I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 282); Rodríguez (1980: 302 [= LPGP 384-385]); Lopes (2002: 187); Ferreiro (2014c: 518); Littera (2016: I, 469-470); Arias Freixedo (2017: 186).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 373); Braga (1878: 204-205); Machado & Machado (1958: VI, 166-167); Fernández Pousa (1959: 281).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 35); Landeira Yrago (1975: 153); Tavares & Miranda (1987: 314-315); Pena (1990: 226); Arias Freixedo (1993: 136); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 123); Neves (2004: 46); Gutiérrez (2023: 119).
1 Beeito] beeyro V 2 beijar ... oscuro] beyar ... obscuro B 3 mia] ma B 4 < >ome homa (a)uenturado B : Home homa uenturado V 5 beijar] Beyar B 6 mia] ma B 8 beijou] beiro V 9 mia] ma B 10 moi] muy V; grand’abeto] grande boto B : granda beto V 11 beijar] Benar B : leirar V; pelo] polo V 12 mia] ma B
1 Don Beeito, om’é duro] Don Beeito, ome duro Lapa, Ferreiro : Dom Beeito, home duro Lopes, Littera 2 oscuro] obscuro Lapa, Lopes 4 Om’é, om’aventurado] Come ome aventurado Lapa : Om’é, ome aventurado Rodríguez : Come home aventurado Lopes, Littera 10 moi] mui Arias Freixedo; abeto] abato Rodríguez : achaco Lapa : abaco Lopes, Littera 11 pelo] polo Lapa, Lopes, Arias Freixedo, Littera; bureco] burato Rodríguez : buraco Lapa, Lopes, Littera
(I) Don Bieito é home duro: foi beixar polo escuro a miña señora.
(II) Home é, un home ousado: foi beixar polo furado a miña señora.
(III) Vede que gran desventura: beixou pola fenda a miña señora.
(IV) Vede que grande necesidade: beixou polo burato a miña señora.
Esquema métrico: 4 x 7’a 7’a 4B (= RM 26:115)
No íncipit da cantiga optamos pola segmentación da forma verbal é (om’é duro) en liña co v. 4, e cunha puntuación simétrica en todos os primeiros versos de cada estrofa. Porén, a fixación tradicional do íncipit (Don Beeito, ome duro) é tamén aceptábel.
A forma erudita obscuro, atestada por vez primeira no século XVI, semella produto dunha intervención latinizante do copista de B sobre unha forma oscuro, antecedente da xeral escuro, que rexistramos a través dalgúns derivados (oscuridade, oscureza) en textos medievais algo tardíos. A primeira das formas rexístrase nun texto notarial galego de 1431 (CGPA, ed. Graña Cid):
Por quanto eu o dito notario aio de faser tres cartas, se en alguna delas ouuer mays oscuridade que en outra, a saluo me fique de as conçertar hunas con outras et me non vaay y perjudiçio.
A voz oscureza aparece no Livro dos Oficios:
E sse alguũs de ssua primeira hidade por sua homildade e oscureza nom som conhecidos dos homeẽs, devensse de trabalhar dacalçar grandes cousas com studos dereitos (cfr. CdP).
De calquera xeito, obscuro lembra outras grafías latinizantes existentes no corpus, en xeral en B, similares a absconde (véxase nota a 63.2), monstrar (véxase nota a 9.3) etc.
No refrán aparece sistematicamente a forma posesiva feminina ma en B: en principio, ma é tamén unha variante correcta (véxase nota a 104.18); porén, débese advertir que, en xeral, esta forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 645.9, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).
O inicio deste verso permitiu diversas interpretacións nos editores anteriores, favorecidas polas características da copia deste verso en B e V. Mentres que V presenta <Home> como primeiro elemento do verso, B ofrece a lección <ome>, con explícita ausencia dunha letra (maiúscula), lacuna sinalada polo copista cunha cruz lateral. Este feito é o que xustifica diversas lecturas diverxentes: a lectura Come de Lapa (e Lopes) parte da ausencia de <C>, resultando sintáctica e semanticamente acaída no contexto da estrofa e da cantiga. Con todo, coidamos que a lección de V indica que a letra ausente en B é <H>; é por isto que optamos pola interpretación proposta, tamén condicente ao contexto e xustificada polas leccións dos apógrafos italianos, por máis que Gonçalves (2016 [2007]: 481, n. 41) suxira Ome ben aventurado...: «a leitura correcta talvez seja "Ome bem aventurado" sendo o erro dos mss. (hom por bem) dos mais banais».
No v. 10, optamos pola forma moi de B (cfr. mui en V), forma minoritaria nos cancioneiros que moi probabelmente presenta un índice baixo de aparición polo verniz lusitanizante que se pode observar nos apógrafos italianos.
Porén, o máis importante locus criticus da cantiga reside nas palabras rimantes da derradeira estrofa, de xeito que unha condiciona a outra por canto deben rimar entre si. Todas as edicións da cantiga parten do feito da existencia de erros de copia nestes versos por causa da (aparente) inexistencia das formas transmitidas polos manuscritos: bureco, lección indubitábel, e abeto, que se derivaría das leccións conservadas para o v. 10: <grande boto> B, <granda beto> V.
