763 [= Tav 70,8]
Amigas, tamanha coita

Amigas, tamanha coita
nunca sofri, pois foi nada,
e direi-vo-la gran coita
con que eu sejo coitada:
amigas ten meu amigo!
Amiga na terra á migo!
Nunca vós vejades coita,
amigas, qual m’oj’eu vejo,
e direi-vos a mia coita
con que eu coitada sejo:
amigas ten meu amigo!
[Amiga na terra á migo!]
Sej’eu morrendo con coita,
tamanha coita me filha,
e dé-mi a coita (é coita
que cing’e que maravilha):
amigas ten meu amigo!
[Amiga na terra á migo!]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 747, V 349

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 91 [= LPGP 441-442]); Nunes (1973 [1928]: 164-165); Cohen (2003: 236); Littera (2016: I, 521-522).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 136); Braga (1878: 66-67); Machado & Machado (1953: IV, 54); Domingues (1992: 47); Cohen (1996: nº 7).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 69-70); Torres (1977: 310); Reckert & Macedo (1980: 84).

Variantes manuscritas


6 terra á migo] teira amigo B : terra amigo V   8 amigas] amiga V   10 con] o B   11 ten] este BV   13 morrendo] moirendo BV   16 cing’e] cingue B : trague V

Variantes editoriais


En Cohen o corpo da estrofa está formado por dous versos de 15 sílabas.

5-6 amigas ten meu amigo! / Amiga na terra á migo!] amigas, ten meu amigo / amiga na terra sigo Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   11-12 amigas ten meu amigo! / Amiga na terra á migo!] amigas, ten meu amigo / amiga na terra sigo Nobiling, Nunes, Cohen, Littera   15-16 e dé-mi a coita (é coita / que cing’e que maravilha)] e direy mha coita e coyta / que tragu’e que maravilha Nobiling : e direi mia coit’ e coita / que tragu’e qu’é maravilha Nunes : e direi mha coita é coita que trag’ a gran maravilha Cohen : e d[irei]: mia coit’é coita / que trag’e que maravilha Littera   17-18 amigas ten meu amigo! / Amiga na terra á migo!] amigas, ten meu amigo / amiga na terra sigo Nobiling, Nunes, Cohen, Littera

Paráfrase


(I) Amigas, nunca sufrín unha coita tan grande desde que nacín, e direivos a gran coita pola que estou aflixida: amigas ten o meu amigo! Amiga ten nesta terra, alén de min!

(II) Oxalá nunca vexades vós, amigas, unha coita como a que hoxe eu vexo, e direivos cal é a miña coita pola que estou aflixida: amigas ten o meu amigo! Amiga ten nesta terra, alén de min

(III) Estou morrendo coa coita, tan grande é a coita que me atenaza, mais déame a coita (é unha coita que asumo e que causa asombro): amigas ten o meu amigo! Amiga ten nesta terra, alén de min!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’a 7’b 7’C 7’C (= Tav 99:73)

Encontros vocálicos: 6 terra‿á; 12 terra‿á; 15 -mi‿a; 18 terrá‿á

Notas


Texto
  • *

    A edición de Rip Cohen estabelece un esquema 15’a 15’a 7’B 7’B a partir da disposición formal da primeira estrofa nos cancioneiros apógrafos italianos.

  • 2

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa). Cfr. pois fui nada (722.5, Gonçal’Eanes do Vinhal) vs. pois foi nada (1270.7, Lopo).

  • 4

    A forma sejo, P1 de presente indicativo de seer, resultado da conxugación regular de sĕdēre neste tempo (sĕdĕō, sĕdes etc.), compite desvantaxosamente cos resultados de sŭm (> son) e *sono (> sõo, soo) (véxase Ferreiro 1999: §218b).

  • 5-6

    O texto que presentamos para o refrán mantén fielmente a literalidade dos manuscritos, aínda que se podería considerar que a secuencia <amigo> do segundo verso é produto dun erro de copia inducido polo verso anterior, de maneira que se podería estabelecer, tamén con lexitimidade, unha outra versión alternativa para este rupturista refrán:
              amigas, ten meu amigo
              amiga na terra migo.    
    É máis, a análise das rimas de amigo mostra como a rima amigo-(co)migo das cantigas de amigo nos refráns constituídos por dous versos é altamente utilizada1 . Neste sentido, a opción tradicional mantida polos restantes editores, para alén de non responder aos manuscritos, introduce novos contidos, máis tópicos, nesta cantiga guilhadiana:
              amigas, ten meu amigo
              amiga na terra sigo.

  • 8

    A reintegración en amiga[s] feita por Nobiling explícase por o editor xermano-brasileiro partir unicamente de V.

  • 11

    A lección <este> de BV parece suxerir unha variación no refrán da segunda estrofa que non responde á estrutura métrica da cantiga, aínda que sería perfectamente axeitada ao contido da composición:

              amigas, este meu amigo

              amiga na terra á migo.

    O propio Nobiling comenta esta variación suxerindo a mesma lectura: «Comparem-se os v. 5 e 17. Ou seria esta a fórma primitiva do estribilho: amiga, este meu amigo /  amiga na terra á migo (migo = alem de mim)= Nesse caso, conservar-se-ia a lição do codice no v 8, e ler-se-ia amiga tambem no v. 1º».

  • 15-16

    Sen dúbida, estes versos resultan problemáticos a teor da lección dos manuscritos, o cal explica tamén as diversas solucións ofrecidas polos anteriores editores. No corpus trobadoresco pode verse unha expresión semellante a dé-mi a coita en Roi Paez da Ribela: e, se vo-la outra vez ar der, / dé-mi Deus muita de maa ventura (1459.4). A partir de aí, estabelecemos unha frase parentética para evitar as intromisións textuais que se perciben nas edicións precedentes: desde a lectura de Nobiling (e direy mha coyta e coyta / que tragu’ e que maravilha), certamente posíbel aínda que confusa, aparece posteriormente a de Nunes (e direi mia coit’e coita / que tragu’e qu’é maravilha) –adaptada en Littera– que pretende consagrar unha inexistente e anómala crase de que (Cunha 1982: 47-54; Ferreiro 2009), até á innovadora e profundamente afastada dos manuscritos que a última edición das cantigas de amigo de Cohen propón: e direi mha coita é coita que trag’ a gran maravilha.

    En calquera caso, optamos por unha lectio difficilior na aceptación do texto presente en B, cancioneiro a que, en xeral, atribuímos prioridade sobre V, que estabelece o verbo cinger para a coita, en vez do máis habitual trager, que é a opción de V. Así, cinger adquire o valor metafórico de ‘acoller, asumir’: ‘é coita que acollo e que marabilla’.

  1. ^

    Aparece nun total de 24 ocasións, incluíndo esta cantiga (Montero Santalla 2000: III, 1.262-1.266).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado