1386 [= RM 97,31]
Pero Rodriguiz, da vossa molher

Esta outra cantiga fez a Pero Rodriguiz Grougelete, de sa molher, que avia prez que lhi fazia torto.

Pero Rodriguiz, da vossa molher
non creades mal que vos ome diga,
ca entend’eu dela que ben vos quer,
e quen end’al disser dira nemiga;
e direi-vos en que lho entendi:
en outro dia, quando a fodi,
mostrou-xi-mi muito por voss’amiga.
Pois vos Deus deu bõa molher leal,
non tenhades, per nulha jograria,
de vos nulh’ome dela dizer mal,
ca lh’oi eu jurar en outro dia
ca vos queria melhor d’outra ren;
e, por veerdes ca vos quer gran ben,
non sacou ende mí, que a fodia.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 

Manuscritos


B 1368 (f. 292r, col. b, 292v, col. a), V 976 (f. 155v, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 147); Lapa (1970 [1965]: 445 [= LPGP 654-655]); Lagares (2000: 164 [rúbrica]); Lopes (2002: 319); Littera (2016: II, 143-144); Arias Freixedo (2017: 265).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 334); Braga (1878: 183-184); Machado & Machado (1958: VI, 102-103).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 93); Neves (2004: 79); Corral Díaz & Vieira (2023: 137-138).

Variantes manuscritas


Rúbrica: torto] corto B

Texto:
1 Rodriguiz] \ro/drigiriz V   8 Deus] des V

Variantes editoriais


2 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   3 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   5 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   8 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   9 tenhades] temiádes Lapa; per] por Bertolucci Pizzorusso   10 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   12 vos] vus Bertolucci Pizzorusso   13 vos] vus Bertolucci Pizzorusso

Paráfrase


Fixo estoutra cantiga a Pero Rodriguiz Grougelete, pola súa muller, de quen se dicía que o enganaba.

(I) Pero Rodriguiz, non creades nada malo que calquera vos diga da vosa muller, porque eu sei que ela vos ama, e quen dixer outra cousa dirá mentira; e direivos como o souben: o outro día, cando a fodín, mostróuseme como moi amiga vosa.
(II) Pois Deus vos deu unha boa muller leal, non tomedes por burla sen importancia que vos calquera fale mal dela, porque lle ouvín xurar o outro día que vos amaba máis que outra cousa; e para que vexades que vos quere moito, nin sequera me exceptuou a min, que a fodía. 

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10a 10’b 10a 10’b 10c 10c 10’b (= RM 101:26)

Notas


Rúbrica
  • Lapa suxire que o alcume de Pero Rodriguez sexa, talvez, Grougalete, lectura de Teófilo Braga, pois, conforme o editor de Anadia, tal forma designaría «um homem esgrouviado». Por súa parte, Elixio Rivas (1991: 432) afirma de Grougalete que é un «sobrenome escuro», e que podería ser «equivalenza de Groubalete dim. de groubo (provenzal) ‘caracocha de arbre, home aparvado’, con graubio ‘carballo’ e o ap. Grauby»1 .

Texto
  • 4

    A voz nemiga (‘odio, xenreira, vileza, calumnia’) comparte orixe con enmiigo (1363.13, 1389.11), pois aparentemente é derivado de ĭnĭmīcam, con aférese de e- inicial e consecuente manutención do orixinal -n-, agora convertido en consoante inicial explosiva.

  • 6

    O verbo foder (do lat. futuere), voz escatolóxica (tamén no v. 14), tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
    Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):

    diz que tu,
    quando naceo Barzabu,
    eras ja diabo feito.
    E que jaa entam fodias
    e ias contr’òs inimigos.

    En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).

  • 9

    Neste contexto (igual que en 398.14 e 1599.3), jograria é sinónimo de ‘xogo, brincadeira’.

  • 14

    O pronome persoal tónico oblicuo é complemento directo sen preposición, feito frecuente na lingua dos trobadores (non sacou ende ).

    Repárese, por outra banda, en que o verbo sacar neste verso final, alén de ‘exceptuar’ significa tamén ‘sacar, tirar fisicamente de dentro’.

  1. ^

    Esta é tamén a única explicación recollida na aproximación á onomástica persoal da lírica galego-portuguesa realizada por Déborah González (2007).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado