Methodology

Os principios metodolóxicos que se utilizarán para a fixación do texto crítico das cantigas son, basicamente, os estabelecidos pola tradición. Porén, no caso daqueles poemas que contaren con varios testemuños, empregaranse os principios que manexa a edición reconstrutiva, que se basea nos presupostos estipulados na primeira metade do século XIX polo clasicista alemán Karl Lachmann e os seus contemporáneos, e nos acrecentamentos e melloras que, posteriormente, achega a escola italiana (M. Barbi, G. Contini, d'A. S. Avalle, entre outros).
No relativo aos textos que chegaron até nós a través dun único manuscrito (véxase Arbor Aldea 2017a), apostamos pola corrección fronte ao conservadorismo inxustificado das edicións tradicionais e, outrosí, por uns criterios gráficos que ultrapasen a mal entendida ecuación texto igual a testemuño, xa que preparamos unha edición crítica e non unha presentación ao público so calquera outro formato posíbel.
Estes principios combinaranse cos datos fornecidos polos estudos sobre a tradición manuscrita galego-portuguesa, sen que iso constitúa un obstáculo na hora de evitar a collatio dos relatores, e cos criterios de presentación gráfica que os principais estudiosos da lírica en Galiza acordaron no ano 2006 (véxase Ferreiro & Martínez Pereiro & Tato Fontaíña 2007). Neste sentido, cómpre dicir que estes criterios se modulan a medida que avanza o proxecto e, por conseguinte, facilitan grandemente a lectura e interpretación das cantigas, debido ao carácter unívoco das marcas tipográfico-textuais propostas.
Alén diso, procúrase ofrecer una puntuación unitaria para o conxunto dos poemas, así como a aplicación dunhas directrices de segmentación, xa que, como é sabido, a segmentación e a puntuación marcan a hermenéutica do texto. Igualmente, respectarase en todo momento a variación interna do corpus, un corpus complexo que resulta da fusión da obra de 150 trobadores de orixe moi diversa que compuxeron as súas cantigas ao longo do século e medio que abrangue a actividade da escola.
Por último, terase sempre en consideración o principio das “sílabas contadas” que rexe a lírica deste período (Arbor Aldea 2008, 2012a, 2012b, 2013). Este principio será especialmente útil no momento de facer incorporacións e exclusións no texto que non estiveren apoiadas por unha visión xeral do corpus, que agora finalmente, nós temos.