751 [= Tav 136,5]
Por Deus, amiga, punhad’en partir

– Por Deus, amiga, punhad’en partir
o meu amigo de mi querer ben.
– Non mi-o digades, ca vos non val ren,
nen mi mandedes a ess’ala ir,
ca tanta prol mi ten de lhi falar,
per boa fe, come de me calar.
– Dizede-lh’ora que se parta ja
do meu amor, onde sempr’ouve mal.
– Leixemos ess’e falemos en al;
muito cofonda Deus quen lho dira,
ca tanta prol mi ten [de lhi falar,
per boa fe, come de me calar].
– Dizede-lh’ora que non pod’aver
nunca meu ben e que non cuid’i sol.
– Non mi-o digades, ca vos non ten prol;
cofonda Deus a que lho vai dizer,
ca tanta prol mi ten [de lhi falar,
per boa fe, come de me calar].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 736, V 337

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 154-155); Beltrami (1974: 110-111 [= LPGP 879]); Cohen (2003: 224); Littera (2016: II, 421).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 132-133); Braga (1878: 64); Machado & Machado (1953: IV, 36).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 146).

Variantes manuscritas


4 mandedes] mandes V   9 falemos] falēmꝯ V   10 quen lho dira] aq̅lho uay dizer B   17 tanta] cāta B

Variantes editoriais


En Nunes, Beltrami e Cohen a cantiga é presentada sen estrutura de diálogo.

3 vos] vus Beltrami   8 sempr’ouve] sempr’[o]uve Nunes : sempre [o]uve Beltrami   9 leixemos ... falemos] leixemus ... falemus Beltrami   14 sol] fol Beltrami   15 vos] vus Beltrami

Paráfrase


(I) –Por Deus, amiga, ponde todo o empeño en facer que o meu amigo deixe de me amar. –Non me digades tal, pois non vos vale de nada, nin me mandedes ir alá para iso, pois tanto proveito me ten falarlle, abofé, como ficar calada.

(II) –Dicídelle que se esqueza xa do meu amor, do que sempre recibiu mal. –Deixemos iso e falemos doutro asunto; Deus confunda moito a quen llo vaia dicir, pois tanto proveito me ten falarlle, abofé, como ficar calada.

(III) –Dicídelle agora que non pode conseguir nunca o meu ben e que nin sequera pense niso. –Non mo digades, pois non vos vale de nada; Deus confunda a quen llo vaia dicir, pois tanto proveito me ten falarlle, abofé, como ficar calada.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:217)

Encontros vocálicos: 3 mi͜-o; 15 mi͜-o

Notas


Texto
  • *

    Por máis que nas primeiras edicións (Nunes, Beltrami, Cohen) a cantiga fose presentada como un monólogo, a formulación textual pide necesariamente estruturar a cantiga como unha composición dialogada entre dúas amigas, tal como xa aparece na versión de Littera.

  • 10

    Na copia de B neste verso percíbese a confusión do copista, cun salto visual de estrofa e traslado para o final do v. 16.

  • 14

    Dificilmente Beltrami puido ler <fol> na clara lección <sol> dos manuscritos, por máis que en B aparecese <ſ> precedido dun punto, tamén alto, após a secuencia anterior: <cuydi · ſol>. Tamén é certo que fol ‘louco’ encaixa semanticamente na cantiga: o propio Beltrami considera que a lección de V (?) é “ben defendibile”. De calquera modo, o respecto da lección manuscrita dos dous cancioneiros debe levar consigo o estabelecemento de sol como lectura certa, a forma parte da expresión non ... sol ‘nin sequera’: ‘Dicídelle agora que non pode conseguir nunca o meu ben e que nin sequera pense niso’).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado