1499 [= RM 16,10]
Fernan Diaz é aqui, como vistes

Fernan Diaz é aqui, como vistes,
e anda en preito de se casar;
mais non pod’o casamento chegar
d’ome o sei eu que sabe com’é;
e, por aver casament’, a la fe,
d’ome, nunca vós tan gran coita vistes.
E por end’anda vestid’e loução
e diz que morre por outra molher;
mais este casamento que el quer
d’ome o sei eu que lho non daran;
e, por este casamento el, de pran,
d’ome, atal coita nunca viu cristão,
ca d[es] Estorga atá San Fagundo
don’á que á de Don Fernando torto,
ca por outro casamento anda morto
d’ome o sei eu que o sabe ja;
e, se este casament’el non á
d’om’, atal coita nunca foi no mundo.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1479 (f. 310r, col. b, 310v, col. a), V 1090 (f. 179r, col. a) [Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 135 [= LPGP 135]); Lopes (2002: 127); Littera (2016: I, 139); Arias Freixedo (2017: 114).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 381); Braga (1878: 208-209); Machado & Machado (1958: VI, 189); Callón (2017: II, 142).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975 [1952]: 127); Gonçalves & Ramos (1983: 186); Tavares & Miranda (1987: 141-142); Arias Freixedo (1993: 309-310); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 46); Diogo (1998: 140); Arias Freixedo (2003: 309-310); Marcenaro (2006: 200-202); Souto Cabo (2017: 62).

Variantes manuscritas


7 loução] loucano B   8 morre] moire B   11 por] pre B   15 anda] onda V   18 no] nō B

Variantes editoriais


3 o] ò Lapa : ó Lopes, Littera   4 ccom’é] com[o] é Lopes, Littera   11 el] [d]’el Lapa, Lopes, Littera   12 ome] om’ Arias Freixedo

Paráfrase


(I) Fernan Diaz está por aquí, como vistes, e anda en tratos para casar; mais non pode realizarse o casamento de home e sei eu que o coñece ben; e abofé que, por facer casamento de home, nunca vistes tanta ansia.
(II) Por iso anda ben vestido e louzán, e di que morre por outra muller; mais este casamento que el quere de home e sei eu que llo non darán; e, con certeza, por este seu casamento de home, ningún cristián viu nunca tanta ansia, (III) pois dende Astorga até Sahagún hai máis dunha dama que ten queixa de Don Fernando, porque morre por outro casamento de home e sei eu que xa o coñece; e, se el non leva a cabo este casamento de home, nunca un pesar tan grande houbo no mundo.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10c 10c 10’a (I-II [= RM 189:16) + 10’a 10’b 10’b 10c 10c 10’a (III [= RM 189:23])

Encontros vocálicos: 11 casamento‿el; 12 ome,‿atal; 15 casamento‿anda

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que UC 213, 270 ou 926, entre outras, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas I e II (e ligazón causal nas estrofas II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.
    Fernan Diaz é o personaxe central do ciclo satírico de que forman parte diversas cantigas de Pero Garcia Burgales (UC 1393 e 1397), Airas Perez Vuitoron (UC 1499 e 1500), Estevan Faian (UC 1580) e Pero da Ponte (UC 1661), xunto con, talvez, UC 1524, de Vaasco Perez Pardal. Porén, a estas composicións aínda haberá que engadir as compostas por volta de Fernand'Escalho, todas elas tamén de Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395, 1396), xunto con outras dúas que presentan alusións puntuais: UC 1436 (Roi Paez da Ribela) e 1613 (Pero d’Ambroa). E aínda o mesmo personaxe comparece, segundo Beltran, como Don Estevan en UC 1672, de Pedr'Amigo de Sevilha.
    Este personaxe literario foi identificado por Beltran (2000, 2001) con Estevan Fernandez de Castro, o poderoso dirixente da liñaxe galega dos Castro, señor de Lemos, que foi adiantado-mor de Galiza (1265-1273) até o momento en que participou na rebelión dos nobres contra Afonso X. Tras a paz entre a monarquía e o estamento nobiliario, foi nomeado pertegueiro de Santiago (1276) e tamén meiriño-mor de Galiza desde 1278 (seguindo esta hipótese de identificación, véxanse tamén as consideracións e interpretacións ao respecto sobre este ciclo de cantigas en Callón 2025: 211-231). De todos os modos, Marcenaro & González (2024: s.v. Fernan Diaz) consideran “scarsamente verosimile” a identificación entre Fernan Diaz e Estevan Fernandez de Castro.

  • 3

    É desnecesaria a presenza dunha inédita crase ó ~ ò que Lapa e Lopes e mais Littera estabelecen nas súas edicións, pois a laxa sintaxe do período non esixe a presenza de ao, para alén de a forma contracta ser inexistente na altura cronolóxica das cantigas.

  • 3-4

    O hiperbático sintagma casamento d’ome, dividido estratexicamente entre os vv. 3-4 das tres estrofas é a chave interpretativa da composición, a homosexualidade de Fernan Diaz.

  • 4

    No cuarto verso de cada estrofa é posíbel segmentar unha unidade fraseolóxica e o sei eu, variante de e o sei (véxase UC/Glosario, s.v. saber), que clarificaría a sintaxe mais anularía a posibilidade de lecturas sintácticas alternativas.

  • 5

    A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’, presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. A la fe (230.5, 241.29, 890.11, 1008.4, 1261.16, 1469.19, 1547.1, 1619.10) mantén a forma arcaica do artigo, que ficou petrificada na locución, e que é utilizada tamén na prosa, como na tradución galega da Crónica Geral Galega: 

    quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, entẽdeu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: I, 198). 

    O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernan Lopez: 

    A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Macchi 2004: 224).

  • 7

    A presenza de -n- na forma manuscrita <loucano> de B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ en loução, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <huna> ũa, <bona> bõa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 13

    A hipometría do verso é sanada por medio da recuperación da preposición des que, por contigüidade paleográfica, facilmente puido ser omitida no proceso de copia. Neste sentido, véxase unha pasaxe da Crónica Geral d’Espanha de 1344 ben similar ao verso de Vuitoron:

    Filho, toda a terra que eu leixo, que he des Estorga ataa Leõ e ataa Coimbra, non percas della nẽ hũa cousa, ca eu a tomey cõ muyto trabalho (cfr. CGPA, ed. Cintra).

    Estorga (Astorga) e San Fagundo (Sahagún) son dúas cidades de León (España). O verso é hipométrico (falta unha sílaba para completar o decasílabo).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado