456 [= Tav 18,10]
Direi-vos eu d’un ricom’e

Direi-vos eu d’un ricom’e
de com’aprendi que come:
mandou cozer o vil ome
meio rabo de carneiro,
assi como cavaleiro.
E outro meio filhou
e peitea-lo mandou,
ao colo o atou
en tal que o non aolhasse
quen no visse e o catasse.
E pois ali o liou,
estendeu-se e bucijou;
por ũa velha enviou
que o veesse escantar
d’olho mao e manejar.
A velha é[n] diss’atal:
«Daquesto foi, que non d’al,
de que comestes mui mal».
E começou de riir
muito del e [e]scarnir.
Nun’Eanes diss’assi:
«Fiida mester á i».
Don Afonso diss’atal:
«Faça-xo quen faz o al».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 461

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 58-59 [= LPGP 143-144]); Paredesa (2001: 116); Lopes (2002: 50-51); Paredesb (2010a: 98); Littera (2016: I, 81-82).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 150); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 97); Machado & Machado (1950: II, 305-306); Paredes (2010b: 80-83); Paredes (2010c: 60-61); Rios Milhám (2018b: III, 456).
III. Antoloxías: López-Aydillo (1914: 29); Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 61-62); Tavares & Miranda (1987: 224-225); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 51); Diogo (1998: 175).

Variantes manuscritas


1 -vos] uos B; ricome] Rycomen B   3 cozer] co(u)zer B; ome] omen B   4 meio irabo de carneyro / Meyo rabo de carneyro B   5 cavaleiro] caualron B   9 en tal] E utal B; aolhass’e] aolhassen B   12 bucijou] bucigiou B   13 ũa] huua B   14 escantar] escaētar B   15 e] de B   16 atal] acal B   17 que non d’al] en que dal B   18 que] que me B   19 E começou] e ecomeçou B   23 Afonso] Aº. B   24 Faça] faca B

Variantes editoriais


1 ricome] ricomen Lapa, Paredesa, Paredesb : ric’home Lopes, Littera   3 ome] omen Lapa, Paredesa, Paredesb   5 como] com’o Lopes, Littera   8 ao] [e] ao Lopes, Littera   9 aolhass’e] aolhasse Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   10 que non] quen no Lapa, Paredesa, Paredesb : quem-no Lopes : quen’o Littera   15 e] de Lapa, Lopes   20 muito del e [e]scarnir] [e] muito del escarnir Lopes, Littera   21 Nun’Eanes diss’assi] Nunca vos diss[e] assi Lapa, Paredesa   22 fiida] fĩida Lapa, Paredesa, Paredesb : fiinda Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Falareivos dun ricome e de como oín dicir que come: mandou cocer o vil home medio rabo de carneiro, tal como cabaleiro.

(II) E o outro medio colleu e mandouno peitear e atouno ao pescozo para que non lle botase mal de ollo quen o vise e o ollase.

(III) E despois que o atou alí, espreguizouse e bocexou; mandou ir chamar unha vella que o viñese tratar e esconxurar contra o mal de ollo.

(III) A vella, sobre o caso, dixo así: «Foi disto, e non doutra cousa: de que comestes moi mal». E deu en rirse del e en escarnecelo.

(1) Nun’Eanes dixo así: «Aquí cómpre unha fiinda».

(2) Don Afonso dixo tal: «Que o faga quen fixo o resto».

Métrica


Esquema métrico: 7’a 7’a 7’a 7’b 7’b (I [= Tav 16:18]) + 7a 7a 7a 7’b 7’b (II [= Tav 16:16]) + 7a 7a 7a 7b 7b (III, IV [= Tav 16:15]) + 7c 7c 7a 7a

Encontros vocálicos: 9 a͜o·lha·sse; 10 visse‿e; 11 li·ou; 12 -se‿e; 13 velha‿en·vi·ou; 14 ve·e·sse‿escantar; 15 ma·o‿e

Notas


Texto
  • 1-3

    A segmentación da copulativa no final do primeiro verso (ignorada en todas as edicións), que evita unha xustaposición incómoda, parece confirmar que as leccións coas formas <rycomen> e <omen> de B, en rima con come (v. 2), presentan nasalidade inducida por unha nivelación lusitanizante (véxase nota a 82.14). Este tipo de segmentación en posición final de verso é característica da conxunción copulativa e aparece con relativa frecuencia no corpus trobadoresco (nas Cantigas de Santa Maria tamén se rexistra en diversas pasaxes), por máis que en moitas edicións fique apagado por decisións editoriais certamente discutíbeis.

  • 4-6

    Fronte ao resultado meo (só en 278.5), na poesía profana a forma meio ‘metade’ (< medium) é transmitida sempre por BV, a funcionar como substantivo ou como adxectivo anteposto, o mesmo que forma parte da loc. prep. en/(e)no meio de (489.141030.14, 1377.14, 1473.9, 1631.13 etc.).

