I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 199-200); Cunha (1999 [1945]: 135); Monteagudo (1984: 365 [= LPGP 714]); Montero Santalla (1992: 84); Cohen (2003: 299); Littera (2016: II, 227).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 159); Braga (1878: 80); Michaëlis (1990 [1904]: II, 426); Cotarelo Valledor (1934: 219-220); Machado & Machado (1953: IV, 153).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 167-168); López-Aydillo (1914: 43); De las Casas (1928: 36); Cidade (1941: 77-78); Seoane (1941: 102-103); Nemésio (1961 [1949]: 123-124); Fernández Pousa (1951: 28); Piccolo (1951: 173); Varela Jácome (1953: 45-46); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 71); Álvarez Blázquez (1975: 178); Landeira Yrago (1975: 178); Torres (1977: 166); Correia (1978: 198); Reckert & Macedo (1980: 142); Gonçalves & Ramos (1983: 215); Dobarro Paz et alii (1987: 96); Alvar & Beltrán (1989: 233-234); Pena (1990: 104); Sansone (1990: 236); Jensen (1992: 258); Alonso Girgado (1992: 32); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 185); Arias Freixedo (2003: 677-678); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 79-80).
4 ja] iha BV 6 ca jogou] qua iogou Muy B : qua iogou / muy V 9 tormenta] tormentar V
En Littera non é indicada tipograficamente a existencia de refrán.
6 ca jogou] qu[e] afogou Nunes : qu’afogou Cunha, Monteagudo : que [ar] jogou Littera 7 é] om. Montero Santalla, Cohen, Littera; min] mi Nunes; ja] (ia) Monteagudo 9 tormenta] torment’ar Montero Santalla 10 sono, amiga] son’, amiga Cunha 12 ca jogou] qu[e] afogou Nunes : qu’afogou Cunha, Monteagudo : que [ar] jogou Littera 13 é] om. Montero Santalla, Cohen, Littera; min] mi Nunes; ja] (ia) Monteagudo 15 mi] me Nunes 18 ca jogou] qu[e] afogou Nunes : qu’afogou Cunha, Monteagudo : ca jogou / [mui bem a mim, u do mar mi‿o librou / ca sei-m’ eu bem quam leda m’ end’ estou] Montero Santalla : ca jogou / mui ben a min ... Cohen : que [ar] jogou Littera
(I) Dixéronme hoxe, ai amiga, que non é o meu amigo almirante do mar, e o meu corazón xa pode descansar e durmir, e, por esta razón, o que do mar o meu amigo sacou, sáqueo Deus de coitas, porque arriscou.
(II) A min satisfaime moito, pois xa non andarei triste cando sinta zoar o vento, nin por causa das tormentas hei de perder o sono, amiga; mais, se foi o rei o que do mar o meu amigo sacou, sáqueo Deus de coitas, porque arriscou.
(III) Moito me satisfai, pois, cada vez que vexa chegar a alguén da fronteira, xa non terei medo de que me traia malas novas; mais, porque me fixo ben sen llo pedir, o que do mar o meu amigo sacou, sáqueo Deus de coitas, porque arriscou.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:187)
Encontros vocálicos: 7 é‿a; 10 sono,‿amiga; 13 é‿a
O texto da cantiga contén unha referencia autobiográfica, unha alusión á destitución de Paaio Gomez Charinho do cargo de Almirante do Mar, posición que detentou entre 1282 e 1286. A cantiga podería ser escrita, pois, por volta do ano 1287 (véxase Oliveira 2019).
A presenza de <muy> en BV a iniciar (aparentemente) un novo verso despois do refrán da estrofa I levou a Montero Santalla propor a consideración desta composición como unha cantiga ateúda atá a fiinda, con ligazón sintáctica e omisión de é nos vv. 7 e 13 (véxase nota ao v. 7), así como a existencia de unha fiinda desaparecida, que o editor ferrolán reconstrúe como hipótese, e que Cohen deixa como fragmentaria. Eis a hipótese monteriana:
... ca jogou
[mui bem a mim, u do mar mi‿o librou
ca sei-m’ eu bem quam leda m’ end’ estou].
Nótese a unánime lección <iha> ja, coa grafía <ih> para /ʒ/, talvez a indicar a real existencia do fonema africado palatal sonoro /dʒ/, par sonoro do correspondente africado palatal xordo /ʧ/ <ch> (véxase Larson 2019 [2018]: 53, n. 20). Ao longo de BV achamos aínda outras grafías idénticas: <quiiheu> B quig’eu (250.7), <ihoãna> B Joana (429.16), <aiha> BV aja (1160.6 e 8), <ueihagora> V vej’agora (1007.5), <iha> B ja (1585.27).
O verdadeiro locus criticus da cantiga reside na interpretación da secuencia final <qua iogou> BV do refrán. Esta foi interpretada por diversos estudosos considerando a presenza do verbo afogar: Nunes, o primeiro editor do texto, prefire manter a integridade da conxunción (qu[e] afogou), propondo, por tanto, unha tamén anómala sinalefa; contrariamente, Cunha e mais Monteagudo editan qu’afogou, cunha crase inexistente no corpus trobadoresco (véxase Ferreiro 2009).
