I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 290-291 [= LPGP 425]); Zilli (1977: 147-148); Lopes (2002: 198); Littera (2016: I, 487-488); Arias Freixedo (2017: 203).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 370); Braga (1878: 203); Machado & Machado (1958: VI, 156-157).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 74-75); Marcenaro (2006: 232-234).
1 Ũu] Hnum B : Huun V; arrufado] a / Jruffado B : a rru\f/fado V 3 devia] diuia V 4 e] Et B 5 non] no B 6 sera ‘gora] ssera gord B; un] hūn V 7 -vos-] uos BV 10 verra da Judaria] ueira da Judaya B 11 aquel] A qual B 12 á ‘qui] a q̅ B : achi V 13 baratar] barratar V 14 -vos] uos BV 15 log’ali] alogali B : alogalhy V 18 mouro] moura B : moure V; Sol] sal B : ssal V; é] 9 V 19 ren] Jrem B 20 carta] cc̄a B : cr̄a V 23 carta] Ccā B : ctā V 25 log’a] lega V 26 sobr’] sober B : sobin V 27 leixou] lexion B
1 Ũu] Un Lapa : Huun Zilli : Um Lopes, Littera 4 e] et Zilli 17 que ela] qu’a ela Lapa; divia] devia Lapa, Lopes, Zilli 18 mouro: «Sol] mour’: «E sol Zilli
(I) Vin hoxe un escudeiro moi rufo coa idea de obter de Maior Garcia unha garantía por uns poucos cartos que lle debía; e dixo ela cando o viu tan decidido: “Señor, non me ataquedes así, e virá agora aquí un xudeu con quen vou facer un negocio e xa vos hei dar conta (II) dos vosos diñeiros; e tornade aquí ao mediodía, e mentres tanto virá da Xudaría aquel xudeu con quen negociei e un mouro, que ha de chegar aquí, con quen tamén hei de facer un trato, e, de calquera maneira, farei que sexades pago”.
(III) E o mouro chegou logo alí e ela pensou que el pagaría a vella débeda que ela debía; mais dixo o mouro: “Nin pensar que vós paguedes nada cos meus cartos, a menos que eu faga unha carta notarial sobre vós, porque xa enganastes a un xudeu”.
(1) E ela dixo: “Facede vós o documento que queirades sobre min, pois doutro xeito non podo ter aquel home pago”.
(2) E o mouro enseguida escribiu a carta notarial sobre ela e sobre todo o que ela tiña; e pagoulle e deixoulle unha copia.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:196) + 10d 10d 10’a + 10e 10e 10’a
Encontros vocálicos: 1 Ũ͜u; 5 mi‿afrontedes; 14 *e,‿en
Esta cantiga, igual que UC 213, 270, 926 ou 960, entre outras varias, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (con ligazón sintáctica nas estrofas I-II) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis liviá, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74.
A figura da soldadeira Maior Garcia, de que non se coñece a súa identidade concreta, é escarnecida polos poetas Joan Baveca (UC 1473 e 1474), xunto con Pero d’Ambroa (UC 1588) e Pedr’Amigo de Sevilha (UC 1683). Véxase Marcenaro & González (2024: s.v. Maior Garcia).
A cantiga constitúe toda ela un xogo de equívocos de carácter sexual, baseado fundamentalmente na expresión fazer ou notar carta sobre (algo ou alguén), no sentido de redactar un documento onde quede constancia dun trato. A expresión está aquí utilizada nun contexto burlesco en que vemos un mouro (‘mouro; fig. pene’) “escribindo” unha carta (vv. 20, 22-23, 25) sobre a soldadeira (‘sobre a débeda dela con el / fig. por enriba dela’).
O indefinido ũu (e tamén algũu e neũu) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que neses casos se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.
Arrufado (talvez derivado de rufus ‘vermello’) é utilizado nesta ocasión (e mais en 479.24) co sentido de ‘rufo, animoso, fachendoso’, aínda que tamén pode significar ‘furioso’, tal como acontece nas Cantigas de Santa Maria (véxase CSM 88.52). Cfr. nota a 1613.18.
A voz penhor ‘obxecto dado como garantía de contrato ou débeda’ (tamén en 81.19 e 1541.7) convive no corpus coa variante penho (454.6 e 22).
A forma senher é unha variante provenzalizante de senhor, que tamén se rexistra en 375.16, 491.4, 578.10, 1324.18, 1388.20; a variante sinher aparece en 1396.12, 1431.29, 1500.13, 1644.23. E tamén se rexistra nas Cantigas de Santa Maria, sempre en posición de rima (CSM 5.75, 25.43, 245.51, 265.75, 296.28).
Afrontar ‘molestar, atacar’ só volve aparecer en 122.20 e 476.11.
Talvez a grafía <hūn> de V é un erro de copia por <hūu>, feito que suporía unha variación un B / ũu V que se encontra esporadicamente nos cancioneiros italianos: a variación gráfica un / ũu e algun / algũu rexístrase nun número limitado de contextos, en xeral coa forma un en B fronte a ũu en V: algun <algū> A, <algūu> B (130.15); un <hun> B, <huū> V (938.14, 1324.1 e 2, 1332.4, 1333.1, 1336.1, 1384.2, 1387.18, 1450.2 e 11, 1497.32) e <hū> B, <huū> V (1119.3 e 6)1 , xunto con ũu <huū> B, <hū> V (1641.11); <huū> B, <hun> V (1649.8); <uū> B, <un> V (1663.6).
Obsérvese o lapso do copista de V, cun aparente italianismo gráfico (<achi>) na copia de aqui, que volve aparecer en 1679.18, e para que (<che>) en 607.2, 625.3 e 640.2. Do contrario, en B é menos frecuente (véxase 1233.7 e 1548.12).
Nalgúns encontros vocálicos, o adverbio aqui provoca por veces perda da vogal final do vocábulo anterior cando acaba en -a (di’aqui, 1031.1; verri’aqui, 215.18), mais presenta a forma ‘qui, con elisión da vogal inicial, noutros encontros coas formas verbais (tónicas) á (á ‘qui, 278.1, 1408.1) e mais é (é ‘qui, 658.2, 1382.1). Nótese, no entanto, como neste verso B presenta a lección é aqui con sinalefa, o mesmo que en 278.1 (a‿aqui). Fóra da produción poética, existe tamén algunha ocorrencia da forma reducida deste adverbio:
Eu Sueyro Pérez, notario sobredicto, a fiz escrivir e poño qui meu sigño en testimuyo de verdade (Fernández de Viana y Vieites 1994: 37).
Nótese a rareza da construción adverbial en como quer en face da frecuente locución conxuntiva en como quer que, de carácter concesivo. Só achamos en como quer na Primeira Partida (CGPA, ed. J. de Azevedo Ferreira):
Se alguũ ferir out(ro) e o ferido der uozes ao meyrĩho ou aos alcaydes, pero que se auenha cũ aq(ue)l que o feryo p(er) fiees ou p(er) sy ou en como q(ue)r, nõ p(er)ça o meyrinho sa coomha ou aq(ue)l q(ue) a ouu(er) d ' au(er), poys a uoz lhy foy dada.
Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.
Obsérvese a unánime forma divia transmitida por BV (cfr. tamén en V, no v. 3), sen dúbida unha variante de devia con harmonización vocálica inducida por /i/ tónico.
Talvez esta variante divia foi –tamén– condicionada pola variante máis fechada divida (do lat. dēbĭtam), que convivía no período medieval con deveda e devida (véxase CGPA, s.v.).
A locución prepositiva meos de ‘excepto por, a non ser que’ convive no corpus con a meos de (coas variantes mẽos e meios).
A forma tralado ‘traslado, copia’ e mais trelado (tamén coas grafías trallado e trellado) son variantes minoritarias de traslado (tamén translado), procedente do lat. translātum.
No v. 3: <hū> B, <hauī> V.