63 [= Tav 151,5]
Deu-lo sab’oje, mia senhor

Deu-lo sab’oje, mia senhor
(a que se non asconde ren,
de pran), ca vos quer’eu melhor
d’outra cousa, mais non por ben
que de vós atenda, ca sei
ca ja per vós non perderei
gran coita do meu coraçon
q[ue] eu i tenho, mia senhor,
por vós, que me fazedes mal,
porque desejo voss’amor
e eu non poss’i fazer al;
mais [non] sõo quite de perder
per nulha guisa, sen morrer,
gran coita do meu coraçon,
ca, mal pecado, mia senhor,
ben per-sei eu ca ja assi é:
que mi non faredes maior
ben ja nunca, per bõa fe,
ca me fezestes, pois vos vi,
e non perderei eu per i
gran coita [do meu coraçon];
mais, se Deus quiser, mia senhor,
agora quando m’eu quitar
aqui de vós e sen vós for
u vos non vir nen vos falar,
ben per-sei eu como sera:
mor[r]er[ei] eu, e tolher-s’-á
gran coita [do meu coraçon].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 90

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 734-735 [= LPGP 938-939]); Littera (2016: II, 531-532).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 31); Machado & Machado (1949: I, 119-120); Rios Milhám (2017: I, 63).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 230).

Variantes manuscritas


2 asconde] absconde B   19 vos] uos B

Variantes editoriais


2 que] quen Michaëlis : quem Littera; asconde] absconde Michaëlis   3 vos] vus Michaëlis   5 vós] vus Michaëlis    11 eu] en Littera   12 [non]] om. Michaëlis, Littera   16 assi] ‘ssi Michaëlis, Littera   19 vos] vus Michaëlis   25 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis

Paráfrase


(I) Miña señora, hoxe sabe Deus –a quen, sen dúbida, nada se lle oculta– que eu vos quero mellor que a outra cousa, mais non polo ben que eu espere de vós, porque sei xa que por vós non perderei a gran coita do meu corazón (II) que eu teño, miña señora, por vós, que me facedes mal, porque desexo o voso amor e eu non podo niso facer outra cousa; mais non son libre de perder, de forma ningunha, sen morrer, a gran coita do meu corazón, (III) porque infelizmente, miña señora, sei eu moi ben que xa así é: que xa nunca me faredes un ben maior, abofé, do que me fixestes despois de vos ver, e eu non perderei por iso a gran coita do meu corazón;

(IV) mais, se Deus quixer, miña señora, cando eu agora me afastar aquí de vós e sen vós for a onde non vos vexa nin vos poida falar, moi ben sei eu o que acontecerá: morrerei eu, e desaparecerá a gran coita do meu corazón.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8D (= Tav 106:3)

Encontros vocálicos: 12 so͂͜o; 16 ja‿assi

Notas


Texto
  • *

    As edicións de Michaëlis e Littera non reflicten ningún tipo de ligazón entre as estrofas da composición. Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición véxase nota á cantiga 15.

  • 1-2

    A expresión da omnisciencia de Deus nestes dous versos lembra moi directamente unha fórmula similar (a omnipotencia divina) empregada polo trobador en 61.7-8.

  • 2

    Michaëlis mantén a grafía latinizante absconde, seguramente produto da intervención do copista, como acontece nalgunhas ocasións ao longo dos cancioneiros. Esta forma debe relacionarse coa aparición da variante <obscuro> en B (<oscuro> en V) en 1483.2, e indirectamente con outras pegadas da influencia latina en certas grafías e/ou formas que aparecen con máis ou menos profusión nos cancioneiros (<in> en, <et> e, <cōmo> como, <ella> ela, <dapno> dano etc.).

  • 11

    Para alén da frecuencia do erro <u>/<n> e da súa difícil discriminación nos manuscritos, a lectura e interpretación de <eu> como én de Littera non condí coa repetida construción eu non posso + infinitivo (que nunca se documenta con antecipación do pronome adverbial).

  • 12

    É necesario recuperar o adverbio negativo, á vista da presenza de per nulha guisa ‘de ningún modo’, que esixe a súa presenza (véxanse 188.4, 328.3, 996.16, 1238.3, 1442.21). Deste xeito, sõo será unisilábico, como acontece con certa frecuencia ao longo do corpus: sõo (14.19, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2), soo (1431.1, 1577.2). Cfr. nota a 10.25.

  • 16

    A sinalefa jaassi (ou, mesmo, assi‿é) fai desnecesaria a emenda ‘ssi de Michaëlis e Littera. Véxanse outros casos de sinalefa con jaassi en 326.16, 700.18, 1395.18.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado