13 guarirdes] guarides B   14 velho] uel\h/o V   16 mesto con cadarron] maesto con cadairon B   21 mao velho que avedes] om. B

Variantes editoriais


3 que] ca Marcenaro   11 non o] nõn’o Lopes   12 vos] vus Blasco; quer’ũa] quer’eu ũa Lapa, Blasco, Lopes, Littera, Arias Freixedo   13 guarirdes] guarides Lapa, Lopes, Littera   18 ced[o]] ced’ Lapa, Blasco, Lopes, Littera, Arias Freixedo; vos] vus Blasco

Paráfrase


(I) Deixei a Fernando Escallo moi doente con mal de ollo, a sufrir tanto que penso que non se recuperará, a xulgar polo que eu lle vin hoxe, pois vin que tiña un gran mal de ollo, e non creo que poida saír con vida deste mal de ollo, tan adoecido está. 
(II) E díxolle o médico: «Durmistes con este ollo mao e por iso, don Fernando, non sei se vós ouvistes o dito: “A quen non é precavido, non o respectan nada”; por iso vos quero dicir unha cousa: será algo extraordinario que saiades indemne deste ollo mao vello que tendes, (III) pois eu ben sei que vós tendes mal de ollo mesturado con gran catarro, e deste mal non vos poderedes librar tan cedo, e direivos por que non: porque vós queredes foder e durmir; por todo isto sodes mao de curar deste mal de ollo vello que tendes».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’a (I, III [= RM 100:33]) + 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10’d (II)
Encontros vocálicos: 10 -loo·is·tes

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer. Nunha primeira lectura, a cantiga describe a penosa situación de Fernando Escalho, que xace moi doente por causa dun mal de ollo, agravado por un forte catarro. Sendo este personaxe obxecto de burlas noutras cantigas de contido homoerótico, o olho mao ten probabelmente un duplo sentido sexual, aínda que é difícil de concretar se se refire ao glande, como na cantiga anterior, ou máis probabelmente, ao “ollo do cu” de Don Fernando, que estaría maltreito porque el non se privaba de foder, e desa forma o seu olho dificilmente se podería curar da doenza.

    Por outra parte, igual que as cantigas 213, 270 ou 926, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as cobras I e II (e ligazón causal nas cobras II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.
    Obsérvese a repetición da palabra rimante do primeiro e derradeiro verso das estrofas primeira e terceira (I doente; III avedes), feito que delata o erro de transmisión no v. 14 (o verso ficou sen rima), en que Elsa Gonçalves suxire deste olho mao velho con que dormistes como lectura restauradora da lección orixinal (Gonçalves 2016 [2007]: 418-482, n. 41). Por outra parte, a simetría compositiva da cantiga mostra tamén a repetición de dest’olho mao no inicio do verso final de cada estrofa.
    Fernand’Escalho é a figura satirizada en tres cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas composicións que presentan alusións puntuais ao mesmo personaxe: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). De todos os modos, tanto Fernand’Escalho como Don Estevan nun escarnio de Pedr'Amigo de Sevilha (UC 1672) parecen ser nomes alternativos a Fernan Diaz (Beltran 200: 18-19), personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. Unha diferente identificación de Fernand’Escalho pode verse en Marcenaro & González (2024: s.v. Fernand’Escalho).
    Conforme indica Beltrán (2000, 2001), o personaxe real que nuclea este ciclo é, probabelmente, Estevan Fernández de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diza e Fernandez de Castro.

  • 2

    O sintagma olho mao, presente nos vv. 2, 5, 7, 9, 14, 16 e 21, alude ao ‘maleficio do mal de ollo’, tamén presente nunha cantiga afonsina: 

    por ũa velha enviou
    que o veesse escantar
    d’olho mao e manejar (456.15).

  • 12

    No verso, hipermétrico en todas as edicións, é necesaria a expunción do pronome eu, que con frecuencia aparece espuriamente introducida no texto das cantigas; por exemplo, así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.

  • 13

    A omisión de <r> en B pode, nalgúns contextos, provocar unha aparente vacilación (errada con frecuencia) entre formas da P5 de presente e formas flexionadas de infinitivo ou de futuro subxuntivo; tal erro é relativamente frecuente nos apógrafos italianos: quererdes vs. queredes (66.3), fazerdes vs. fazedes (529.17 V), tornardes vs. tornades (688.16 V), perderdes vs. perdedes (1232.24 B), o mesmo que á inversa: falades vs. falardes (1227.14 B).

  • 14

    Na liña de Gonçalves, neste verso ben se podería reestabelecer a simetría compositiva cunha mínima intervención sobre a errada lección dos códices na palabra rimante: dest’olho mao velho con que dormistes?

  • 16

    Mesto, do lat. mĭxtum, é ‘mesturado’, mentres que cadarron é aumentativo de cadarro ‘catarro’, voz que se rexistra no Leal Conselheiro

    e pareciame que daquella guisa que per cadarrom homem perde o dereito gosto das viandas, e despois cobra, que assy perdera e recobrara o dicto sentido das folganças e prazer (CGPA, s.v., ed. J. Piel). 

    Con algunha ocorrencia en autores do século XVI, a forma cadarrão xa foi dicionarizada por Jerónimo Cardoso no Dictionarium ex lusitanicum in latinum sermonem (séc. XVI) e no Thesouro da Lingua Portuguesa de Bento Pereira (1697). Véxase CLP, s.v.

  • 19

    O verbo foder (do lat. futuere), voz escatolóxica, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
    Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):

    diz que tu,
    quando naceo Barzabu,
    eras ja diabo feito.
    E que jaa entam fodias
    e ias contr’òs inimigos.

    En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado