I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 179 [= LPGP 251]); Pagani (1971: 122-123); Lopes (2002: 505); Littera (2016: I, 267).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 312); Braga (1878: 171); Machado & Machado (1958: VI, 36).
III. Antoloxías: Torres (1977: 300-301); Tavares & Miranda (1987: 84-85); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 83); Marcenaro (2006: 328-330); Corral Díaz & Vieira (2023: 136-137).
1 que] ꝙʷ B; femença] semēça V 4 creença] creēza V 5 casamento] casam̄to BV 6 ũu] hūn B 7 negrigença] negrīza V 15 eu outra] ou outº V 17 tomou] romou V 20 negrigente] negigence B 21 aguçosa] agucosa B
6 nen ũu] nen un Lapa : nem um Lopes : nen hun Pagani : nẽum Littera 14 seerdes] serdes Lopes
(I) Doncela, calquera que repare en quen vós sodes e no voso estatus e na aparencia que Deus vos quixo dar, poderá entender, así o creo eu, que, xa que vos queren casar, non pode haber ningún impedimento para iso, agás se for pola vosa neglixencia.
(II) E quen ben vir o voso porte e as feituras e a aparencia que vós tendes ben poderá entender en todo isto, por canto eu sei, que alí onde vós queredes casar nada impedirá que casedes, agás por serdes vós neglixente, (III) pois coñezo outra de menos donaire e de menor categoría que vós, certamente, que, pola dilixencia que puxo na intención de casar cedo, non tivo ningún contratempo; por iso vos cómpre, se queredes casar, que de neglixente que sodes, sexades dilixente, sen máis desatinos.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10’c 10’c 10’a (= RM 161:182)
Encontros vocálicos: 6 ũ͜u; 11 ci·en·te; 14 se͜er·des
Esta cantiga, igual que UC 213, 270 ou 926, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas I e II (e ligazón causal nas estrofas II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.
No corpus das cantigas profanas, a voz femença só é utilizada na frase meter femença ‘considerar, prestar atención’ (565.1, 970.2 e 1408.18) e só en Estevan da Guarda aparece a expresión poer femença co mesmo significado. Nas Cantigas de Santa Maria (cfr. Mettmann 1959-1972: IV, s.v. femença) rexístrase tamén meter femença (CSM 96.36, 119.57, 305.42, 344.9) xunto con parar femença (CSM 224.5, 241.9). E na produción medieval, a mesma expresión poer femença, ás veces con gradación, aparece tamén en obras diversas. Eis algunhas atestacións en diversas obras (cfr. CGPA, s.v.):
assy como sẽẽdo filho del rey Recesundo, que perventuira poeria femença de aver o reyno e senhorio que fora de seu padre (Crónica Geral d’Espanha de 1344, ed. Cintra).
Noutras obras, a formulación é máis complexa:
muyto devemos poer mais aficada femença na ordenança de toda nossa vyda (Leal Conselheiro, ed. J. Piel).
Capitullo IIIIo. Como se mostra a myngua da segurança por algũũ poer mayor femença em algũa cousa que faz do que deve. Fallando propriamente, o medo ou receo he contrairo da segurança. E porem, mostrando algũũ en seu geito que põe mayor femença no que faz do que deve, bem declara que o sseu coraçom nom está muy seguro (Livro de ensinança de cavalgar a toda sela, ed. J. Piel).
A expresión quant’é mia creença ‘segundo creo, conforme o meu parecer’ é unha expresión formularia de parecer, similar a moitas outras que existen no corpus das cantigas (véxase UC/Glosario, s.v. seer). En calquera caso, nótese a simétrica presenza de dúas expresións asertivas na mesma posición e verso dentro da estrofa: quant’é mia creença (v. 4) - quant’é meu ciente (v. 11).
O indefinido ũu debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.
Partimento ‘oposición’ é derivado nominal de partir.
A voz negrigença é importación erudita do lat. negligentiam, que na lingua medieval presenta os resultados negleença e negligença ~ negligencia, conforme os datos fornecidos polo Corpus do Galego-Portugués Antigo. A variante con rotatización semella única, xunto con negregencia, atestada no Tratado de Alveitaria:
da qual danadura se se por negregencia do alveiter non tallar a uña como ja desuso dixe, a par da chaga nace do tuelo, ũa sobejedũe de carne que sal fóra porla chaga sobrela sola do pee (Pérez Barcala 2013: 202).
A voz contenente ‘aspecto, aparencia física...’ tirada do latín a partir do participio activo de continere, presenta manutención, por tanto, de -n- intervocálico. É cultismo utilizado con relativa frecuencia desde o inicio da produción escrita (no corpus profano, tamén en 1336.18, 1373.19 e 1575.16).
Tal como seeredes (trisilábico), e a diferenza das outras comparecencias desta forma do infinitivo flexionado, seerdes é forma bisilábica neste verso, en transición para a crase que se manifesta por veces en sera e seria e as restantes flexións persoais de futuro e pospretérito (véxase seen·d(o) en 1625.13). Probabelmente non sexa alleo a este feito que Estevan da Guarda pertenza á derradeira xerazón trobadoresca, xa en pleno século XIV.
Aguça ‘dilixencia, fervor, empeño’ semella outro derivado regresivo de aguçar (do lat. *acutiare, derivado de acutus ‘agudo’), do mesmo modo que o derivado aguçosa ‘dilixente’ no v. 21. Ambas as voces son habituais desde os inicios da lingua (véxase CGPA, s.v.).
A voz talan (‘desexo, vontade, inclinación’) é palabra de orixe galo-románica, seguramente provenzal (cfr. prov. talan ~ talen, fr. talant, do lat. talentum), que escurece o uso de talante (só en 924.21 e 1334.11). Véxase García-Sabell Tormo (1990: s.v. talan).
A forma contrairo (do lat. contrarium), con metátese de iode mais sen evolución -ai- > -ei-, é forma verdadeiramente tardía. Nas cantigas só se rexistra en Estevan da Guarda (véxase tamén 1320.5 e 1342.10)1 , para alén da Arte de Trobar: e o outro responda-lhe na outra dizend[o] o contrairo (Tavani 1999: 43). Con efecto, é voz que aparece a partir da segunda metade do século XIV (véxase CGPA, s.v. contrairo, contrayro). Neste contexto, contrairo funciona como un substantivo, co significado de ‘impedimento, obstáculo’.
Igual que posfaço (1326.7) e aguça (v. 17), tamén desvairo semella derivado regresivo de desvairar, habitualmente considerado un castelanismo a partir de desvariar (véxase Machado 1967: s.v.; Cunha 1989: s.v.).