I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 125 [= LPGP 133]); Lopes (2002: 120); Littera (2016: II, 158); Correia (2021: 34).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 377); Braga (1878: 207); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 148); Machado & Machado (1958: VI, 180); Callón (2017: II, 134).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 125); Tavares & Miranda (1987: 43).
1 Estevã[o]] esteuā B : estauam V 6 vossos] uossus V 7 qual] a qual V 9 contar-vo-lo-ei] cōtaruō\l/o(l)ey V 11-12 ben ... / ... vistes] om. B 14 qual mi a mí ... criaçon] q̅ lhi nami ... criazon V 17 viços’ome] uicosome B 18 en] (he)en V 20 viços’ome] uycosome B : uyzosome V
1 Estevã[o]] Estêvam Littera : Estevan Correia 3 -lo jantar] -l’o jantar Littera 6 veerán] veeran Lapa, Correia 18 nen un] nẽum Littera
(I) Don Estevão, eu onte comín no pazo do rei, nunca vistes mellor comida, e contareivos o xantar aquí, porque un sente pracer ao falar diso: os vosos ollos non viron nunca outro tal pan nin tampouco verán outro tal viño como o que eu alí bebín, (II) nin vistes nunca, así Deus me perdoe, un xantar mellor, e héivolo contar: hai dez anos que non vistes un capón como o que eu alí houbo nin vistes, ben o sei, un cabrito mellor, nin vistes un lombo adubado con viño e allos e sal como o que alí me deu a min un criado, (III) nin vistes nunca ninguén comer como eu comín, nin vistes un xantar igual, nin vistes ninguén en ningún lugar estar máis satisfeito do que eu alí estiven, porque a min non me faltaba de nada; e nunca vistes nin habedes de ver ningún home máis satisfeito por comer ben.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10a (= RM 100:5)
Encontros vocálicos: 14 mi‿a, cri·a·çon
A composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva, de tipo copulativo (negativo con nen, vv. 6, 8, 11, 12, 15, 16, 17, 18, 21) entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270) nin tampouco tivese esa consideración en ningunha das precedentes edicións (na edición de Correia só se estabelece ligazón sintáctica entre as estrofas I-II). Véxase nota á cantiga 15.
Don Estevan, ou Don Estevão, é o personaxe escarnecido por catro trobadores1
: Roi Queimado (UC 1405, 1407), Joan Soarez Coelho (UC 1424, 1425), Meen Rodriguiz Tenoiro (UC 1492, 1493) e Airas Perez Vuitoron (1494, 1498). Foi Ângela Correia quen propuxo en 2021 a hipótese de que este nome encobre a figura do arcediago Joan Viegas de Portocarreiro, elixido arcebispo de Braga en 1244 por influencia de Sancho II, para conseguir fidelidades que precisaba pola situación problemática do final do seu reinado, mais que acabará atraizoándoo2
. Véxase tamén Marcenaro & González 2024: s.v. Estevan, Don.
Probabelmente a orixe do ciclo das oito cantigas compostas arredor de Don Estevan se deba a Soarez Coelho, que coa cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada xa experimentara unha substitución antroponímica similar, co nome ama para designar Urraca Goterrez Moucha, da familia dos Meneses (véxase UC 274). tamén segundo a hipótese de Correia (1996, 2012). No relativo ao ciclo de D. Estevan, esta ‘máscara’ procedería, conforme a investigadora lisboeta (Correia 2021), do nome de D. Estevan Soarez, o antigo e prestixiado arcebispo de Braga, cuxas altas virtudes como diplomático e figura principal do reino contrastaban grandemente coas de Joan Viegas. Deste modo, a sátira contra este alcanza tamén a figura do monarca portugués, Sancho II, axiña substituído por D. Afonso III (en 1247).
