I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 301-302 [= LPGP 907]); Cohen (2003: 344); Littera (2016: II, 460-461).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 211); Braga (1878: 113); Machado & Machado (1960: VII, 79).
2 quen] queu V 4 que uꝯ ueia / e el morreu e sey V
4 que o veja] que me veja Cohen, Littera 6 logo i] logu’i Nunes : log’i Cohen
(I) Coidara eu en dicirlle á miña señora o moito que a amo, e sentín pavor de ficar con ela moito peor do que xa estaba, e non ousei falarlle de canta coita por ela sufrín nin do moito que lle quixen, desde que a vin.
(II) E non pensei ter nada de medo e por iso me esforcei entón e fun ante ela, así Deus me perdoe, para llo dicir, mais non lle dixen nada de canta coita por ela sufrín nin do moito que lle quixen, desde que a vin.
(III) Con moito ánimo fun para lle falar da moi gran coita que sufro por ela, e estiven diante dela e (alí) permanecín e cavilei e ollei para ela, mais non me atrevín a lle falar de canta coita por ela sufrín nin do moito que lle quixen, desde que a vin, (1) e quero e quererei sempre desde agora.
Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10b 10c 10c 10a (= Tav 189:12)
Encontros vocálicos: 6 logo‿i
O texto que propomos baséase na frecuencia do erro <ꝯ>/<o> tanto en B –moi frecuente– como en V. Eis algúns casos de confusión no Cancioneiro da Vaticana: amigo <amigꝯ> BV (579.1); amigo <a migo> B, <amigꝯ> V (860.2); e no <eno> B, <enꝯ> V (881.9); cervo <ceruo> B, <ceruꝯ> V (1207.13).
Deste xeito, a coherencia semántica da cantiga fica asegurada, pois a amiga fala de ver o amigo para que non morra de amor. Neste sentido, a emenda de Cohen e de Littera tamén sería posíbel, mais non achamos a confusión *<ꝯ>/<me> nos apógrafos italianos.