459 [= Tav 18,17]
Don Rodrigo, moordomo, que ben pôs el-rei à mesa

Don Rodrigo, moordomo, que ben pôs el-rei à mesa
quando diss’a Don Anrique: «Pois a vosso padre pesa,
non lhi de[de]s o castelo, esto vos digo de chão,
e dar-vos-ei en ajuda muito coteife vilão.
E dos poldrancos de Campos levarei grandes companhas,
e dar-vos-ei en ajuda todo-los de Val de Canhas;
e des i pera meu corpo levarei ta[l] guisamento
que nunca en nen un tempo trouxo tal Pero Sarmento.
Levarei Fernando Teles con gran peça de peões,
todos calvos e sen lanças e con grandes çapatões;
e quen estes mata, a ren creede ben sen dultança,
que ja máis en este mundo nunc’avera vingança».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 464

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 64 [= LPGP 147-148]); Paredesa (2001: 129); Lopes (2002: 54); Paredesb (2010a: 111); Littera (2016: I, 83).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 151-152); Machado & Machado (1950: II, 309-310); Paredes (2010b: 88-89); Paredes (2010c: 66); Rios Milhám (2018b: III, 459).
III. Antoloxías: Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 65); Tavares & Miranda (1987: 34).

Variantes manuscritas


1 Anrique] aurique B   3 castelo] castello B   4 coteife] coitefe B   6 Canhas] cānas B   8 nen un] nēhū   9 Teles] teꝉꝉs B; peça de peões] peca de peca de peres B   10 lanças] lancʳas B; çapatões] capaton es B   11 mata, a ren] mataaren B; dultança] dultanca B   12 este] esto B; vingança] uinganca B

Variantes editoriais


1 el-Rei à mesa] al Rei a mesa Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb : a ‘l-rei a mesa Littera   8 nen un] nẽum Littera   9 Teles] Telles Paredesa, Paredesb   10 çapatões] sapatões Lopes, Littera   11 estes mata, a ren] [aqu]estes mataren Lapa : estes mataaren Paredesa, Paredesb : [aqu]estes matarem Lopes, Littera   12 nunc’avera] nunc[a] avera Lapa, Paredesa, Paredesb : nunca ve[e]rá Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Don Rodrigo, mordomo, que ben puxo o rei á mesa cando lle dixo a Don Henrique: «Xa que a voso pai lle causa pesar, non lle deades o castelo, dígovolo certamente, e dareivos para a vosa axuda moitos cabaleiros viláns.

(II) E dos poldros de Campos levarei grandes compañías, e dareivos como axuda todos os de Val de Cañas; e alén diso, para protexer o meu corpo levarei tal armadura que nunca tal, en ningunha ocasión, trouxo Pero Sarmentos.

(III) Levarei Fernando Teles cun gran número de peóns, todos calvos e sen lanzas e con grandes zapatóns; e quen estes mate, crede sen dúbida a cousa, xamais neste mundo terá vinganza».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 15’a 15’a 15’b 15’b (= Tav 37:7)

Encontros vocálicos: 12 má·is

Notas


Texto
  • *

    O escarnio trata das disputas entre Afonso X e seu irmán Don Henrique, por causa de doazóns recibidas por seu pai, Fernando III.

  • 1

    Respectamos o texto do manuscrito, que foi emendado nas anteriores edicións, que transforman o artigo el- na contracción al e mun o sentido do texto, pois converten mesa no CD de pôs (‘pór a mesa ao Rei’ en vez de ‘colocar o Rei á mesa’). Lémbrese, neste sentido, que o encontro da preposición a co artigo feminino se resolve maioritariamente en à, aínda que tamén existe a solución máis arcaica aa (cfr. nota 73.21).

  • 1-4

    Co texto que a copia de B transmitiu, deberemos considerar como exclamativa toda a estrofa, que non presenta, deste xeito, un verbo principal alternativo. Ironicamente, o trobador describe como o mordomo real lle cociña e serve ao rei a traizón dun dos seus propios fillos.

  • 2

    Don Rodrigo González Girón era mordomo-mor do rei Fernando III, o pai de Afonso X (e de seu irmán Don Henrique).

  • 3

    Nótese a grafía <ll> de castelo (tamén en Teles, v. 8), que, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

    A locución adverbial de chão (tamén en 511.7) é a forma galeguizada de de pran, de orixe provenzal, cunha variación semellante á que se observa en oimais ~ oje-mais. Cfr. nota a 109.21.

  • 4

    Coteife ‘soldado inferior, cabaleiro vilán’ é unha voz de orixe árabe que se liga a nojoso e a vilão ou vilan (véxase 115.13, 371.24); é case exclusivamente utilizado por Afonso X en composicións escarniñas (460.28 e, sobre todo, 477, vv. 1, 5, 6, 11 e 489, vv. 6, 7, 13, 19, 25, 31), para alén de Roi Queimado (1404.24) e Joan Soarez Coelho (1434.19).

  • 5

    Poldranco é unha forma despectiva de poldro.
    Campos refírese á coñecida como Terra de Campos, en Castela (España).

  • 6

    Val de Canhas fai referencia, probabelmente, a Valdecañas de Cerrato, na provincia española de Palencia.

  • 7

    Guisamento (‘aderezo, adorno’) é voz única na poesía trobadoresca, aínda que se documenta na prosa histórica e literaria.

  • 8

    Pero Sarmento é unha personaxe sen identificar.

  • 9

    Fernando Teles é un personaxe sen identificación concreta.
    Neste contexto, peça significa ‘número, cantidade’, como sempre que aparece na construción con peça de. Así se rexistra en diversas obras (véxase CGPA, s.v. peça), como as Cantigas de Santa Maria (dentro jazia, ..., / con peça de cavaleiros), na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España (tornouse para Saragoça et leixou y hũu seu alcayde cõ peça de caualeyros, que ajudassẽ el rrey de Ualença), na Crónica Troiana (Et por ende terría por bon cõssello se uós touessedes por ben que eu fosse a Greçia cõ peça de caualeyros, por lles fazer algũ grã mal ou por cobrar Ansýona) ou na documentación notarial, por exemplo nun documento de 1441: con peça de gente do señorío de Purtogal.

  • 10

    A presenza de -n- na forma manuscrita <capaton es> en B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilãoSobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 11

    Fronte aos anteriores editores, que emendan a lección manuscrita, coidamos que esta pode ser lida cunha segmentación diferente, de modo que a ren (dada a inexistencia de *mataar) funciona como CD de creede, sen problemas semánticos (‘isto crede sen dúbida’). Nese sentido, a lectura mataren (Lapa, Lopes, Littera) tampouco é posíbel, pois non existe suxeito plural para este infinitivo flexionado.
    Dultança ‘dúbida’ (nalgúns contextos tamén significa ‘temor’) é formación nominal a partir de dultar (co sufixo -nça), forma concorrente con duvidar nos textos medievais (do lat. dubitāre, véxase Ferreiro 1999: §17d.5); de todos os xeitos, as voces da familia lexical de dultar teñen escasa presenza na poesía trobadoresca profana, pois só volve aparecer dultança en 867.29, xunto co participio dultado en 468.28 (tamén Afonso X) e o verbo dultar en 1382.21.

  • 12

    Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais (ou máis) era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c). Neste sentido, a lectura bisilábica de mais evita calquera tipo de emenda métrica, en xeral feita na vacilante segmentación da secuencia <nuncauera>, que permite interpretar nunca vera ou nunc’avera.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado