1498 [= RM 16,5]
Don Estevã[o] diz que desamor

Don Estevã[o] diz que desamor
á con el-rei, e sei eu ca ment’i,
ca nunca viu prazer, pois foi aqui
o Conde, nen veerá mentr’el i for;
e, per quant’eu de sa fazenda sei,
porque non ven ao reino el-rei,
non vee cousa ond’aja sabor.
Con arte diz que non quer al rei ben,
ca sei eu del ca ja non veerá
nunca prazer se o conde rein’á,
ca ben quit’é de veer nulha ren
Don Estevan ond’aja gran prazer;
dest’é ja el ben quite de veer
mentr’o Cond’assi ouver Santaren.
Por que vos diz el que quer al rei mal?
ca ren non vee, assi Deus mi perdon,
que el máis am’eno seu coraçon
nen veerá nunca; e direi-vos al:
pois que s’agora o reino partiu,
prazer pois nunca Don Estevan viu
nen veerá ja máis en Portugal.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1478 (f. 310r, cols. a-b), V 1089 (ff. 178v, col. b, 179r, col. a) [Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Na copia de B aparece (riscado) o derradeiro verso de UC 1497 entre os vv. 18 e 19: (Saluo e quē Trae Castelo / A p’ito q̄o).

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 133-134 [= LPGP 132-133]); Lopes (2002: 126); Littera (2016: I, 138-139); Correia (2021: 27).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 380-381); Braga (1878: 208); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 86); Machado & Machado (1958: VI, 188); Callón (2017: II, 140).
III. Antoloxías: Nunes (1970 [1906]: 288-289); Fonseca (1971 [1961]: 66); Tavares & Miranda (1987: 44-45).

Variantes manuscritas


1 Don] \D/ (N)on V; Estevã[o]] estenan B : esteuam V   5 sei] say B   7 aja] ala V   11 veer] vee B   16 Deus mi perdon] de mi pardon B   17 am’eno] ame eno V   18-19 direi-vos al: / pois] direyuꝯ al / (Saluo e quē Trae Castelo / A pryto q̄o) / Poys B   20 prazer] Prax’ B

Variantes editoriais


1 Estevã[o]] Estêvam Littera : Estevan Correia   9 veerá] veera Correia   10 conde rein’á] conde rein[ar] á Lapa : cond’o rein’á Correia   12 Estevan] Estêvão Lapa, Lopes   16 perdon] pardon Lapa : pardom Lopes   17 eno] en’o Lopes   18 veerá] veera Correia   19 o] [d]o Lopes, Littera   20 Estevan] Estêvão Lapa, Lopes

Paráfrase


(I) Don Estevão di que está inimizado co rei, e eu sei que mente, porque nunca viu nada pracenteiro desde que o Conde chegou aquí, nin o verá mentres el aquí estiver; e, polo que eu sei del, non ve cousa ningunha que lle agrade, porque o rei non vén ao reino.
(II) Arteiramente di que está inimizado co rei, pois eu sei del que xa non verá nunca nada que lle agrade se o Conde se fai co reino, pois moi lonxe está Don Estevão de ver nada que lle agrade moito; moi lonxe está el de ver isto, mentres o Conde así tiver Santarém.
(III) Por que vos di el que está inimizado co rei?, pois non ve nada que el máis ame no seu corazón, nin o verá nunca, así Deus me perdoe; e direivos outra cousa: desde que o reino se dividiu, nunca despois Don Estevão viu nada pracenteiro nin o verá xamais en Portugal.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:10)

Encontros vocálicos: 4 ve͜e·rá; 16 ve·e,‿assi; 18 ve͜e·rá

Notas


Texto
  • *

    Don Estevan, ou Don Estevão, é o personaxe escarnecido por catro trobadores1 : Roi Queimado (UC 1405, 1407), Joan Soarez Coelho (UC 1424, 1425), Meen Rodriguiz Tenoiro (UC 1492, 1493) e Airas Perez Vuitoron (1494, 1498). Foi Ângela Correia quen propuxo a hipótese de que este nome encobre a figura do arcediago Joan Viegas de Portocarreiro, elixido arcebispo de Braga en 1244 por influencia de Sancho II, para conseguir fidelidades que precisaba pola situación problemática do final do seu reinado, mais que acabará atraizoándoo2 .
    Probabelmente a orixe do ciclo das oito cantigas compostas arredor de Don Estevan se deba a Soarez Coelho, que coa cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada xa experimentara unha substitución antroponímica similar, co nome ama para designar Urraca Goterrez Moucha, da familia dos Meneses (véxase UC 274). No ciclo de D. Estevan, esta ‘máscara’ procedería, segundo Correia, do nome de D. Estevan Soarez, o antigo e prestixiado arcebispo de Braga, cuxas altas virtudes como diplomático e figura principal do reino contrastaban grandemente coas de Joan Viegas. Deste modo, a sátira contra este alcanza tamén a figura do monarca portugués, Sancho II, axiña substituído por D. Afonso III (en 1247).
    A presente cantiga non constitúe unha acusación de deslealdade pola entrega dos castelos ao Conde de Boloña, «a acusação é simplesmente a de “Don Estevan” ter agido por cupidez, pensando em receber mais benefícios do Conde do que recebia do Rei. Fica, no entanto, subentendida uma sátira à falta de convicção, à ação por interesse exclusivamente individual e egoísta, quando deveria esta ter sido norteada por princípios, se não morais, que tivessem pelo menos subjacente um interesse coletivo ou corporativo» (Correia 2021: 32-33). Nese sentido, Joan Viegas de Portocarreiro, «[s]e pelos benefícios recebidos queria sair da esfera do amor político-jurídico do Rei, em comparação com o que haverá de receber do Conde, (...) mente com certeza, já que tinha bons motivos para se manter naquela esfera de amor político-jurídico» (Correia 2021: 32).
    A composición da cantiga, conforme indica a investigadora do ciclo de “Don Estevan”, debe ser posterior á partida do rei Sancho II para Toledo (marzo de 1247) e anterior á morte do rei (final de xaneiro de 1248), pois o texto está situado nun tempo en que o futuro Afonso III chegou a Portugal (decembro de 1245), posúe Santarém, mais aínda non é rei (Correia 2021: 28).

  • 1

    Con certa frecuencia os manuscritos presentan a forma reducida e proclítica Estevan cando a métrica solicita a forma cuadrisilábica Estevão (véxase tamén 1405.1, 1492.1 e 8, 1493.1, 1494.1 e 15), nome descendente de Stephănu. Tal vacilación tamén se percibe entre Foão e Foan (do ár. fulān) e, mesmo, entre vilan e vilão (do lat. vīllānum)3 . Cfr. nota a 1332.5 e 115.12.
    As voces desamor e amor (v. 17) están asociadas á “recompensa”, pois, «[q]uando “Don Estevan” é denunciado a queixar-se do “desamor” do Rei, não creio que a denúncia deva interpretar-se no sentido dos afetos ou do simples entendimento, mas no sentido das recompensas, como aliás a sequência do texto esclarece» (Correia 2021: 31).

  • 3

    O verbo veer, reiterado nesta cantiga (como noutras do ciclo de Don Estevan), presenta tamén un segundo valor de ‘experimentar, recibir’.

  • 4

    Nesta cantiga veerá presenta dupla contaxe métrica (trisilábico nos vv. 9 e 21; bisilábico no v. 4 e, probabelmente, no v. 18), en liña coa dupla posibilidade que se percibe no corpus, onde existen contextos en que veerá(n) computa, sen dúbida, como dúas sílabas métricas (véxase, por exemplo, 205.11 ou 529.16).

  • 10

    Non é necesaria a emenda de Correia para introducir o artigo (se o cond’o rein’á), pois reino, con ou sen presentador, alude a Portugal.

  • 16

    É necesario emendar a lección <pardon> de B, aparente variante de influencia francesa, lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (neste verso, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 17

    A cadea textual <ameno seu coraçon> permite unha outra segmentación: ame no seu coraçon (vs. am’eno seu coraçon), embora a lección de V nos incline a fixar a forma eno.

  1. ^

    As cantigas UC 1492 e 1493 tamén foron atribuídas a Airas Perez Vuitoron.

  2. ^

    Esta identificación é considerada como “demasiado especulativa” no Projeto Littera (consult.: 21-1-2026), que propón outras cinco posibilidades alternativas na nota ao v. 1 da cantiga.

    Por súa vez, fronte á proposta de Correia, que considera D. Estevan como unha máscara antroponímica de Joan Viegas de Portocarreiro, Marcenaro & González (2024: 105–106, s.v. Estevan, Don₁) rexeitan esta equivalencia e recuperan as dificultades que a documentación e a cronoloxía opoñen ás distintas identificacións propostas. O ciclo permite recoñecer unha mesma figura satírica, mais non asegurar sen reservas a súa correspondencia cunha persoa histórica. A interpretación política das alusións ao rei e ao Conde debe explicitar, por tanto, a hipótese de identificación da que parte. E aínda Marcenaro (2025: 222–223) retoma o problema e cuestiona a coherencia cronolóxica e contextual da identificación con Joan Viegas. O desacordo afecta tanto ao lugar de composición coma á relación entre as distintas fases do ciclo.

  3. ^

    Estas formas lembran outras vacilacións, como capelan / capelão (nas cantigas só se rexistra a primera, talvez a través do prov.; cfr. lat. cappellanum) ou ermitan / ermitão (só a segunda; cfr. a primeira nas CSM).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado