54 [= Tav 151,17]
Por Deus, senhor, e ora que farei

Por Deus, senhor, e ora que farei,
pois que me vós non leixades viver
u vos eu possa, mia senhor, veer?
Mais pero vos pregunt’, eu ben o sei,
per boa fe: morrer con pesar én,
ca oje perco por vós quanto ben
mi Deus deste mundo quisera dar.
E, pois vos eu máis a ve[e]r no[n] ei,
quant’eu máis cedo podesse morrer
ta[n]to m’a mí máis devia a prazer!
Mais prazer é i que nunca verei,
ca por mia morte sei eu que alguen,
senhor fremosa, querra vosso ben
e vossa mesura meospreçar.
E, vedes, gran verdade vos direi:
se vós a min fezessedes perder
quanto ben Deus no mundo quis fazer
(que ja eu nunca por vós perderei),
por tod’esto non daria eu ren
se visse vós, ca mal veess’a quen
se d’outra cousa podesse nembrar!
E d’ũa cousa vos preguntarei:
por Deus, per que podestes vós saber
aqueste ben que vos eu sei querer?
Ca, mia senhor, sempre vo-lo eu neguei
por me guardar desto que m’oj’aven;
mais [pero] non quis [Deus] que m’eu por én
daquesta perda podesse guardar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 81

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 717-718 [= LPGP 946]); Littera (2016: II, 524-525).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 27); Machado & Machado (1949: I, 107-108); Rios Milhám (2017: I, 54).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 274-275).

Variantes manuscritas


5 morrer] moirer B   6 perco] preco B   20 visse] uissen B   21 cousa] coussa B

Variantes editoriais


3 vos] vus Michaëlis  4 vos] vus Michaëlis  5 Per bõa fe, moir’eu con pesar én Michaëlis : per bõa fé, morrer com pesar en! Littera   6 perco] perço Michaëlis, Littera   8 vos] vus Michaëlis  10 devia a prazer] devi(a) a prazer Michaëlis : devi’aprazer Littera   11 é i que] é que eu Michaëlis  14 meospreçar] mẽospreçar Michaëlis  15 vos] vus Michaëlis  20 veess’] vẽess’ Michaëlis  22 E d’ũa cousa vos] Ed ũa cousa vus Michaëlis  23 que] que[n] Michaëlis : que[m] Littera  24 vos] vus Michaëlis  27 mais [pero] non quis [Deus]] Mais non quis [Deus] Michaëlis : mais nom quis [Deus nem vós] Littera

Paráfrase


(I) Por Deus, señora, e que farei agora, pois vós non me deixades vivir onde eu vos poida ver, miña señora? Mais, aínda que vos pregunto, eu ben o sei, abofé: morrer con pesar por iso, porque hoxe perdo por vós canto me Deus quixera dar neste mundo.

(II) E xa que eu non vos hei de ver máis, canto eu máis cedo puidese morrer tanto máis me debía apracer! Mais é un pracer que nunca verei, porque pola miña morte sei eu que alguén, señora fermosa, quererá desprezar o voso ben e a vosa mesura.

(III) E vede, unha gran verdade vos direi: se vós me fixésedes perder canto ben Deus quixo facer no mundo –que eu xa nunca por vós perderei–, todo iso non me importaría nada se vos vise a vós, pois mal veña a quen se puidese lembrar doutra cousa!

(IV) E por unha cousa vos preguntarei: por Deus, por que puidestes vós saber o moito que eu vos sei amar? Porque, miña señora, eu sempre volo ocultei para me librar disto que hoxe me acontece; non obstante, non quixo Deus que me eu dese xeito puidese librar desta perda.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10d (= Tav 167:4)
Encontros vocálicos: 10 de·vi·a‿a; 11 é‿i; 25 vo-lo‿eu

Notas


Texto
  • 4

    Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’ (véxase tamén mais pero, forma reconstruída no v. 27).

  • 5

    Michaëlis emenda moirer en moir’eu, mais non é preciso xa que os vv. 5-7 son a resposta á interrogación inicial do trobador.

  • 6

    A raíz perc-, face á xeral perç-, na P1 de presente indicativo e no presente de subxuntivo de perder, só se rexistra en 373.2, 877.1, 882.4, 926.6, 1549.18, 1605.9.

  • 10

    A variante aprazer no corpus profano só se rexistra na frase se vos aprouguer (véxase Glosario: s.v. prazer1), feito que aconsella a segmentación de <a> para o nexo preposicional da perífase dever + a + prazer (cfr. nota a 34.11).

  • 11

    O carácter semitónico de i favorece unha sinalefa éi, que evita a expunción do adverbio (Michaëlis).

  • 11-12

    A métrica indica que o pronome eu probabelmente é espurio no v. 11, mentres que no seguinte é necesaria a súa presenza. Durante o proceso de copia eu podería moi ben ter trocada a súa posición, tal como acontece noutras cantigas con elementos foneticamente reducidos: ja (7.11-12, 102.8-10), e (67.22-23, 337.7-8, 1462.11-12) etc.

  • 20

    O pronome vós, como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 22

    De novo Michaëlis volve considerar unha hipotética –e errada– forma ed para a copulativa e (< ĕt), introducida tamén, a partir dunha falsa segmentación, en 7.13 e 42.20, talvez por influencia da variante contextual ed (perante vogal) da copulativa en italiano.

  • 23

    Que pode ser tanto o relativo equivalente a quen como o pronome interrogativo.

  • 27

    A hipometría do verso transmitido por B pode resolverse mediante a integración de Deus e mais do elemento pero, na locución conxuntiva mais pero (cfr. v. 4), de uso regular no corpus e tamén presente no v. 4. Existen, non obstante, outras posibilidades para nivelar a medida versal, tal como se pode ver en Littera.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado