532 [= Tav 25,119]
Senhor, oj’ouvess’eu vagar

Senhor, oj’ouvess’eu vagar
e Deus me dess’end’o poder
que vos eu podesse contar
o gran mal que mi faz sofrer
esse vosso bon parecer,
senhor, a que El non fez par,
ca, se vos podess’i falar,
cuidaria muit’a perder
da gran coita e do pesar
con que m’oj’eu vejo morrer,
ca me non pod’escaecer
esta coita que non á par,
ca me vos fez Deus tant’amar,
er fez-vos tan muito valer
que non poss’oj’en mí osmar,
senhor, como possa viver,
pois me non queredes tolher
esta coita que non á par.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 525a, V 118

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 38 [= LPGP 232-233]); Nunes (1972 [1932]: 130-131); Littera (2016: I, 186-187).
II. Outras edicións: Moura (1847: 56-58); Monaci (1875: 51); Braga (1878: 24); Machado & Machado (1952: III, 91-92); Júdice (1997: 113); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Pimpão (1942: 38); Torres (1977: 237).

Variantes manuscritas


3 eu] ē B   4 mi] mī B   10 morrer] moirer B

Variantes editoriais


Lang presenta como refrán o derradeiro verso de cada estrofa.

13 vos] vós Lang

Paráfrase


(I) Señora, oxalá eu tivese hoxe vagar e Deus me dese para iso o poder para vos poder contar o gran mal que me fai sufrir esa vosa fermosura, señora, a quen El non lle fixo par, (II) pois, se vos puidese falar diso, penso que perdería moita da gran coita e do pesar con que hoxe eu me vexo morrer, porque non me pode esquecer esta coita que non ten par, (III) porque me fixo Deus amar tanto, e ademais fíxovos de tanta valía, que non podo hoxe imaxinar, señora, como poderei vivir, xa que non me queredes tirar esta coita que non ten igual.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8a 8b 8b 8a (cfr. Tav 79:16)

Notas


Texto
  • *

    Tal como acontece na cantiga 26, nesta cantiga dionisina tamén aparece un hipotético refrán constituído polo último verso nas estrofas II e III, que na primeira estrofa presenta unha redacción totalmente diferente, imposibilitando a súa consideración como tal.

    Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición, con estrofas ligadas causalmente coa conxunción ca, véxase nota á cantiga 15. Non obstante, esta ligazón causal non é considerada en ningunha das edicións precedentes.

  • 1-2

    A pesar de seren formas de subxuntivo, ouvesse e desse funcionan como verbos principais do período, de carácter desiderativo, cun uso sintáctico que se documenta esporadicamente na lingua medieval. Cfr., por exemplo, na Crónica Geral de Espanha de 1344: E hora Deus quisesse que Julyo Cesar lançasse bestas mortas e outras peçonhas nos ryos e nas fontes e leixassenos fartar d’augua! (Cintra 1952-1990: II, 123); ou na tradución da Confessio Amantis: E quisesse ora Deus que nós... (Faccon 2012: 283). No corpus trobadoresco profano aparece o mesmo uso en 237.3, 310.16-17, 311.16, 376.16, 532.1, 812.9.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado