439 [= Tav 157,62]
Tan muito mal me ven d’amar

Tan muito mal me ven d’amar
a mia sennor, per bõa fe,
meus amigos, que assi [é]
que ei a dizer con pesar:
ao demo comend’Amor
e min se d’amar ei sabor!
Quando me nembra quanto mal,
meus amigos, me d’Amor ven
porque quero mia sen[n]or ben,
con pesar digo, non con al:
ao demo comend’Amor
e min se d’amar ei sabor!
[Q]uando me nembra o prazer,
amigos, que ouve e perdi
per Amor, pois mia sennor vi,
con gran pesar ei a dizer:
ao demo acomend’Amor
e min se d’amar ei sabor!
Pero quero ben mia sennor
e querrei mentr’eu vivo for.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


A 274

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 539 [= LPGP 992]); Fernández Graña (2007: 365); Littera (2016: II, 570).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 162); Machado & Machado (1960: VII, 56-57); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 439).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 234); Arias Freixedo (2003: 923-924).

Variantes manuscritas


4 pesar] pessar A   9 porque] por quei A   10 pesar] pessar  17 ao] No A

Variantes editoriais


9 porque] porqu’eu Michaëlis : porque eu Littera   14 ouve] ouv(e) Michaëlis : houv’ Littera   17 demo] dem(o) Michaëlis; acomend’] comend’ Littera

Paráfrase


(I) Vénme tanto mal por amar a miña señora, abofé, meus amigos, que é así que debo dicir con pesar: ao demo encomendo Amor e a min mesmo se teño pracer en amar!

(II) Cando me lembra canto mal, meus amigos, me vén de Amor porque amo a miña señora, digo con pesar, e non con outra cousa: ao demo encomendo Amor e a min mesmo se teño pracer en amar!

(III) Cando me lembra o pracer, amigos, que tiven e que perdín por Amor, desde que vin a miña señora, con gran pesar teño que dicir: ao demo encomendo Amor e a min mesmo se teño pracer en amar!

(1) Mais amo a miña señora, e amareina mentres eu estiver vivo.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 8c 8c (= Tav 160:397)

Encontros vocálicos: 14 ouve‿e; 17 demo‿acomend(o)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga de amor, considerada anónima, adquire un certo ton paródico a partir do refrán.

  • 4-10

    No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <pessar> neste verso e mais no v. 10, véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 147.3, 150.4, 259.18, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.

  • 5

    Nótese a variación lingüística no refrán entre comendar (I-II) e acomendar (III), moi similar á que se rexistra na cantiga 169 (cfr. nota a 27.4). De calquera maneira, este é o único rexistro de comendar que se documenta no corpus, en face de acomendar, que aparece sempre na expresión acomendar ao demo: E ao demo vou acomendar / prez deste mundo e armas e lidar (484.29), A dem’acomend’eu Amor (901.25).

  • 6

    O pronome min (tamén nos vv. 12 e 18 do refrán), como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.

  • 9

    Emendamos o obvio erro de A coa anulación de <i>, fronte á anómala crase michaëliana porqu’eu (véxase Ferreiro 2009), cun pronome inexistente no manuscrito, que en Littera é reconvertido, con dano para a métrica (o verso tórnase hipérmetro), en porque eu.

  • 17

    Obsérvese como a variación lingüística no refrán, coa variación comendar ~ acomendar, foi anulada en Littera.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado