I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 126 [= LPGP 133-134]); Lopes (2002: 121); Littera (2016: I, 135); Correia (2021: 108).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 377-378); Braga (1878: 207); Machado & Machado (1958: VI, 181); Callón (2017: II, 136).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 44).
1 Estevã[o]] esteuam B : estauam V 3 faça] faza V 4 preço] pᵉco B : prezo V 11 serviço] ƥuizo V 15 Estevã[o]] esteuā B : estauā V 17 pois] puys B
En Lapa e Lopes o derradeiro verso de cada estrofa foi editado como refrán.
1 Estevã[o]] Estêvam Littera : Estevan Correia 5 sérvia] sêrvia Lopes, Littera, Correia; poder] puder Correia 6 quan pouco xi quer] quan pouco xiquer Lapa : quam pouco xiquer Lopes, Littera 9 coit’á convosc’a levar] coita convosc’á levar Lapa : coita convosc’há levar Lopes, Littera 15 Estevã[o]] Estêvam Littera : Estevan Correia 18 servirán] servir an Lapa : serviran Correia 19 como] come Lopes 21 querades] queirades Lapa, Lopes, Littera
(I) Don Estevão, tan mal carácter tendes que non podedes peor, pois non valorades nada cando alguén vos favorece cun beneficio –tal é a fama que tendes–; e xa vos pode servir alguén o mellor que puider, que, se comete un pequeno erro, logo o ides tratar coma un can.
(II) E convosco levará tan mal día, tanto afán e tanta coita porque non sabedes apreciar a ninguén: mal vos pode un home servir a vós, certamente, porque se precisades a besta e vola non trouxer axiña, xa o queredes tratar coma un can.
(III) E, Don Estevão, xa que sodes tan irascíbel que non apreciades a quen vos presta servizo, cando vos entra a saña, os que vos serven non vos servirán, porque se vos colle a saña como adoita, non veredes home nin muller que non queirades tratar coma un can.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:11)
Encontros vocálicos: 3 faça‿amor; 5 sér·vi͜a
Don Estevan, ou Don Estevão, é o personaxe escarnecido por catro trobadores1
: Roi Queimado (UC 1405, 1407), Joan Soarez Coelho (UC 1424, 1425), Meen Rodriguiz Tenoiro (UC 1492, 1493) e Airas Perez Vuitoron (1494, 1498). Foi Ângela Correia quen propuxo a hipótese de que este nome encobre a figura do arcediago Joan Viegas de Portocarreiro, elixido arcebispo de Braga en 1244 por influencia de Sancho II, para conseguir fidelidades que precisaba pola situación problemática do final do seu reinado, mais que acabará atraizoándoo2
.
Probabelmente a orixe do ciclo das oito cantigas compostas arredor de Don Estevan se deba a Soarez Coelho, que coa cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada xa experimentara unha substitución antroponímica similar, co nome ama para designar Urraca Goterrez Moucha, da familia dos Meneses (véxase UC 274). tamén segundo a hipótese de Correia (1996, 2012). No relativo ao ciclo de D. Estevan, esta ‘máscara’ procedería, conforme a investigadora lisboeta (Correia 2021), do nome de D. Estevan Soarez, o antigo e prestixiado arcebispo de Braga, cuxas altas virtudes como diplomático e figura principal do reino contrastaban grandemente coas de Joan Viegas. Deste modo, a sátira contra este alcanza tamén a figura do monarca portugués, Sancho II, axiña substituído por D. Afonso III (en 1248).
Segundo Ângela Correia, nesta cantiga “a identificação de «Don Estevan» com Joam Viegas de Portocarreiro torna clara à alusão inicial da cantiga a situação que determinou a reputação do visado como alguém que não se importa nem mesmo com aqueles a quem deve a concessão de benefícios” (Correia 2021: 117).
