Editing criteria

Os criterios de edición utilizados no Universo Cantigas son, no esencial, os acordados en 2006 no Coloquio da Illa de San Simón por parte dos principais estudosos da poesía medieval galego-portuguesa na Galiza (véxase Ferreiro & Martínez Pereiro & Tato Fontaíña 2007). 

0. Cuestións previas

1. Corchetes [...] para indicar acrecentamento de texto ausente no orixinal manuscrito, por lacuna, por erro ou por evitar a repetición (refráns).
2. Indicación tipográfica do refrán por medio da itálica.
3. Actualización do texto: maiúsculas e minúsculas, puntuación sobria para facilitar a comprensión e/ou interpretación do texto, trazos de diálogo e/ou aspas etc.
4. Sinais de interrogación (?) e de exclamación (!) só ao final.

I. Regularización, nivelación e redistribución de grafías
 
  • 1. Regularización sistemática das seguintes grafías:
    • vocálicas:
          <u, v> /u/ > u: qve > que, vn > un
          <i, y, j> /i/ > i: ley > lei, uayamos > vaiamos, mjn > min, hy > i, soya > soia
          <h> /i/ > i: mha > mia, servha > sérvia, sabhã > sábian
    • consonánticas:
          <u, v> /ß/~/v/ > v: uiuer > viver
          <i, y, j> /ʒ/ > j ~ g: ia > ja, oye > oje, monje > monge
  • 2. Regularización das grafías das consoantes palatais lateral /ʎ/ e nasal /ɲ/:
    • en <lh, nh>, conforme o uso xeral en BV naquelas cantigas que, presentes ou non en A ou N, tamén teñen presenza nos apógrafos italianos (nulho, senhor...).
    • en <ll, nn> naqueloutras que foron transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda e mais polo Pergamiño Vindel, con prioridade ecdótica sobre as leccións dos apógrafos italianos (nullo, sennor...).
    • naquelas cantigas ‘mixtas’ (con texto fragmentario en A, que se completa con B ou BV), as grafías de /l/ e /ɲ/ serán niveladas conforme a procedencia da maior parte do texto.
  • 3. Redistribución no uso de <s/ss, c/ç, z, g/j> conforme os padróns habituais (ç+a, o, u; c+e, i...): ssair > sair, çedo > cedo, oge > oje, monje > monge...:
    • manutención de <ç> inicial etimolóxico (çapato) ou outras grafías que corresponden a usos históricos, aínda que non modernos (enserrar).
    • mantemento dos usos dubidosos, canto á etimoloxía ou pronuncia, no ámbito das sibilantes: mezquinho/mesquinho, cĩisa/cĩiza...
    • conservación gráfica da correspondente consoante final (despois da elisión vocálica) nos encontros con vocábulo iniciado por vogal: faç’i (= faço i), amig’e (= amigo e), log’eu (= logo eu), vosc’e (= vosco e). 
  • 4. Nivelación das grafías <gu/g> /g/ (roguar > rogar, gerra > guerra), <g/j> /ʒ/ (ango > anjo) e <r/rr/ir> /ɾ/ ou /r/ (guera > guerra, moirer > morrer), mais conservando as vacilacións fonéticas significativas [g/gw] (gualardon/galardon, guardar/gardar...).
  •  
  • 5. Nivelación e redistribución de <h> /ø/ inicial e medial: 
    • Eliminación de <h-> inicial, mesmo que sexa etimolóxico: hy > i, hu > u, hũa > ũa, heu > eu; ham ~ han > an, home > ome...
    • Eliminación de <-h-> intervocálico: Johan > Joan, ũha > ũa, veher > veer, vehestes > veestes...
    • Acomodación gráfica de <nen hun, nenhun...> a nen un (cf. neun, neũu...).
  • 6. Simplificación e regularización actualizadora:
    • das consoantes xeminadas gráficas en calquera posición (<ff-, -ff-, -cc-, rr-, ss-, -tt-> etc.), excepto <-ss-> /s/ e <-rr-> /r/ en posición intervocálica: ffazer > fazer, affan > afan, peccado ~ p̄ccado > pecado, conssigo > consigo, onrra > onra, rrogar > rogar, ella > ela, attender > atender (vs. passo, guerra).
    • dos elementos e grupos consonánticos latinizantes, fonoloxicamente irrelevantes: absconder > asconder, et > e, dicto > dito, sancta > santa.
    • das secuencias gráficas distorsionadoras <th; qu, ch; ph...> /t, k, f/: barqua > barca (mais quando/cando), Theophilo > Teofilo...
    • dos grupos gráficos pseudolatinos non etimolóxicos: escrepver > escrever, dapno > dano...
  • 7. Desenvolvemento da abreviatura <-> como -us ou -os, segundo os casos (meus vs. nossos, por exemplo). Consecuentemente, reconversión dos esporádicos <-us> de nus, vus, nossus, levamus... en nos, vos, nossos, levamos...

II. Tratamento dos hiatos

1. Mantemento dos hiatos etimolóxicos: caente, creer, maa, poos, veerei...
2. Mantemento dos hiatos vocálicos gráficos, aínda que a métrica indique pronuncia unisilábica (veerei/verei, bõo~boo/bon, sõo~soo/son, ũu/un...), o mesmo que na desinencia da P3 de pretérito dos verbos da segunda e terceira conxugación (vio/viu, vendeo/vendeu...).
3. Redución das esporádicas xeminacións vocálicas, de carácter estritamente gráfico, que se detectan fundamentalmente nas secuencias [-ao] e [-ão]: aveeo > aveo, maao > mao, maão > mão, naturaaes > naturaes, uylaão > vilão...

III. Representación das nasais e da nasalidade
 
  • Vogais nasais:
    • Mantemento do til de nasalidade nas vogais fonoloxicamente nasais, deslocándoo, se for necesario, da vogal anterior ou posterior, ou limitándoo á vogal nasal cando o til abranxe dúas (ou máis) vogais: irmãa, irmão, bõo, tẽer, vĩir...
    • Transformación de <n> intervocálico indicador de nasalidade no correspondente til (bona > bõa, poner > põer), con conservación das formas propositadamente arcaizantes propias das cantigas de amigo: irmana, louçana, sano, pino, amena, arena etc.
    • Reconversión da consoante nasal implosiva gráfica indicadora de nasalidade fonolóxica para o correspondente til de nasalidade (doando > dõado, unha > ũa), mais conservación do til de nasalidade naqueles casos en que modernamente se desenvolveu unha consoante nasal, en coexistencia con formas que xa presentan ese desenvolvemento: vĩides / viindes.
    • Conservación do estado de lingua no relativo ao proceso de desnasalización, que provoca a coexistencia de formas nasais e orais, ás veces convivindo no corpo dunha mesma composición (bõa / boa, por exemplo).
  • Consoantes nasais:
    • Desenvolvemento do til de nasalidade en <n> cando corresponde a unha abreviatura de consoante nasal, tanto en posición interior como final de palabra (quãdo > quando, cõ > con), salvo antes de <p> ou <b>, en que se utilizará <m> (tenpo > tempo, nenbrar > nembrar); consecuentemente, transcrición de <-m> final e mais dos esporádicos <m> implosivos interiores como <n>: com > con, auem > aven, premder > prender...
    • Transformación do til de nasalidade na consoante nasal correspondente cando indicar consoante nasal explosiva: descõunal > descomunal, dõa > dona, ẽ eu > e meu; vĩo > vinho, fremosĩa > fremosinha.
    • Desenvolvemento da consoante nasal indicada con til nalgunhas formas aglutinadas e asimiladas do artigo: ẽno > en no, cõno > con no, quẽno > quen no.
IV. Aglutinación/deglutinación de elementos lexicais

1. Separación e unión de palabras, segundo o criterio actual, mantendo certos usos específicos da lingua antiga: toda via, por én, des i, a dur ~ de dur...
2. Conservadorismo na unión gráfica de elementos modernamente aglutinados: con migo (vs. comigo, contigo, convosco), des oimais... Outrosí, distinción de pares significativos do tipo demais vs. de máis, enquanto vs. en quanto, porque vs. por que, senon vs. se non...

V. Sinais tipográficos
 
  • Apóstrofo: 
    • Na elisión da vogal final nas crases por fonética sintáctica: d’amor, nunc’amou, vej’e, m’eu...
    • Nas crases da preposición de cos indefinidos, cos adverbios aqui e ali e coa forma el do artigo (d’un, d’outro, d’algun, d’algo; d’aqui, d’ali; d’el-Rei), mais omisión da indicación de crase nos encontros da preposición de co artigo o(s), a(s), cos demostrativos e cos pronomes persoais el(e), ela, elo: do, deste, del(e)... Outrosí, non se utiliza apóstrofo nas formas pronominais contractas do tipo mo, to ~ cho, lho.
    • Naqueles casos en que a preposición de contrae co artigo e pronome o(s), a(s) ou coa preposición a: punhei sempre d’o seu amor gaar; non me partirán d’o amar.
    • No encontro do adverbio non co pronome me ~ mi, cando se produce a asimilación nm > m: no’me ~ no’mi.
  • Trazo:
    • Na forma asimilada do artigo despois de -r e -s (sabede-lo mal que mi ven, de-lo dia, todo-los, mai-lo, Deu-lo...), mesmo cando se rexistra no orixinal a integridade gráfica do primeiro elemento: pois-lo, todos-los, Deus-lo, bever-los vinhos, miraremos-las ondas. A aglutinación polo/pelo mantense ligada graficamente, e tamén cando apareceren grafías conservadoras (porlo, perlo).
    • Na forma do artigo el co substantivo Rei (el-Rei).
    • Na unión dos pronomes enclíticos e mesoclíticos á forma verbal correspondente (façamo-lo; provar-vos-an, perder-m’-ei, loar-mi-o-edes, contar-vo-lo-ei), así como noutras aglutinacións pronominais, algunhas frecuentes e mesmo monosilábicas (mi-o, mi-a; vo-lo...) e outras máis esporádicas (a vó-lo devo, por exemplo).
    • No encontro da preposición por co pronome o(s), a(s) (fora po-lo dizer eu).
    • Para indicar partícula intensificador-perfectiva per- (per-fazer, per-desasperar...).
    • Recoméndase o uso do trazo en certas aglutinacións pronominais de carácter indefinido do tipo ja-que, ja-quanto, ja-u, que-quer, quen-quer, quis-quanto...
VI. Acentuación

1. Só se utiliza acentuación diacrítica: á, dé, nós, vós, én, sén, éste, esté, é, dá, lá, mí, máis, seí, terrá, está, sérvia (vs. servia), ouví (vs. ouvi ~ ouve)..., e mais tamén todas as P1, P2, P3 e P6 de futuro dos verbos (ou flexións) regulares e semirregulares: oirá(s) vs. oira(s), oirán vs. oiran; temera vs. temerá; podera(n) vs. poderá(n).
2. O acento grave é utilizado para indicar a crase à(s).
3. Utilízase o acento circunflexo cando as necesidades diacríticas esixiren un til diacrítico nunha vogal pechada (cortês vs. cortes, medês vs. medes; chôvia vs. chovia, pôde vs. pode, pôs vs. pos etc.).