I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 297-298); Rodríguez (1980: 274 [= LPGP 386-387]); Cohen (2003: 583); Littera (2016: I, 467).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 227); Braga (1878: 123); Machado & Machado (1956: V, 54); Fernández Pousa (1959: 273).
III. Antoloxías: Magalhães (2007: 101).
1 vos] uos BV 3 vos] uos BV 4 vos] uꝯs B : uos V 5 vós] uꝯ BV 7 vos] uos BV 8 coita] corta V; sofreu] sofren B 10 vos] uos BV 11 a] o V 12 eu vo-los cobrarei] om. B 13 vos] uos B; tẽedes] teendes BV 15 min] mi V; vos] uos BV 16 direi-vos] diremꝯ V; vos] uos BV
En Rodríguez, Cohen e Littera o sexto verso de cada estrofa é considerado refrán.
4 amig’, o] amigo Nunes, Rodríguez, Cohen 10 vos] om. Rodríguez 13 tẽedes] teendes Nunes, Littera 15 min] mi Nunes, Cohen, Littera 18 amigo] amigu’ Nunes
(I) Querédesvos ir e non teño poder, por Deus, amigo, para volo impedir, e, se ficardes, quérovos dicir, meu amigo, o que vos darei a cambio: os días que non pasastes pracenteiramente, eu volos compensarei.
(II) Se vos fordes, sufrirei a maior pena que sufriu ningunha muller polo seu namorado, e, se ficardes polo meu amor, direivos o que vos farei por iso: os días que non pasastes ao voso gosto, eu volos compensarei.
(III) Ídesvos e desprezádesme e eu fico moi coitada por iso, e quedade por min, que vos convén, e direivos o que vos farei por iso: os días que non pasastes ben, ai meu amigo, eu volos compensarei.
Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10a 19b 10a 10b (cfr. RM 13:18)
Encontros vocálicos: 18 amigo,‿eu
Esta composición presenta unha evidente conexión temática coas cantigas 959 e 960, tamén de Joan Airas, en que o trobador reclama a Deus polos días que pasa sen a súa senhor. Na realidade, o trobador introduce unha clara innovación no xénero de amigo, xa que parte do léxico propio do de amor, ao falar da coita polo senhor, que neste caso non fai referencia a unha muller –como na cantiga de amor–, senón a un home.
A pesar da nota tornel e da presenza das marcas coloccianas, nesta cantiga dificilmente podemos considerar a existencia de refrán polo feito de a terceira estrofa presentar un sexto verso con diferente redacción aos anteriores, por máis que no v. 12 o Cancioneiro da Biblioteca Nacional omitise parte do verso como se fose refrán. Para casos similares, véxanse, por exemplo a cantiga 532; e tamén, para refráns de un único verso fronte á posibilidade de refrán biversal (pola variación nalgunha das estrofas), véxanse UC 26 ou 555.
A segmentación do artigo en amig’, o facilita a sintaxe coa introdución do determinante do pronome relativo.
A lección dos apógrafos italianos mostra un evidente erro na interpretación do pronome vós, necesariamente tónico neste contexto, que comparece nos manuscritos como unha forma átona <uꝯ>, cun erro que se rexistra nos tres grandes cancioneiros. Así, en BV, pode verse a lección errada coincidente tamén en 402.11, 16 e 17 (cfr. <uos> na v. 5), 791.13, 840.17, 855.13, 920.14, 1052.5, 1111.11, 1195.15, 1264.6 etc.; do mesmo xeito, aparece en cantigas transmitidas só por un dos cancioneiros italianos: 183.17 e 185.21 (en B); 1013.1 (en V). Porén, o lapso de copia rexístrase tamén no Cancioneiro da Ajuda fronte ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional (vós <uꝯ> A : <uos> B) en 72.13, 88.20, 90.16, 133.10, 134.24, 138.14, 315.8; e aínda existe en pasaxes con diferente lección conforme os manuscritos: 900.7 (<uꝯ> B vs. <uos> AV), 1022.7 (<uꝯ> V vs. <uos> B).
Neste verso semella aparentemente consolidado o desenvolvemento da consoante nasal implosiva a partir da nasalidade inicial (tĕnētĭs > tẽedes > teendes). No entanto, achamos que todos os datos suxiren que a consoante implosiva é desenvolvemento da nasalidade vocálica por parte dos copistas: en 552.16 tẽede presenta as leccións <Teende> B, <tẽede> V, que leva a fixar a forma tẽede, do mesmo modo que en 1477.5 a común lección <teendes> de BV ten de ser emendade para tẽedes pola rima con veedes (1477.6). No verbo viir, só rexistramos vĩid(e) en 778.5, xunto cun testemuño contraditorio en 774.r1, coas leccións <Uijnde> / <Vimde> / <Vijde> B e <nunde> / <nunde> / <uijde> V, que levan para un texto vĩide / vĩide / viide (con mínima variación lingüística no refrán).
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.