Canto á palabra rimante do v. 10, na súa edición, Lapa estabelece achaco (e, por tanto, buraco, no v. 11), xustificando a súa decisión no feito de atestar esta forma “no Cartulário do mosteiro de Melón (Galiza), em documentos do século XIII, como o significado de ‘dificuldade, incómodo’".
Convencido da existencia de erros de transmisión, Rodríguez propón abato como derivado regresivo de abater, a rimar, en consecuencia, coa forma galega burato, considerando errada neste caso a opción lapiana. O editor do cancioneiro de Joan Airas xustifica a súa opción (“Abato, (...), significará de acuerdo con la etimología y el contexto ‘abatimiento, tristeza, desgracia’”) como un derivado posverbal non atestado de abater (cf. med. acorro, combato, mod. socorro, sorbo), a pesar de recoñecer que as formas máis frecuentes no período medieval presentan a derivación con -mento (abatimento, aborrecimento, acorrimento, combatimento).
Pola súa parte, Lopes, en rima con buraco, propón a forma abaco, afirmando que “será golpe, se é esta a leitura correcta (o que não é certo)”. Nas “Notas Complementares” Videira Lopes amplifica a explicación: “o verso está em íntima conexão com a leitura do final do verso seguinte, em B e V bureco, termo que não parece fazer sentido. As leituras do 1º verso têm divergido, mesmo em Lapa, que na 1ª ed. leu abaco (infelicidade, sentido retirado do paralelismo com a estrofe anterior), e na 2ª achaco (dificuldade, incómodo, termo que o grande editor diz ter encontrado num documento do século XIII). Rodríguez lê abato (tristeza) no 1º verso e burato no 2º (o termo existe em galego, ainda que não seja corrente). Fixei-me, sem grandes certezas, na forma abaco, que me parece estar mais de acordo com os mss., a partir do cast. abacorar (fustigar, açoutar), o que me parece perfeitamente coerente com a cantiga. Podíamos também pensar que o termo poderia ser uma deturpação de abacto (lat. abactu), roubo (especialmente de gado), mas parece-me um termo demasiado especializado. Prefiro, de qualquer forma, este termo porque não sei se não haverá também um qualquer equívoco com ‘bácoro, porco’” (Lopes 2004: 567). E en Littera permanece a lección de Lopes, coa mesma xustificación1
.
Na realidade, a partir das leccións <grande boto> B, <granda beto> V, e tendo en conta a moi frecuente confusión <o>/<e> en BV, o mesmo que a deficiente segmentación dos elementos, con reinterpretación de <grande> en B, pódese estabelecer perfectamente grand’abeto como lección orixinal. Certamente, abeto aparenta ser un hápax, mais existen indicios suficientes para afirmar que é unha forma realmente existente no espazo galego-portugués durante a Idade Media, xunto con outras formas lexicais da mesma familia, todas elas probabelmente procedentes do provenzal ou do antigo francés, xa que nestas dúas linguas se atesta abet ‘engano, trampa, fraude’2
(con grafía flutuante en francés: abette, abeth, abete, habet, abett, abeit...) e mais outras voces da mesma familia lexical:
a) En primeiro lugar, nas Cantigas de Santa Maria rexístrase unha forma abete ‘engano, manha’ (Mettmann 1959-1972: IV, s.v.) que semella variante concorrente con abeto a partir da súa probábel orixe no subst. masc. abet:
Aquel Soldan, sen mentir,
cuidou que per abete
o querian envayr
os seus (CSM 28.87).
b) Existe tamén o derivado abetamento na literatura prosística medieval portuguesa (cf. fr. abetement ‘instigation’3 ). Rexístrase no Leal Conselheiro:
E a outros que com a bevedice som do conto daqueles que per ledice se tornam bugios ou cães, porque acidentalmente recebem tal prazer ou abetamento dos sentidos pera nom padecer tanta tristeza (Dom Duarte 1998: 78-79)4 .
E tamén no Orto do Esposo, onde lle é atribuído o significado de ‘embotamento, imbecilidade’ por Bertil Maler (1964: 40) e mais pola recente editora do texto portugués, que lle concede exactamente o mesmo valor, en liña con abetar ‘deslumbrar, ofuscar’ (Nunes 2007: 333):
E porque leixou a sabedoria encorreo em ignorancia que é abetamento que nom pode conhocer aquelas cousas que som necessarias aa sua saude (Nunes 2007: 83).
Para alén disto, aínda se pode aducir a presenza do verbo abetar no Orto do Esposo, tamén relacionado co fr. abeter e/ou co prov. abetar5 :
en [sic] guisa que na fim obre destruimento, ca logo em no começo, aos seus convidados, apresenta cousas doces e depois que forem embevedados mesturem-lhe peçonha mortal e, o que peor é, quanto mais parece clara e fremosa, tanto mais lança mais espessa escuridade em nos olhos abetados daqueles que veem a sua fremusura (Nunes 2007: 183)6 .
Tanto o substantivo abeto como o verbo abetar(se) tamén se rexistran, evoluídos semanticamente, no galego moderno: o substantivo foi recollido na conservadora rexión oriental galega na frase verbal facer abetos (“Alargar una cosa fingiendo que se da, y retirarla cuando el otro va a cogerla”) (Otero Álvarez 1977: s.v. abeto)7
, que remite tamén ao significado básico de ‘engano, trampa’; máis recentemente tamén aparece como sinónimo de ‘desexo’ e, de novo, na frase verbal facer abeto “enseñar algo a alguien de tal forma que el que lo ve lo codicia vivamente” (véxase RILG, s.v. abeto). Por outra banda, tamén o verbo abetarse aparece rexistrado por Sobreira no século XVIII, localizado en Ribadavia e Moraña, co significado de “Tropezarse, enredarse de lengua hablando, o de discurso razonando” e “Embargar a otro la voz o la palabra; interrumpirlo”, así como en Sarmiento (“Impedir, estorbar, etc., en especial cuando uno habla”), de onde pasou a algúns dicionarios posteriores.
Finalmente, no relativo ao v. 11, a lectura <bureco> é indubitábel, e a existencia histórica desta variante no espazo lingüístico galego-portugués semella real, aínda que en absoluto retroceso na actualidade, como parte dun proceso de palatalización de /a/ presente en diversos territorios portugueses que afecta, entre outras, á voz buraco (Cintra 1983: 132-133; Brissos 2011: 60, 165, 177-178)8
. Para alén disto, nótese a existencia actual da forma fureco (e fureca), evidente cruzamento entre furado e bureco, rexistrada no contributo lexicográfico galego de E. Rivas Quintas (RILG, s.v. fureco, fureca).
Fica, por tanto, o problema da rima, que esperariamos en -eto ou, alternativamente, en -eco, e non unha rima -eto / -eco, tal como se deduce dunha edición respectuosa coa lección dos manuscritos. No entanto, as rimas abeto : bureco están en liña con outras rimas defectuosas, con equivalencias entre oclusivas como en UC 206, con tanta : franca (vv. 4-6), o mesmo que nos vv. 10-12 (quebranta : franca) e 16-18 (canta : franca), sempre coa equivalencia acústica /t/:/k/ entre oclusivas xordas (dental e velar, respectivamente), moi similar á equivalencia /d/:/g/ (oclusivas sonoras, tamén dental e velar) en pague : alvaiade (1612.11-12). Véxanse notas a 206-4-6, 453.5-6, 494.7-8, 595.19-20 e 698.5-6.
Para alén destas edicións, existen aínda outras dúas propostas. A primeira, de Valeria Bertolucci, propón, en rima con burato, o hápax (en galego-portugués) bato, “‘tonto, grosso di mente, di poco cervello’, forma documentata nel castigliano [...] e nel catalano” (Bertoluzzi Pizorusso 1961: 83), mais de aparición tardía nesas linguas. Montero Santalla opta polo par lexical execo - bureco como palabras rimantes: xustifica execo (‘desgraza, situación penosa’) polo paralelismo con desventura (v. 7), mentres que bureco é considerado como opción segura, polo paralelismo con furado e fendedura. Non consegue documentar esta forma, mais considera probábel a súa existencia pola habitual vacilación no suf. -aco, -eco, -oco neste tipo de vocábulos de orixe prelatina (Montero Santalla 2000: 671-672).
Cf. “ruse, finesse; raillerie” (Levy 1909: s.v. abet), “finesse, ruse” (Raynouard 1836: s.v. abet), “ruse, finesse, fraude” (Godefroy 1982, s.v. abet) ou “Tromperie, ruse” (Greimas 1987, s.v. abet, abeit).
Cf. Godefroy 1982, s.v. abetement.
Na versión modernizada desta obra, o editor João Morais Barbosa optou por abestamento, aínda que a nota explicativa recolle abetamento, anotada como “embrutecimento” (cf. D. Duarte 1982: 108).
Cf., no francés, “tromper, duper; exciter, inciter, favoriser” (Godefroy 1982, s.v. abeter) e, no provenzal, “betrügen, täuschen” (Levy 1894: s.v. abetar) ou “tromper, abuser” (Levy 1909: s.v. abetar).
Estas ocorrencias na literatura medieval tardía están probabelmente na base da aparición de abetamento e abetar nalgún dicionario portugués, como, por exemplo, no de Houaiss, onde abetar é definido “privar dos sentidos ou tornar embotado, obtuso; hebetar” e “induzir a engano; burlar”, e, coherentemente, abetamento, considerada voz antiga, é “perturbação dos sentidos ou ausência de sensibilidade; embrutecimento” e “indução a engano; burla” (Houaiss & Villar & Franco 2001: s.v.).
Como substantivo significa tamén ‘neno traste’.
A forma bureco é recollida no por F. J. Martins Sequeira (1957: 54), no "Glossário de formas dilectais”.