I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 305); Marroni (1968: 257-258 [= LPGP 733-734]); Cohen (2003: 442); Littera (2016: II, 246).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 279); Braga (1878: 153); Machado & Machado (1956: V, 316).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 325-326); Landeira Yrago (1975: 214); Ferreiro (2023a: 43).
4 perdon] pardō B : perdo V 8 gran] g̃ra B 9 quer] q̄\r/ B; por én] preen B 16 mi] m(h)i V
1 amigos] amigus Marroni 2 muitos] muytus Marroni 4 mas] ma[i]s Cohen, Littera; perdon] pardon Marroni 6 come] com’é Marroni 8 vos] vus Marroni 12 come] com’é Marroni 13 Vi-m’eu] Vi eu Nunes; olhos] olhus Marroni 18 come] com’é Marroni
(I) Amiga, moitos no mundo son moi amigos por tomaren amigas para as amar moito; mais xa Deus nunca me perdoe se nunca eu vin tan amigo de amiga como o meu amigo.
(II) Pode o voso amigo dicir, amiga, que vos ama moito, e ámavos; mais por iso nunca eu vexa pracer do meu (amigo) se nunca eu vin tan amigo de amiga como o meu amigo.
(III) Vin eu con estes meus ollos amigo de amiga que lle é moi amigo, abofé; mais non me valla nunca Deus se nunca eu vin tan amigo de amiga como o meu amigo.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8’C 8’C (= RM 160:398)
Sen dúbida, a presenza da forma mais da conxunción adversativa nos vv. 9 e 16 levou, contraditoriamente, a Cohen e Littera a emendar a variante mas da adversativa, que por veces presenta concorrencia con mais nunha mesma composición. Con todo, a distribución da variante foneticamente reducida da adversativa indica que é unha forma, en xeral, é máis característica dos textos copiados no Cancioneiro da Ajuda (véxase nota a 692.10), pois en BV só presenta catorce ocorrencias (véxase tamén 733.15, 749.15, 789.6, 1038.4, 1046.10, 1225.4, 1245.6, 1246.22, 1282.10, 1387.13, 1432.21, 1573.5, 1652.29).
Emendamos a forma *pardon (<pardō>) de B, lección exclusiva (errada face a perdon, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
Por outra parte, a expresión Deus nunca mi perdon aparece aquí integrada no discurso, a pesar do seu valor formulístico, igual que acontece con outras fórmulas similares en diversas pasaxes trobadorescas (388.17, 435.8-9, 808.3, 837.9, 1225.4).
A segmentación de é en <come> no segundo verso do refrán non é imprescindíbel desde a perspectiva dunha expresión fluída, pois come achega unha maior naturalidade ao discurso (Ferreiro 2016d: 51).
Utilizamos cookies de terceiros com fins analíticos para conhecer os hábitos de navegação (por exemplo, páginas visitadas). Ao aceitar cookies de terceiros, terá de as excluir das opções do seu navegador ou do sistema oferecido por terceiros.
Clique no botão correspondente para aceitar ou recusar as cookies: