110 [= Tav 104,8]
Senhor, perdud’ei por vós ja o coraçon

Senhor, perdud’ei por vós ja o coraçon
e sabor do mundo que soia eu aver,
[e] sei que contra vós nulha ren me non val,
nen Deus [nen Amor] nen cousimento nen al,
nen a vossa mesura nen [meu] conhocer;
e, pois assi é, praz-mi con mia morte, ca non
ei eu ja nunca d’aver per vós deste mund’al.
Non sei eu ja no mundo conselho prender
e máis de mil cuidos no coraçon cuidei,
ca, pero mia vida máis podesse durar,
vergonh’á ja d’assi antr’as gentes andar,
pois que de min nen deles nen un sabor e[i],
e sequer non ei ja razon que lhis apõer
quando me preguntan [por] que ei tan trist’andar.
Con coita de vós direi-vo-lo que farei:
leixar quer’a terra u vós sodes, senhor,
[e] u eu de vós tan muito pesar prendi,
e ei rogar a Deus que se nembre de min,
que vós fezestes perder do mundo sabor,
e se me Deus quisess’oir, ala morrerei,
u nunca máis ja vós sabiádes novas de min.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 137

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 771-772 [= LPGP 680]); Littera (2016: II, 173); González (2018: 180).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 52); Machado & Machado (1949: I, 197-198); Rios Milhám (2017: I, 110).

Variantes manuscritas


3 me] que B   5 mesura] mēsura B   9 no] ia nō B   15 coita] grā coyta B   18 e] om. B   19 que] eq̄ B   21 vós] ia uos B

 

Variantes editoriales


3 [e] sei ... me non] Sei ... que [me] non Michaëlis   5 nen (a) vossa mesura, nen [vosso] conhocer Michaëlis : nen’a vossa mesura, nen’[o] conhocer Littera   6 assi] (a)ssi Michaëlis : ‘si Littera   7 ei eu] ei (eu) Michaëlis : ei Littera   9 e ... no] (e) ... ja no Michaëlis : e ... ja no González  11 vergonh’á ja] vergonha i á Michaëlis : vergonh’i há Littera   12 pois que ... nen un] pero (que) ... nenhun Michaëlis   13 e sequer non ei (ja) razon que lhes apõer Michaëlis : sequer nom hei já razom que lhes apõer Littera   15 coita] gran coita Michaëlis, González : gram coita Littera; direi-vo-lo] direi-vos Littera, González   16 quer’a] quer[o] a González   18 e ei rogar ... min] e rogar [ei] ... mi Michaëlis, González   20 ala] (a)lá Michaëlis   21 ja vós ... min] (ja) vos ... mi Michaëlis : já vós ... mi Littera, González        

Paráfrasis


(I) Señora, xa por vós perdín a vontade e o gusto do mundo que eu soía ter, e sei que contra vós nada me asiste, nin Deus nin Amor nin a discreción nin ningunha outra cousa, nin a vosa mesura nin o meu entendemento; e xa que é así, conténtome coa miña morte, porque nunca hei eu de recibir neste mundo outra cousa de vós.

(II) Non sei eu xa que decisión tomar no mundo e máis de mil veces o pensei no meu corazón, porque aínda que a miña vida máis puidese durar, vergoña hai xa en andar así entre as xentes, porque non sinto agrado de min nin deles e nin sequera se me ocorre unha razón que lles apoña cando me preguntan por que ando tan triste.

(III) Coa coita que sufro por vós, direivos o que farei: quero deixar a terra onde vós estades, señora, e onde eu tanto pesar recibín de vós, e rogarei a Deus que se lembre de min, a quen vós fixestes perder o gusto polo mundo, e se me Deus quixese ouvir, alá morrerei, onde nunca xamais vós saibades novas de min.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 12a 12b 12c 12c 12b 13a 13c

Encontros vocálicos: 2 so·i·a‿eu; 21 sa·biá·des

Notas


Texto
  • *

    Ao longo dos versos percíbese unha certa vacilación métrica, que se concreta na omisión de elementos e, asemade, na intromisión dalgunha partícula que debe ser expunxida por ser, probabelmente, produto do intento de regularización métrica nalgunha das fases da compilación manuscrita nunha composición en que non é totalmente evidente a súa estrutura métrica. É por isto que a actuación dos diversos editores é diversa e, mesmo, contraditoria: Michaëlis propón un esquema regular dodecasilábico, mentres que Déborah González introduce versos de trece sílabras para o segundo, sexto e sétimo de cada estrofa.

  • 2

    Para a medida dodecasilábica é necesaria a sinalefa soia‿eu (véxase, por exemplo, soia‿entrar en 1531.10), que, obviamente, González non considera.

  • 3

    Fronte á manutención dunha repetición do que completivo que obrigaría a reintegrar un pronome me (sei que ... que [me] non val), optamos, con Littera e González, pola reintegración da copulativa en posición inicial (véxase nota a 42.15), ao tempo que interpretamos o segundo <que> é un erro por <me>, cuxa confusión se atesta noutras pasaxes dos apógrafos italianos: <me> B que (1666.5); <que> V me (944.2, 1093.3).

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 4

    Nas enumeracións de quen (ou de que) non vale ao trobador contra a senhor aparece con frecuencia o Amor, que neste verso parece solicitado pola ausencia de dúas sílabas métricas. Cfr., por exemplo, e non mi valla ela nen Amor / nen Deus (284.3-4); e non mi val Amor, / nen mi valhades vós, senhor, nen Deus (1078.15-16).

    Cousimento ‘discreción, siso’ é voz de orixe provenzal usada con relativa frecuencia, fundamentalmente nas cantigas de amor (36.26, 38.1, 116.22, 117.15 e 18, 156.2, 978.2, 1062.11, 1408.12), xunto cos verbos cousir e cousecer (véxase Glosario, s.v.), da mesma familia semántica e de amplo uso no corpus trobadoresco. Véxase García-Sabell Tormo (1991: 103-105). 

  • 5

    A lección <me͂sura> de B podería ser interpretada como un latinismo (mensura) semellante ao de monstrar (véxase nota a 9.3).
    Por outra parte, Michaëlis vese obrigada a propor a expunción do artigo de mesura polo feito de reintegrar o posesivo bisilábico vosso con conhocer. A partir da xustificación de González con textos do propio Cerzeo e contextos similares doutros trobadores, optamos por meu para reintegrar a sílaba ausente en vez dun posíbel artigo o (Littera): o substantivo conhocer nunca vai precedido de artigo e, ao contrario, case sempre vai determinado por un posesivo (véxase Glosario, s.v. conhocer2).

  • 6

    As solucións de Michaëlis e Littera veñen condicionadas pola resistencia á frecuente sinalefa assi‿é.

  • 7

    Nesta cantiga ja ten unha repetida presenza hipermétrica nos vv. 7, 9, 13 e 21. O carácter monosilábico do adverbio e o seu escaso corpo gráfico-fónico fai con que a súa presenza (ou ausencia) nalgunhas pasaxes sexa efectivamente produto do proceso de copia. Véxase nota a 74.19.

  • 9

    Nótese como a opción michaëliana para a regularización métrica é a expunción da copulativa (que liga os versos) en vez do adverbio ja (que pervive en González pola consideración do segundo verso de cada estrofa como tredecasilábico).
    Cuido é substantivo (derivado regresivo de cuidar, igual que o raro penso é regresivo de pensar) que tamén se atesta en CSM 253.64 e 365.29). Este substantivo prolóngase, como mínimo, até o final da Idade Media, pois rexístrase tamén na Crónica de 1344 (Hu he o cuydo que cuydades, de paz e nõ de quebrãto?, cfr. Cintra 1952-1990: III, 318) e en Fernan Lopez: nem lhe viinha per cuido nem pensso o que sse depois seguio ... Senhora, disse ell, esse era mui maao cuido que elles cuidavom (Macchi 2004: 175, 511), para alén do Livro de José de Arimateia (Miranda 2016: 17). Véxase tamén Machado Filho (2019: s.v. cuydo) e o Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. cuido).

  • 10

    Neste verso é posíbel segmentar de maneira diferente <mha>, coa lectura ca, pero mi a vida máis podesse durar, tamén con perfecto sentido e encaixe na liña discursiva da cantiga. Porén, no corpus o sintagma mia vida nunca aparece precedido de artigo.

  • 11

    A lectura vergonh’á ja é a máis coherente coa lección manuscrita (<u’gonha ia>), tal como propón González, fronte a Michaëlis e Littera, que optan por unha segmentación i a para <ia>.

  • 13

    Neste verso, Littera optou pola omisión da copulativa inicial en vez de expunxir o adverbio ja (véxase nota ao v. 7).

  • 14

    A carencia de unha sílaba para este verso tredecasilábico demanda a reintegración da necesaria preposición por, introducida xa desde Michaëlis e Littera a pesar da medida dodecasilábica das respectivas edicións.

  • 15

    Michaëlis prefire manter gran á custa da hipermetría versal, un elemento que, como mui (véxase nota a 65.1), pode aparecer adventiciamente no proceso de copia, como se percibe en 240.4, en que, fronte a A, B presenta este elemento coa conseguinte hipermetría. Por outra banda, face á editora do Cancioneiro da Ajuda, Littera mantén gran mais recompón direi-vo-lo que coa omisión do artigo antecedente do relativo.

  • 16

    A reintegración vocálica proposta en González é feita para nivelar metricamente o verso en relación á estrutura métrica que propón; porén, no corpus a forma quero sempre presenta crase co artigo.

  • 18-19

    Como acontece noutras ocasións (véxase, por exemplo, 7.11-12 ou 337.7-8), a copulativa ausente no inicio do v. 18 aparece copiada na mesma posición no verso seguinte1 .

  1. ^

    Talvez Michaëlis non fose consciente disto e iso explicaría a interpretación de <ei> como e e a errada reintegración de ei após rogar.

Buscar
    Sin resultados