Esta cantiga, como a anterior (UC 1492) presenta unha dupla atribución, pois en B comparece entre os textos de Airas Perez Vuitoron, en face de V, que o atribúe a Meen Rodriguez Tenoiro (autoría aceptada por Ângela Correia). Como se sinalou en UC 1492, a cantiga B 1473, copiada nas cols. a-b do f. 308v, vai precedida pola rúbrica atributiva Ayras perez vuytoꝝ, que foi escrita por Colocci. En V, pola contra, o texto, transcrito na col. b do f. 177r, outórgase a Meen Rodriguiz Tenoiro, como o precedente, V 1083, ao corrixir o humanista a rúbrica que el mesmo escribira sobre este, Ayras perez vuytoꝝ, riscándoa, e anotar a que lle atribúe tanto V 1083 como o poema que aquí nos ocupa a Meen Rodriguiz Tenoyro. Só concluída esta cantiga, Colocci anotou de novo a didascalia Ayras perez vuytoꝝ, aproveitando o espazo que o copista deixou en branco para separar as cantigas, atribuíndose a este trobador os poemas que seguen (V 1085 e sucesivos).
Considerando estes datos, verifícase unha diverxencia na paternidade de B 1473 / V 1084 (UC 1493), da autoría de Vuitoron segundo B e de Tenoiro segundo V, ao englobarse esta baixo a autoría da rúbrica escrita por Colocci e que corrixe a precedente de Vuitoron. Esta diverxencia podería deberse a un erro de Colocci, que a) puido desprazar a atributiva a V 1085, movido pola identidade das primeiras palabras do verso que inaugura a cantiga que en ambos os casos se inicia co apóstrofo ao satirizado Don Estevan, en lugar de a colocar, se este era o seu lugar, antes de V 1084; ou b) á inversa, e como suxire Correia, o humanista puido cometer ese erro en B, ao escribir Colocci as rúbricas e anticipar a rúbrica atributiva a Vuitoron ao texto 1473, hipótese que, considerando a atención que o humanista outorga a V, onde corrixe a rúbrica inicial, podería ser máis consistente, sen que poida, porén, afirmarse como definitiva.
A atribución a Tenoiro é, así, dubidosa, pois non dispomos doutros elementos para decantar a autoría por un ou outro trobador (a Tavola Colocciana coincide coas atribucións de B, como é, por outra parte, esperábel, ao ser o índice deste cancioneiro; cfr. Gonçalves 2016 [1976]: 85); porén, de considerarse a intervención de Colocci, a súa corrección e a crux con que a acompaña, que normalmente apunta a problemas no traslado do modelo, podería decantarse a autoría do poema cara a este último trobador, isto é, Meen Rodriguiz Tenoiro. Véxase Marcenaro (2015b: 90) para un resumo das solucións adoptadas pola crítica precedente, e Correia (2021: 23-26).
Con certa frecuencia os manuscritos presentan a forma reducida e proclítica Estevan cando a métrica solicita a forma cuadrisilábica Estevão (véxase tamén 1405.1, 1492.1 e 8, 1494.1 e 15, 1498.1), nome descendente de Stephănu. Tal vacilación tamén se percibe entre Foão e Foan (do ár. fulān) e, mesmo, entre vilan e vilão (do lat. vīllānum)3
. Cfr. nota a 1332.5 e 115.12.
A forma eiri é variante gráfico-fonética de eire ‘onte’ (do lat. hĕrī), voz escasamente documentada na poesía profana galego-portuguesa (114.9, 1183.1, 7 e 13, 1585.5). Sobre o -i final véxase nota a 33.6. De calquera xeito, eire debía ser a forma dominante para indicar ‘día anterior a hoxe’, polo menos na poesía, pois oonte só se atesta en 1403.6. Na prosa o uso de eire ~ eyre está equilibrado co de oonte ~ ooite ~ ootem (véxase RILG, s.vv.).
A expresión fraseolóxica nunca ~non vistes melhor ~ milhor (tamén en 1595.10) é simétrica de non vistes maior (sempre en rima, en 1596.2 e mais no refrán de 1625), e ambas aparecen nas Cantigas de Santa Maria así como na produción prosística (véxase CGPA). En calquera caso, son frases do repertorio formulístico, exclamativas con valor ponderativo.
Para alén desta expresión formularia, a presenza de veer ao longo da composición (vv. 2, 5, 6, 8, 10, 11, 12, 15, 16, 17, 21) mostra como o verbo, moi presente en todo o ciclo de D. Estevan e na secuencia da cantiga UC 1498, tamén “continua a significar aqui receber benefício” (Correia 2021: 36).
A alusión aos dez anos é lida por Ângela Correia no contexto político-militar do reino portugués, de modo que “é precisamente cerca de dez anos antes do exílio de Sancho II em Toledo que começa o período de «tumulto e guerra» (...): o estado de instabilidade e ausência de exercício da justiça, que se vai instalando na sequência do afastamento do mestre Vicente, em 1236, da chancelaria do reino. Nos dez anos anteriores a esta cantiga, acumulam-se os casos de assaltos e ataques, especialmente às pessoas do clero, mas não só” (2021: 37).
Un de criaçon refírese a un criado, isto é, unha persoa que recibiu a crianza ou educación que o señor dá ao vasalo. Non obstante, Ângela Correia prefire puntuar e interpretar diferentemente a pasaxe, indicando coa puntuación (lombo de vinh’e d’alhos e de sal / qual mi a mí deu i un, de criaçon) que “a locução qualifica a carne do lombo, não a pessoa que a serviu. Seria uma forma de referir uma carne mais tenra, por oposição a uma carne mais dura proveniente da caça” (2021: 34, n. 18).
A forma sevi presenta un formato anómalo (erro de copia?) en comparanza co esperado sive ~ sivi. Do punto de vista morfolóxico, supón a existencia e uso das formas derivadas de sĕdēre nos tempos de pretérito, descendentes do lat. sedui, sedueram, seduissem e seduero, por máis que no corpus das cantigas profanas só se atesten as formas sive (1106.15), seve (574.14-15, 1489.4, 1558.1 e 13) e sevesse (628.9).
Nótese a asociación entre o viço e a comida, xa apuntada en Correia, que se acha na Demanda do Santo Graal:
Aquel dia que passou Galaaz per ante os tindilhões podia seer hora de meeo dia e el-rei siia aa mesa e seus ricos homees com ele e eram mui viçosos de comer (cfr. CGPA, ed. I. Freire Nunes).
As cantigas UC 1492 e 1493 tamén foron atribuídas a Airas Perez Vuitoron.
Esta identificación é considerada como “demasiado especulativa” no Projeto Littera (consult.: 21-1-2026), que propón outras cinco posibilidades alternativas na nota ao v. 1 da cantiga.
Por súa vez, fronte á proposta de Correia, que considera D. Estevan como unha máscara antroponímica de Joan Viegas de Portocarreiro, Marcenaro & González (2024: 105–106, s.v. Estevan, Don₁) rexeitan esta equivalencia e recuperan as dificultades que a documentación e a cronoloxía opoñen ás distintas identificacións propostas. O ciclo permite recoñecer unha mesma figura satírica, mais non asegurar sen reservas a súa correspondencia cunha persoa histórica. A interpretación política das alusións ao rei e ao Conde debe explicitar, por tanto, a hipótese de identificación da que parte. E aínda Marcenaro (2025: 222–223) retoma o problema e cuestiona a coherencia cronolóxica e contextual da identificación con Joan Viegas. O desacordo afecta tanto ao lugar de composición coma á relación entre as distintas fases do ciclo.
Estas formas lembran outras vacilacións, como capelan / capelão (nas cantigas só se rexistra a primera, talvez a través do prov.; cfr. lat. cappellanum) ou ermitan / ermitão (só a segunda; cfr. a primeira nas CSM).