Con certa frecuencia os manuscritos presentan a forma reducida e proclítica Estevan (tamén no v. 15) cando a métrica solicita a forma cuadrisilábica Estevão (véxase tamén 1405.1, 1492.1 e 8, 1493.1, 1498.1), nome descendente de Stephănu. Tal vacilación tamén se percibe entre Foão e Foan (do ár. fulān) e, mesmo, entre vilan e vilão (do lat. vīllānum)3
. Cfr. nota a 1332.5 e 115.12.
A voz talan (‘temperamento, carácter’) é palabra de orixe galo-románica, seguramente provenzal (cfr. prov. talan ~ talen, fr. talant, do lat. talentum), que contrasta co uso de talante (só en 924.21 e 1334.11). Véxase García-Sabell Tormo (1990: s.v. talan).
A expresión fazer amor significa, tamén, ‘conceder ben(s) ou beneficio(s)’; neste sentido, como indica Correia, “[a] situação descrita por Vuitoron tem correspondência com o sucedido entre Joam Viegas de Portocarreiro e Sancho II, que beneficiou o Arcebispo e acabou traído por ele” (p. 113).
Nas cantiga existe unha perfecta equivalencia entre preço e o provenzalismo prez, ambos derivados do lat. prĕtĭum.
A articulación sintáctica destes versos en Correia presenta algunhas dificultades por mor da ausencia de puntuación e da continuidade entre as estrofas:
E sêrvia-vos ome quanto puder
se vos desvia quan pouco xi quer
ides log’ome trager come cane tan mal dia vosco tant’afan
e tanta coit’á convosc’a levar.
Obsérvese o para-refrán (vv. 7, 14, 21), en que se reitera a expresión trager come can. Tendo en conta que o can simbolizaba o traidor (véxase Correia, pp. 115-118), “porque, quando faminto, agia sem lealdade atacando o que quer que pudesse saciá-lo”, nesta cantiga, sen usar nunca a palabra traiçon, é diso que se fala: “«Don Estevan» de mau caráter traiu quem o beneficiou, mas qualquer motivo lhe serve para retirar benefícios àqueles que o servem e castigá-los desproporcionalmente como se fossem traidores (...) arriscando-se a ser abandonado e a ver-se sem ninguém que o servisse, o que seria especialmente grave para quem (...) tanto dependia dos seus dependentes” (p. 118).
Adoptamos a segmentación proposta en Correia, pois, sendo posíbel o texto estabelecido a partir de Lapa (e tanta coita convosc’á levar), a primeira ten a vantaxe de fixar unha outra perífrase verbal aver + a + infinitivo maioritaria en face de aver + infinitivo.
Mantemos o querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.
As cantigas UC 1492 e 1493 tamén foron atribuídas a Airas Perez Vuitoron.
Esta identificación é considerada como “demasiado especulativa” no Projeto Littera (consult.: 21-1-2026), que propón outras cinco posibilidades alternativas na nota ao v. 1 da cantiga.
Por súa vez, fronte á proposta de Correia, que considera D. Estevan como unha máscara antroponímica de Joan Viegas de Portocarreiro, Marcenaro & González (2024: 105–106, s.v. Estevan, Don₁) rexeitan esta equivalencia e recuperan as dificultades que a documentación e a cronoloxía opoñen ás distintas identificacións propostas. O ciclo permite recoñecer unha mesma figura satírica, mais non asegurar sen reservas a súa correspondencia cunha persoa histórica. A interpretación política das alusións ao rei e ao Conde debe explicitar, por tanto, a hipótese de identificación da que parte. E aínda Marcenaro (2025: 222–223) retoma o problema e cuestiona a coherencia cronolóxica e contextual da identificación con Joan Viegas. O desacordo afecta tanto ao lugar de composición coma á relación entre as distintas fases do ciclo.
Estas formas lembran outras vacilacións, como capelan / capelão (nas cantigas só se rexistra a primera, talvez a través do prov.; cfr. lat. cappellanum) ou ermitan / ermitão (só a segunda; cfr. a primeira nas CSM).