Fronte a estas propostas preferimos manter a lección unánime de BV, isto é, jogou, interpretando <qua> como unha forma gráfica inusual de ca, do mesmo modo que en BV tamén aparecen grafías do tipo <barquas> para barcas (1165.5, 7, 10; 1165.2, 3, 6, 8, 12; 117.5; 1168.1, 4) ou car[r]eirões, a partir da lección <q̅reyreēs> de B (1584.15). De calquera maneira, pódese achar a grafía qua para a conxunción ca en múltiplos textos prosísticos, xa desde a Noticia de Torto, limitándonos a usos completivos ou causais. Eis algunhas mostras:
E por istes tortos que li fecerũ tem qua a seu plazo quebrãtado e qua li o deuẽ por sanar (Noticia de Torto, 1214; Souto Cabo 2008: 264-265);
& estando presente ffernã uellio. frontou & protestou dizendo á ffernã uellio & á Johã garcia que estaua hy presente por que lles forã aos sous oméés & aos sous seruizaes & aos sous foreyros de Louesende que morauã na sua herdade & que son sou/s/uassallos per carta. & porque lles disserã que_sse nõchamassẽ por sous uassallos. qua qual quer que_sse por sou uassalo chamasse que lle britariã os brazos & as pernas & lo <chonbariã> no rio (doc. 1269; Souto Cabo 2008: 235);
e uos qua a moredes e que a paredes ben (doc. 1293; CGPA, ed. Novo Cazón).
Et por mayor firmidume rogamos et mandamos a Garçia Martines et a Johan Pelaes notarios publicos del Rey en esta dita villa qua as fesessem et posessem en ellas seus signaes (doc. 1343; CGPA, ed. Cal Pardo).
Ademais, qua é moi frecuente no Foro Real de Afonso X, de 1280:
E se llo nõ quis(er) enmendar demandeo p(er) todos assy como p(er)teece a p(re)yto e come d(er)eyto de o braadar, qua en tal maneyra queremos onrra del rey que lhy nõ tollam(os) seu dereyto a nenguu (CGPA, ed. J. de Azevedo Ferreira).
E tamén aparece algunha ocorrencia na prosa literaria, como na Historia Troiana:
et eu e el rei Poleus con toda nosa gente iremos primeiros em hũa parte et ascondernos emos em hun lugar seguro, qua eu sei moi bem peça da vila e a terra arredor (Pichel Gotérrez 2013: 1.483).
No relativo a jogar, o verbo tería o significado de ‘arriscar a vida, pórse en perigo’, tal como é recollido nalgúns dicionarios antigos. Cfr., por exemplo, o Dicionário dos Primeiros Livros Impressos em Língua Portuguesa, co sentido de ‘arriscar ao jogo ou à sorte’ (Machado 2015: s.v. jogar), ou o dicionario de Cândido de Figueiredo, onde aparece co valor de ‘aventurar, sujeitar à sorte’, así como a suxestiva acepción ‘agitar-se; mover-se oscilando’ (Figueiredo 1978 [1899]: s.v. jogar), acepción talvez tirada do dicionario de Morais Silva, que recolle este sentido a partir de “jogar o navio, i. e. balancear navegando” (Silva 1789: s.v. jogar), e que non podemos excluír á vista do contido da cantiga. En calquera caso, o sentido de ‘arriscar’ é máis coherente co devir desta composición de Charinho. Véxase, verbigratia, a seguinte citación da Crónica d’Espanha de 1344, onde aparece jugar co valor de ‘arriscar’:
Senhor, eu juguei o meu cavallo e minhas armas. Seja vossa mercee de me mãdar dar cavallo e armas pera esta batalha e seervos ei tam bõo como quatro cavalleiros, se nõ que me dedes por treedor (Cintra 1961: III, 360).
O verso inicial da segunda e da terceira estrofa (v. 13) levanta tamén outro problema de lectura e de interpretación, pois son varios os editores que, fronte á autonomía semántica de jogar, coa conseguinte independencia sintáctica das estrofas, sopesaron a posibilidade de estarmos perante unha cantiga ateuda, considerando a existencia de ligazón sintáctico-semántica interestrófica baseándose na construción jogar ben (a min), non documentada en galego-portugués, mais paralela aos sintagmas jogar mal ~ jogar lai, ben estudados por Montero Santalla (1992), que xustificarían a existencia daquela. A proposta editorial de Montero Santalha foi aceptada literalmente en Cohen e modulada por Littera; no entanto, para tal emenda cómpre eliminar <e>, presente nos dous manuscritos (<Muj ben e amj̃> B, <Muj ben e amĩ> V; <Muj bẽ e amj̃> B, <Muj bẽ e amĩ> V), en dous versos que poderían ser hipermétricos; así se explica a supresión de ja (vv. 7, 13) proposta por Monteagudo. Porén, non existe tal problema métrico, pois a sinalefa de é (é‿a) resulta frecuente ao longo do corpus; é máis, nos outros dous contextos en que se atesta esta mesma construción seer a mi(n) tamén existe a sinalefa: Pero de vós é‿a min peor (47.9), tan grav’é‿a mí, mais non poss’al fazer (946.r2).
Montero Santalla considera a presenza da partícula preverbal ar (nen por torment’ ar non ei de perder), dando preferencia á lección de V, que constituiría unha lectio difficilior. No entanto, nas frases negativas ar mantén sempre a posición posposta a non, como mostran numerosos contextos en que se rexistra tal construción: e me non ar quiser guisar (62.20), mais, se o sei, non ar sei ren (76.4), e, se o non ar quiseren fazer (170.25), Non ar soube parte d’afan (263.8) ...
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: