171 [= Tav 106,6]
Assi me trag’ora coitad’Amor

Assi me trag’ora coitad’Amor
que nunca lh’ome vi trager tan mal,
e vivo con el ũa vida tal
que ja mia morte seria melhor.
Nostro Senhor, non me leixes viver
se estas [coitas] non ei a perder!
E pera qual terra lh’eu fugirei?
Log’el sabera mandado de min
ali u for, e, pois me tever i
en sa prison, sempre eu esto direi:
Nostro Senhor, [non me leixes viver,
se estas coitas non ei a perder!]
E a min faz oj’el maior pesar
de quantos outros seus vassalos son,
e a [e]ste mal non lh’ei defenson:
u me ten en poder, quer-me matar.
Nostro Senhor, [non me leixes viver,
se estas coitas non ei a perder!]
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 185a

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 794 [= LPGP 686]); Pousada Cruz (2013: 224); Littera (2016: II, 184-185).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 79); Machado & Machado (1949: I, 299-300); Camargo et alii (1995: 81-82); Rios Milhám (2018a: II, 171).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 152); Torres (1977: 514); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 153).

Variantes manuscritas


1 coitad’] couad B   13 faz] ffa’z B   16 u] ca hu B

Variantes editoriais


8 min] mi Michaëlis, Pousada Cruz, Littera   10 sempre eu] sempr’eu Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) De tal modo me trae agora Amor coitado que nunca lle vin maltratar tanto a ninguén, e vivo con el unha vida tal que xa sería mellor a miña morte. Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!

(II) E para que terra eu fuxirei? El logo terá novas de min alí onde eu for, e, despois que alí me tiver na súa prisión, sempre eu isto direi: Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!

(III) E a min cáusame el hoxe maior pesar que a todos cantos outros son vasalos seus, e contra este mal non teño defensa: cando me ten so o seu poder, quéreme matar. Noso Señor, non me deixes vivir se non vou perder estas coitas!
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:180)

Encontros vocálicos: 10 sempre‿eu

Notas


Texto
  • 5

    Coitas semella opción case única para compensar o salto de copia producido no manuscrito da Biblioteca Nacional.

  • 7

    O verbo fugir é variante da forma, aínda maioritaria, fogir (< fŭgĕre), que sofreu un proceso de asimilación e harmonización vocálica ([o...í] > [u...í]) que afecta tamén as formas conxugadas; un proceso similar verifícase noutros verbos con representación no corpus profano: bulir (vs. bolir), cuspir (vs. cospir), destruir (vs. destroir), nuzir (vs. nozir); o mesmo acontece coas formas avurrido ou fugido. Cfr. nota a 460.2.

  • 14

    Sobre a figura do vassalo na cantiga de amor véxase nota a 32.3.

  • 15

    O substantivo defenson ‘defensa’ (mais cfr. 601.9), sen palatalización inducida por iode, como en prijon (vs. prison), derivado do lat. defensiōnem, é a forma maioritaria (3.14, 601.9, 627.14, 1320.10, 1332.18), fronte a sinónimos da mesma familia lexical como defesa ~ defensa.

  • 16

    A expunción de ca por motivos métricos acha xustificación no feito de que nunca se verifica sinalefa de ca nas cantigas transmitidas polo Cancioneiro da Ajuda, o manuscrito máis fiábel: en 279.10, a inicial copia do verso ca estou de vós como vos eu direi de A (esencialmente coincidente coa de B), que obrigaría á sinalefa caestou para a medida decasilábica, foi corrixida nó códice do Colégio dos Nobres coa supresión de eu e a conseguinte restauración do hiato ca | estou. Ademais, existen ao longo do corpus outras probas indirectas que confirman que, ás veces, a presenza da conxunción é resultado dun erro de copia. Así ocorre, por exemplo, na cantiga 938.3: os dous apógrafos italianos presentan a lección redundante <ca poys>, onde é necesario expunxir ca.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado