I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 214-215 [= LPGP 754-755]); Reali (1962: 186); Cohen (2003: 189); Littera (2016: II, 269).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 156); Braga (1878: 78-79); Machado & Machado (1953: IV, 142-143).
1 Jurava] Jurana V 4 preit’é] ꝑ’eyte B : p’ey te V 7 preit’a] pey’ta B 8 parcir] parcer B : parḡr V 10 parci] para B; lho] om. V 13 perdoei] perdey V
3 as[s]anhasse] asanhasse Reali 9 m’avi’a mentir] m’avia mentir Reali, Cohen 10 lho quis sol caber] quis sol [en] saber Nunes : lho quis eu caber Reali 16 as[s]anhei] asanhey Reali
(I) Xurábame hoxe o meu amigo, madre, para que o perdoase, que nunca máis se me asañaría; mais é decisión que xa non tomará comigo, vedes por que: porque el xurou moito en falso polas moitas veces que me isto mesmo xurou.
(II) El pensaba que esa decisión, polas súas promesas, que lla perdoaría, e, xa que vin que me había mentir, non llo perdoei e nin sequera llo aceptei, vedes por que: porque el xurou moito en falso polas moitas veces que me isto mesmo xurou.
(III) E máis de cen veces o perdoei polos seus xuramentos e encontreime por iso mal, e por isto xa non lle vale nada que me xure, dado que me asañei, vedes por que: porque el xurou moito en falso polas moitas veces que me isto mesmo xurou.
Esquema métrico: 9’a 9’b 9’b 9’a 10C 10C (I [= Tav 160:302]) + 10a 10b 10b 10a 10C 10C (II-III [= Tav 160:195])
Encontros vocálicos: 3 mi‿as[s]anhasse
O verbo parcir ‘perdoar’ (< parcere ‘aforrar, economizar; deixar de, omitir; perdoar etc.’), tamén no v. 10, semella unha voz minoritaria e propia do rexistro poético, pois presenta só cinco atestacións na poesía profana (76.20, 752.8, 843.7) e outros seis rexistros nas Cantigas de Santa Maria (véxanse CSM 28.33, 115.168, 145.57, 174.25, 175.91 e 272.52). Non achamos ocorrencias desta voz na produción prosística medieval.
As edicións de Reali e Cohen optaron –lexitimamente– por non segmentar a preposición da perífrase formada polo verbo aver (+ a) + infinitivo. Porén, a interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + infinitivo como devi’a, avi’a, ouver’a + infinitivo vén determinada, non só polo feito de a presenza do enlace a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia nalgunhas cantigas das formas <deuia> A / <deuia a> B (128.22 e 28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> B (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións de un destes testemuños.
A lección <para> de B remite a unha confusión <a>/<ti> que, por súa vez, enlaza co repetido erro <t>/<c>, bastante frecuente e doamente explicábel do punto de vista paleográfico. Véxase nota a 103.7.
Por outra banda, é moi frecuente a emenda caber > saber nalgunhas edicións, sen que esta se poida xustificar desde un punto de visto paleográfico ou semántico: o verbo caber ‘admitir, aceptar’, acepción axeitada para este contexto, foi pertinazmente substituído por saber noutras cantigas e por outros editores (véxase 32.27, 1126.17, 1377.21, 1583.27, 1671.17), a pesar da existencia desta acepción nas Cantigas de Santa Maria, por exemplo (véxase Mettmann 1959-1972: s.v. caber). Véxase, tamén, González González (2006: s.v. cabelo).