  • 5

    A lección <caualron> cavaleiro de B é produto dun desenvolvemento erróneo da abreviatura de <caualrõ> no antígrafo, tal como aparece noutra pasaxe de Afonso X (478.35 cavaleiro <caual rõ> B, <caualrõ> V).

    Como acontece con relativa frecuencia no corpus das cantigas, unha diferente segmentación xera un texto diferente: neste verso é perfectamente posíbel interpretarmos, cunha certa carga de ironía, assi com’o [= come o] cavaleiro.

  • 7

    Peitear 'pentear' é voz única no corpus trobadoresco profano e moi esporádica na lingua medieval, pois, na familia lexical correspondente, no CGPA só achamos, para alén do apelido Peyteado, pente en dous documento galegos serodios: XXXVII pares de brancas e medio en brancas nouas et fogil et ysca et candea de çera et hun pente e mechas de xofre e hun cordón de sedas et hun pente (doc. 1455); Que lle tomaran mays hun esqeiro et hun coytello desfollar e huun pente e hua chaue, que jurou que valía todo XXV mrs. (doc. 1458). As restantes atestacións son posteriores, sempre en textos portugueses a partir de finais do século XV, como o Orto do Esposo, ou a Crónica dos Reis de Bisnaga (véxase CGPA, s.v. pentempentear).

  • 9-10

    A rima impón a corrección da lección <aolhassen> para aolhasse (‘botase mal de ollo’). Na realidade, parece discutíbel unha lectura literal dos dous versos tras a emenda para aolhasse: en tal que o non aolhass’e / que non visse e o catasse: a lóxica discursiva da pasaxe impón mais outra emenda, efectuada por todos os editores, que afecta á lección <que non>, que debe ser modificada para <quen no>, co mesmo erro que se rexistra en 917.21 por parte dos dous apógrafos italianos: Este sonho, quen no pode soltar? (co erro <que non> B, <q̅ nō> V).

  • 12

    Bucijar ‘abrir a boca, bocexar’ tamén é voz única no corpus poético medieval. Na prosa, só a achamos na Historia Troiana (cfr. CGPA): Et rroçiou cõ ellas cada vez os cabelos da cabeça et fazia cada vez cõmo quẽ buçija. Tamén no Livro de Falcoaria do Emperador Enrique da Alemanha: Capitolo XV de quando a ave bocija a meude, e é dor mortal, mormẽte se é ofego (CdP, s.v. bocija).

  • 13

    A presenza de -n- na forma manuscrita <huua> (= <huna>) en B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <alguna> algũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilãoSobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 14-15

    A lección <escaētar> debe ser un erro por escantar, pois escaentar (cfr. 493.25, 1584.10) non ten sentido na pasaxe, para alén de converter o verso en hipermétrico.
    Escantar d’olho mao é ‘esconxurar contra o mal de ollo’, e manejar ‘manexar’, ligado copulativamente con escantar, debe facer referencia a manipulacións relacionadas coa bruxaría. Véxase tamén 1530.20-21.

  • 17

    O sentido obriga á emenda da lección de B, que impide a comprensión.

  • 18

    A presenza de me provoca hipermetría no verso, circunstancia que obriga á súa expunción, como acontece noutras pasaxes en que o pronome aparece de forma espuria. Véxase, por exemplo, 191.10, onde a lección de A mostra como se debe eliminar a forma <mj> presente en B.

  • 21-24

    O texto das dúas fiindas non presentan dificultade de lectura no manuscrito, porén son de difícil interpretación a partir da lectura, sen emendas, do manuscrito. Lopes (tamén en Littera) estabeleceu un Nun’Eanes (Nun'Eanes Cerzeo?), lectura certa de B, aínda que descoñezamos a identidade deste personaxe, en diálogo con Don Afonso (ou Alvaro, pois a abreviatura <Aº> de B permitiría tamén esa interpretación); o obxecto exacto de tal diálogo é difícil de determinar, para alén do xogo con fiida (‘fin’ e ‘fiinda’).
    Podería pensarse nun xogo metaliterario relativo á solicitude dunha fiinda conclusiva por parte dun asistente á interpretación da cantiga, que sería hipoteticamente o trobador Nun’Eanes Cerzeo, e que pedía unha conclusión máis acabada para a historia que escoitara. E tamén en que o autor, o propio rei Afonso, se autoinclúe no texto para responder moi ironicamente que a fiinda debe ser feita tamén por quen fixo o resto (el mesmo). Quere isto dicir que as dúas fiindas non estarían previstas na composición orixinal, e serían incorporadas para reflectir a hipotética circunstancia descrita? Ou tamén esta é ficción literaria?

  • 22

    No caso de fiida (o mesmo que acontece con é[n] no v. 16) parece que o til de nasalidade da vogal puido confundirse e/ou mesturarse graficamente no exemplar manexado polo copista de B coa haste case deitada do <d>. Se así for, a edición correctar sería én (v. 16) e fĩida (v. 22).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado