1321 [= RM 30,34]
Un cavaleiro me diss’en baldon

Un cavaleiro me diss’en baldon
que me queria põer eiceiçon
mui agravada, come ome cruu.
E dixi-lh’enton como vos direi:
«Se mi-a poserdes, tal vo-la porrei
que a sençades ben atá o cuu».
E disse-m’el: «Eiceiçon tenh’eu ja
tal que vos ponha, que vos custará
máis que quanto val aqueste meu muu».
E dixi-lh’eu: «Poi-lo non tenh’en al,
se mi-a poserdes, porrei-vo-la tal
que a sençades [ben] atá o cuu».
«Tal eiceiçon vos tenh’eu de põer
(diss’el a min) per que do voss’aver
vos custe tanto que fiquedes nuu».
E dixi-lh’eu: «Coraçon de judeu,
se mi-a poserdes, tal vos porrei eu
que a sençades ben atá o cuu».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Esta cantiga de cima foi feita a un cavaleiro que lhe apoinhan que era puto.

Manuscritos


B 1304, V 909

A rúbrica foi copiada en B por Angelo Colocci no inicio da composición, omitindo de cima. En V a rúbrica aparece ao final da cantiga.

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 168 [= LPGP 263]); Pagani (1971: 104); Lagares (2000: 134 [rúbrica]); Lopes (2002: 497); Littera (2016: I, 262-263); Arias Freixedo (2017: 134).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 309); Braga (1878: 170); Machado & Machado (1958: VI, 28-29); Callón (2017: II, 41).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 287); Tavares & Miranda (1987: 248-249); Sansone (1990: 342); Arias Freixedo (1993: 47); Neves (2004: 136-137).

Variantes manuscritas


Rúbrica: de cima] om. B
Texto:
2 eiceiçón] eiteiçom V   3 cruu] criui BV   4 dixi-lh’enton] dyxylh.enton B   6 sençades ... cuu] ssencades ... ani B   7 disse-m’el] disser omel B : diss’ omel V; Eiceiçon] eiceicō B   8 ponha] potiha V   9 que] om. B; aqueste] queste B; muu] miui B : mun V   11 mi-a] ma V   12 sençades] ssencades B   13 eiceiçon] eiceicon B : eixeicō V   15 nuu] mui BV   16 Coraçon] coracon B   17 vos] uos B; porrei eu] prrei eu B : p̄rezeu V   18 sençades] ssencades B; atá o] ataão V

Variantes editoriais


Rúbrica: cantiga de cima] om. Lapa : cantiga Lagares
Texto:
2 põer] poner Pagani   3 cruu] cru Lopes, Littera   6 cuu] cu Lopes, Littera   7 disse-m’el] diss’ er-m’el Lapa : diss’er o m’el Pagani : diss’[e] m’el Lopes   9 muu] mu Lopes, Littera   12 cuu] cu Lopes, Littera   13 põer] poner Pagani   15 custe] fique Lapa; nuu] nu Lopes, Littera   17 poserdes] posederses Pagani   18 cuu] cu Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Díxome un cabaleiro, por inxuriarme, que me ía pór unha demanda xudicial moi seria, como home moi cruel. E díxenlle eu entón como vos direi: «Se ma poñedes, héivola pór eu tal que a sintades ben até o cu».
(II) E díxome el: «Teño xa preparada para vos pór unha demanda tal que vos custará máis do que vale este meu mulo». E díxenlle eu: «Pois non lle dou importancia, se ma poñedes, héivola pór eu tal que a sintades ben até o cu». 
(III) «Tal demanda vos hei de pór –díxome el– que vos custará tanto diñeiro que ides ficar nu». E díxenlle eu: «Corazón de xudeu, se ma poñedes, héivola pór eu tal que a sintades ben até o cu».

Esta cantiga de cima foi feita a un cabaleiro de quen se dicía que era puto.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10a 10b 10c 10c 10B (= RM 52:1)
Encontros vocálicos: 5 mi͜-a; 11 mi͜-a; 17 mi͜-a

Notas


Rúbrica
  • A voz puto aparece tamén nunha cantiga de Pero da Ponte:

    Ando-lhes fazendo cobras e sões
    quanto máis poss’, e and’escarnecendo
    daquestes putos que s’andan fodendo (1638.9).

    De todos os xeitos, un termo do ámbito do obsceno, cal puto, non ten representación na produción escrita medieval alén das cantigas escarniñas (diferente é o caso de puta, véxase nota a 1376.16). Achamos, unicamente, algunha rara ocorrencia nos textos antigos (véxase CdP, s.v. puto). Así, na Vida e feitos d’el-rey Dom João Segundo, de Garcia de Resende, 1533): 

    disse hum dia, que por menos mal averia a hum rey ser puto ou erege que eram as piores partes que podia ter que ser mandado.

    Ou no Soldado Prático, de Diogo de Couto, texto de 1588: 

    E bem se lembra Vossa Merce daquele dito do grande Afonso de Albuquerque, que, queixando-se ja disso, dizia a alguns: –Sabeis quão ma gente é a da India, que me puseram que eu era puto, e mo provaram? –sendo ele um fidalgo tão honrado, tão cristão e tão honesto, que afirmam que nunca criado seu lhe viu o pe descalço.

Texto
  • 1

    Procedente do fr. ant. bandon ‘tratamento a discreción, tratamento arbitrario’ (véxase García Sabell 1990: s.v. baldon), o substantivo baldon ‘inxuria, afronta, ofensa’: «Baldaõ quer dizer palavra injuriosa com menos preço, & desestimaçaõ de alguem» (Bluteau 1712-1721, s.v. baldaõ). Ademais, forma tamén parte da locución adverbial a baldon (véxase 990.17). Con todo, é voz pouco utilizada na lingua medieval, a teor de só dúas ocorrencias prosísticas (véxase CGPA): 

    Et Diomedes foy ende tã alegre que mays nõ podía, et sofreu por ela depoys moyto afán et baldón ẽno seu tenpo en moytos lugares, et fezo moytas bõas caualarías, cõmo adeãt oyredes (Crónica Troiana, ed. R. Lorenzo).

    Seerdes vos frõteiro daquell logar, e viirvos huũ escudeiro de çimquo rroçiins fazer tall balldom! (Fernão Lopes, Crónica de D. João I, ed. M. Lopes de Almeida & A. de Magalhães Basto).

  • 2

    A voz eiceiçon ‘excepción, proceso xurídico para prorrogar ou anular unha acción xudicial’ (do lat. exceptiōnem) é tamén voz tardía, que poucas veces se rexistra na lingua medieval. A forma maioritaria era exeiçon (cfr. CGPA, s.v.), mais existen tamén outros resultados: 

    et para esto renunçamos a toda llee et foro et exceiçon et defenson que sobre esto podesemos auer et alegar para nosa defenson, et a lee da engratedue, et o dereito que dis a renunçiaçon geeral non ualler (doc. 1381, ed. Graña Cid).

    nen por dizer et alegar que as quero para miña manteença propia, nem por outra razon nem exceiçon alguna, ainda que a diga et alege eu ou miñas uozes, que seja legitima, que me non vala a min nen a miñas uozes, nen a outro alguun (doc. 1435, ed. Lucas Álvarez). 

    e vos non ha de seer quito por mays nen menos nen por el tanto que outro por ele de nen prometa nen por dezer e alegar que oubo ou ha em el engano algun nen por outra razon en eixeiçon algua das que o dereyto (doc. 1503, ed. Comesaña Martínez).

    En todos os resultados percíbese unha (minoritaria) vocalización da consoante implosiva no grupo latino -pt-, habitualmente co resultado -t- (Ferreiro 1999: §92).

  • 7

    A maioría dos editores (Lapa, Pagani, Lopes) tentan manter mecanicamente a lección dos manuscritos, con construcións agramaticais en Pagani e Lopes, e coa partícula er anomalamente posposta en Lapa (cfr. nota a 105.14). En calquera caso, é frecuente nos cancioneiros a aparición de <r> espurio no final dun termo, especialmente en formas verbais. Véxase, só como mostra, <marauilhador> maravilhado (56.5), Parti <[P]artir> A, <Partir> B (404.1), anda <ø> B, <andar> V (777.16), tolha <tolhar> B, <tolha> V (931.3) etc.

  • 9

    A voz muu debe ser considerada á luz da rúbrica, co significado de ‘amante homosexual (pasivo)’ (tamén en 427.1 e 8, 1410.2; véxase tamén a mua ~mũa das cantigas 1518 e 1554-1556). O seu uso co significado recto é frecuente na Idade Media, co hiato procedente da evolución do lat. mūlum, sendo frecuente nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.) e en concorrencia coa forma feminina mua (ou xa mula). 
    De calquera maneira, na produción prosística medieval alén das cantigas satíricas, o uso destes termos é sempre denotativo, aludindo aos animais: 

    §Bestas. DO cauallo. Roçim. Ou eguoa. E. de muu ou mulla. huum Real e çinquo ceptijs. E do Asno ou Asna huum Real (Santana 1999: 71).

    item mando a os frades do dito moesteiro tres pytanças de çen morauedis cada huna et mandolle as azemelas que ouuer a aquel tenpo que me fynar; et a Martin Peres, abbade do dito moesteiro mũũa ou mũũ se o ouuer (doc. 1358; cfr. CGPA, ed. Lucas Álvarez).

  • 11

    Nótese a variación mi-a / ma en B e V, respectivamente, que permitiría optar por unha ou outra variante, embora atribuamos prioridade a B. Cfr. nota a 984.14.

  • 16

    O coraçon de judeu alude á dureza de corazón do cavaleiro, que era un ome cruu (v. 3).

  • 18

    En V a lección <ataão> para atá o indica que se produciu unha confusión <-ao>/<-ão>, con xeminación vocálica gráfica incluída conforme algúns hábitos de escrita que se incrementaron no período final da Idade Media. Véxase nota a 115.30 e 485.20.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado