1488 [= RM 6,7]
Oi d’Alvelo que era casado

Cantiga que fez Don Afonso Lopez de Baian d’escarnh’e de mal dizer:

Oi d’Alvelo que era casado,
mais non o creo, se Deus mi perdon;
e quero-vos logo mostrar razon,
que entendades que digo recado:
ca lh’oi eu muitas vezes jurar
que tan pastor non podia casar,
e por én creo que non é casado.
Sabia-m’eu ca x’era esposado
máis á d’un ano, non dig’eu de non,
ca mi mostrou el ben seu coraçon,
per quanto el a mí avia jurado
que, mentr’atan pastor fosse com’é,
que non casaria, per bõa fe;
mais esposou-s’e anda esposado.
E seus parentes teen por guisado
que se casass’á i [mui] gran sazon;
os que lho dizen, diz-lhis el enton:
«Do que dizedes non soo pagado,
ca me non podedes tanto coitar
que eu, tan pastor, quisesse casar;
mais casarei quand’ouver guisado.
De me coitardes fazedes mal sén,
ca non podedes ja, per nulha ren,
que per mí seja o preito juntado».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscripts


B 1469 (f. 307r, col. b, 307v, col. a), V 1079 (ff. 175v, col. b, 176r, col. a) [Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Editions


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 94-95 [= LPGP 89-90]); Lopes (2002: 107); Lorenzo Gradín (2008a: 158); Littera (2016: I, 50).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 374-375); Braga (1878: 205-206); Machado & Machado (1958: VI, 172-173).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 312-313).

Manuscript variants


2 perdon] pardon B   3 mostrar] mōstrar B   6 tan] can B   10 ca mi mostrou] Carai monstrou B; coraçon] corazō V   13 bõa] boa B   16 que se] Qssē B   17 diz] dize BV   18 soo] seo B   22 coitardes] cuy(d)\t/ardes V   24 preito] pito V; juntado] iūcado B : uītado V

Editorial variants


2 non o] nõn’o Lopes, Littera; perdon] pardon Lorenzo Gradín   13 bõa] boa Lapa, Lopes, Littera   15 teen] tẽe Lapa : têm Littera   16 [mui]] om. Lapa, Lopes, Littera : [moi] Lorenzo Gradín   17 os] òs Lapa   18 soo] sõõ Lopes, Littera   21 quand’ouver] quand’o vir Lapa : quand’[o] houver Lopes, Littera : quand[o] ouver Lorenzo Gradín

Paraphrase


(I) Ouvín dicir que Alvelo era casado, mais non o creo, Deus me perdoe; e quérovos mostrar logo a razón, para que entendades que digo algo razoábel: porque lle ouvín eu moitas veces xurar que non podía casar tan novo, e por iso creo que non está casado.
(II) Eu sabía que está esposado desde hai máis de un ano, non o nego, porque el me abriu o seu corazón, por todo canto el me xurara que mentres fose tan novo como é, que non casaría, abofé, mais si se esposou e anda esposado.
(III) E os seus parentes pensan que o máis conveniente era que se casase alí (coa súa esposada) xa hai moito tempo; e aos que llo din, dilles el entón: «Non me agrada nada o que dicides, porque non me podedes apremar tanto como para que eu quixese casar tan novo; mais casarei cando sexa oportuno. 
(1) Facedes moi mal en me apremardes, porque non podedes conseguir, de maneira ningunha, que pola miña parte sexa o acordo realizado».

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:120) + 10d 10d 10’a

Encontros vocálicos: 11 quanto‿el; 21 ma·is

Notes


Text
  • *

    Martin Alvelo é personaxe que comparece noutras dúas cantigas: Martin Alvelo, de Joan Soarez Coelho (UC 1435), e Joan Soares, pero vós teedes, de Airas Perez Vuitoron (UC 1501), de modo que, pola ligazón temática, estas composicións de Baian e de Coelho forman outro pequeno ciclo no conxunto satírico galego-portugués.
    Nótese a repetición da palabra rimante dos versos primeiro e derradeiro en cada estrofa (I casado; II esposado; III guisado).

  • 1

    A identificación de Martin Alvelo non é segura, pois nos Livros de Linhagens hai referencias a dúas figuras con ese nome. Por unha banda, “Martim Martĩiiz, Alvelo por sobrenome”, que pertenceu á familia da Maia e foi “mui boo cavaleiro e mui saboroso”, e parente do trobador Joan de Gaia. Por outra banda, o Martin Alvelo, fillo de Pedro Eanes Alvelo e relacionado familiarmente con Joan Soarez Coelho, que tamén é citado nos Livros de Linhagens é considerado por Correia a figura satirizada polos tres trobadores do ciclo (2010b: 566-569). Véxase tamén Marcenaro & González (2024: s.v. Martin Alvelo).

  • 2

    A forma pardon, de B, é aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon. Non obstante, tal forma é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 3

    Tanto neste verso como no v. 10 B presenta unha aparente variante monstrar, con grupo culto latinizante (véxase nota a 63.2), o cal resulta inusual na altura cronolóxica do trobadorismo. A análise das leccións manuscritas evidencia que a aparición da consoante nasal é produto exclusivo da intervención dalgúns copistas de B, pois, cando o verbo conta con dous testemuños, nun deles sempre se rexistra a correcta forma (a)mostrar –na única documentación de demostrar, B presenta tamén a aparente grafía latinizante (1674.15)–. Véxanse, así, B vs. A (188.12, 309.15) e B vs. V (576.7, 624.2, 659.16, 1072.4, 1096.26, 1160.26, 1463.18, 1476.23, 1643.13 e 1663.6). A teor destes datos, emendamos a lección de B neste verso e mais en 291.11 e 1557.16. Cfr. nota a 110.5.

  • 9

    A construción dizer de non ‘negar’, en que de cumpre a función da conxunción que, aparece esporadicamente no corpus profano (153.11, 328.4, 400.3, 536.10, 759.8, 971.26, 989.10, 1420.3, 1636.13 e 1648.16-17).

  • 13

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: 

    per quanto el a mí avia jurado
    que, mentr’atan pastor fosse com’é,
    que non casaria, per bõa fe.

  • 21

    Consideramos que o verso computa como decasilábico (ma·is), pois existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais ~ máis era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de múltiplas pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c)1 .

  • 22

    Non é frecuente achar a variación -oi-/-ui- en coitar/cuitar (e coitado/cuitado) entre os dous apógrafos italianos, pois, en xeral, é diverxencia que aparece entre o Cancioneiro da Ajuda vs. Cancioneiro da Biblioteca Nacional (cfr. nota a 70.1). Na realidade, só achamos algúns casos de variación -oi- B / -ui- V que afectan ao participio (570.9, 575.4, 1212.2, 1293.5). Cfr. nota a 681.4.

  1. ^

    Unha argumentación contra o esporádico valor bisilábico de mais pode verse en Fernández Guiadanes (2023: 2.627-2.655), aínda recoñecendo que “non se pode desbotar por completo a posibilidade de que o resultado galegoportugués de MAGIS mantivese o seu carácter bisílabo ocasionalmente” (ib.: 2.655).

Search
    No results