No Cancioneiro da Vaticana foron copiados novamente (e riscados) os vv. 1-5 da estrofa I (= V’) ao final da cantiga, como se fose a primeira estrofa da seguinte cantiga, cun íncipit que resulta da mestura de 1214.1+1213.1: <Nostro senhor e como po stes meꝯ> (= Nostro senhor e como po[derey] + [Ay meu amigue lume de]stes meꝯ).
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 383-384 [= LPGP 612-613]); Cohen (2003: 430); Littera (2016: II, 84-85).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 275); Braga (1878: 150-151); Machado & Machado (1956: V, 301-302); Montero Santalha (2004).
1 Nostro senhor e como po stes meꝯ V’ 3 gran] grã B; sazon] saçon V’ 7 quen] q̅ B 13 bõa] boa B 14 fazer fez] faz’ (fazer) fez B 16 -vos-] uos BV
(I) Ai meu amigo e luz destes meus ollos e coita do meu corazón, por que tardades desde hai tanto tempo? Non mo neguedes, así vos valla Deus, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir.
(II) Dicídeme quen vos fai tardar, ai meu amigo, e héivolo agradecer, pois eu xa sei a maior parte do asunto, e non vos é preciso que mo ocultedes, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir.
(III) En verdade, non vos aconsellou ben quen vos fixo tardar tanto, e, se mo negardes esta vez, romperase a nosa relación por iso, porque eu quero saber a verdade diso, aínda que vós non ma ousades dicir.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:165)
Encontros vocálicos: 4 mi͜-o; 6 mi͜-a; 8 -lo͜-ei; 10 mi͜-o; 12 mi͜-a; 18 mi͜-a
A invocación ao amigo por medio da construción tripartida meu amig’e lume destes meus / olhos e coita do meu coraçon é orixinal por canto combina elementos utilizados decote mais non partícipes dunha única construción. Nas cantigas de amor é moi frecuente que a dona sexa invocada como coita do meu coraçon (161.r2, 244.14, 296.11, 509.16, 885.7, 992.10), e só nunha ocasión aparece dirixido á amiga, nunha cantiga de Afons’Eanes do Coton:
–Par Deus, ai coita do meu coraçon,
mal estou eu [se o vós non sabedes] (823.11-12).
Realmente, só nunha cantiga de amor de Nuno Fernandez Torneol achamos unha expresión similar á de Martin de Caldas:
ai lume destes meus
olhos e coita do meu coraçon! (173.6-7).
A presenza de que neste verso (tamén posíbel do punto de vista semántico) semella un erro de B fronte ao quen subministrado polo Cancioneiro da Vaticana: Dizede-mi quen mi vos fez tardar, / ai meu amig’, ... (cfr. non vos conselhou ben / quen vos esta tardada fazer fez, vv. 13-14).
O substantivo tardada (procedente de tardar + suf. -ada), presente tamén en 591.4 e 648.4, é voz exclusivamente literaria, pois alén das cantigas profanas só se rexistra nas Cantigas de Santa Maria e tamén en obras prosísticas de creación (Crónica Troiana, Historia Troiana, Demanda do Santo Graal ou Crónica de D. João I). Cfr. CGPA, s.v. tardada.
Utilizamos cookies de terceros para fines analíticos y así poder conocer los hábitos de navegación (por ejemplo, páginas visitadas). Tenga en cuenta que, si acepta las cookies de terceros, deberá eliminarlas desde las opciones del navegador o desde el sistema ofrecido por el propio tercero.
Haga click en el botón correspondiente para aceptar o rechazar las cookies: