347 [= RM 157,33]
Neguei mia coita des ũa sazon

Neguei mia coita des ũa sazon,
mas con gran coita que ouve e que ei
ouvi a falar i como vos direi:
enos cantares que fiz des enton
en guisa soube mia coita dizer
que nunca mi-a poderon entender.
E, sabe Deus, quen mui gran coita ten
com’eu tenno non á poder d’estar
que non aja i ja-quant’a falar:
enos cantares que eu fiz por én
en guisa soube mia coita dizer
[que nunca mi-a poderon entender].
Algun sabor prend’ome quando diz
ja-que da coita que sofr’, e do mal,
com’eu sofro; mais ei a temer al:
enos cantares que des enton fiz
en guisa soube mia coita dizer
[que nunca mi-a poderon entender].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


A 211

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 413 [= LPGP 304]); Littera (2016: I, 329-330); Bruno (2022: 40-41); Staffieri (2024: 142).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 124); Machado & Machado (1960: VII, 29); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 347).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 182).

Variantes manuscritas


3 vos] uus A

Variantes editoriais


2 ouve] ouv(e) Michaëlis : houv' Littera   3 vos] vus Michaëlis   6 poderon] puderom Littera   12 poderon] puderom Littera

Paráfrase


(I) Ocultei a miña coita desde hai tempo, mais coa gran coita que tiven e que teño tiven que falar dela como vos direi: nos cantares que eu fixen desde entón souben dicir a miña coita de tal maneira que nunca ma puideron percibir.

(II) E, sábeo Deus, quen ten tan gran coita como eu teño non pode estar sen falar algo dela: nos cantares que eu compuxen por iso souben dicir a miña coita de tal maneira que nunca ma puideron percibir.

(III) Algún alivio recibe un home cando fala algo da coita e do mal que sofre, como eu sufro; mais debo temer outra cousa: nos cantares que compuxen desde aquela souben dicir a miña coita de tal maneira que nunca ma puideron percibir.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:245)

Encontros vocálicos: 2 ouvee; 3 ouvia; 6 mi-‿a; 12 mi-‿a; 18 mi-‿a

Notas


Texto
  • 3

    A forma ouvi, con -i final, é rara en A, xa que só volve aparecer en 313.9 e 417.13.

  • 7

    A expresión sabe Deus é unha frase formularia de tipo aseverativo, similar a outras do tipo ben sabe Deus, ben o sabe Deus ou Deu-lo sabe.

  • 9

    O pronome indefinido ja-quanto, nacido da aglutinación de ja e quanto, equivalente a ‘algo, un pouco’, ten certo uso na lingua trobadoresca (395.6, 461.4, 559.14, 1388.14, 1508.11, 1529.14, 1555.22 e 1605.6) e, en xeral, na lingua medieval. Cfr. nota a 33.14.

  • 14

    A aglutinación de ja e que xerou o pronome indefinido ja-que ‘algo’ (cfr. ja-quanto; véxase nota a 347.9), que ten certo uso na lingua trobadoresca (33.14, 56.25, 266.16, 380.23, 603.7, 1021.20, 1417.2, 17 e 27, 1675.3). Cfr. notas a 1012.18 e 1419.32.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado

    Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
    Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies:

    ConfiguraciónsAceptar