649 [= Tav 151,22]
Sabedes: quant’á, ‘migo, que m’eu vosco veer

Sabedes: quant’á, ‘migo, que m’eu vosco veer
non pud’, atant’á oje que nunca vi prazer,
e, amigo, grad’oj’a Deus
que vos veen os olhos meus.
Ouv’én por vós tal coita eno meu coraçon
que nunca vos cuidar’a veer nulha sazon,
e, a[migo, grad’oj’a Deus
que vos veen os olhos meus].
E rog’eu, meu amigo, aquel Deus que me fez
que nunca eu ja viva sen vós tan[t]’outra vez,
e, a[migo, grad’oj’a Deus
que vos veen os olhos meus].
E ben assi mi-o quiso mia ventura guisar
que nunca sen vós ouvi sabor, erg’en chorar,
e, a[migo, grad’oj’a Deus
que vos veen os olhos meus].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 633, V 235

En BV a composición foi enteiramente copiada en versos heptasilábicos graves e octosílabos agudos, conforme, respectivamente, os hemistiquios dos versos de 15 sílabas e o refrán.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 65-66 [= LPGP 948-949]); Cohen (2003: 119); Littera (2016: II, 542).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 91); Braga (1878: 47); Machado & Machado (1952: III, 292).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 25-26).

Variantes manuscritas


3 e, amigo] Camigo B : ca migo V   5 por] pre B : pe V; tal] mal B   7 e, a[migo]] Ca<...> B : ca<...> V   9 rog’eu] irogueu B   10 viva] vina B   11 e, a[migo]] Ca<...> B : ca<...> V   13 ventura] uentea B : uentaᵉ V   15 e, a[migo]] Ca<...> B : ca<...> V

Variantes editoriais


Nunes, seguindo a disposición dos manuscritos, estabelece catro versos hexasilábicos seguidos de refrán para esta composición.
1 Sabedes: quant’á] Sabedes quant’á Nunes, Cohen : Sabedes quant’há Littera   2 atant’á oje que] atant’a hoje, que Littera   3 grad’oj’a] grado já Nunes   5 én] eu Nunes, Cohen, Littera   6 cuidar’a] cuidara Nunes, Cohen, Littera   7 grad’oj’a] grado já Nunes   11 grad’oj’a] grado já Nunes   13 ventura guisar] ventur’aguisar Nunes   15 grad’oj’a] grado já Nunes

Paráfrase


(I) Sabédeo: canto tempo hai, amigo, que eu non me puiden ver convosco, tanto hai hoxe que non vin nada pracenteiro, e, amigo, grazas a Deus que hoxe vos ven os ollos meus.

(II) Por iso tiven tal coita no corazón por vós pois nunca coidei que vos volvería ver, e, amigo, grazas a Deus que hoxe vos ven os ollos meus.

(III) E rogo eu, meu amigo, a aquel Deus que me fixo, que nunca eu viva tanto sen vós outra vez, e, amigo, grazas a Deus que hoxe vos ven os ollos meus.

(IV) E ben mo quixo así dispor a miña fortuna, que nunca sen vós tiven gusto por nada, agás por chorar, e, amigo, grazas a Deus que hoxe vos ven os ollos meus.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 13a 13a 8B 8B (= Tav 37:20)

Notas


Texto
  • 1

    O uso explicativo de sabedes faino perfectamente equivalente a unha forma de imperativo, tal como tamén no inicio de estrofa en 80.22 (E sabedes: des que vos vi...). Deste modo, a sintaxe permite a correlación quanto ... atanto (vv. 1-2), apagada nas edicións nas edicións precedentes: Sabedes quant’á...

    Obsérvese a inusual crase á + amigo (> á ‘migo), cun resultado visualmente incómodo.

  • 2

    En LPGP, onde se estabelece como prioritario o texto de Nunes, é corrixido este verso conforme a suxestión de Lapa (1982: 160): non pud’, atan ‘tá oje que nunca vi prazer. Porén, a proposta lapiana xera un texto que non é gramatical, cun uso anómalo de atan.

    Por súa parte, en Littera o texto proposto (atant’a oje), coa consideración de <a> como preposición, fica sen sentido no verso e na estrofa.

  • 3

    Os dous apógrafos italianos mostran unha frecuente confusión <e>/<c>, que se pode achar en similares contextos, no inicio de verso coa conxunción copulativa. Con efecto, este erro prodúcese, en xeral, no inicio dunha estrofa, dun refrán ou dun verso que solicita a conxunción copulativa: e vi-a <e uia> A, <Cuia / Cuia / Cuya / Cuya> B (302.r1), e a <ca> (494.32 e 35), e a <Ca / Ca / Ca> B, <ca / ca / ca> V (767.r1), e a <Ca / Ca / Ca> B, <e a / e a / e a> V (792.r2), e amigas <Camigas> B, <E amiga> B’, <camigas> V, <e amiga> V’ (1048.9), e o <C o> B, <eo> V (1056.3), e assi <Cassy / Cassy> B, <cassy / cassy> V (1364.r3), e a <Ca> BV (1645.15) etc.

    Por outra parte, a lección de Nunes non ten sentido, pois anula a expresión grad’a Deus ‘grazas a Deus’ para presentar un grado já Deus que suxire unha forma verbal inexistente.

  • 5

    As leccións <Ouuē> B, <Ouuen> V impoñen a lectura Ouv’én, por moito que eu sexa tamén acaído ao contexto, tal como os anteriores editores consideraron ao emendar a lección dos manuscritos. Ademais, en B aparece o raro erro <m>/<t>, que só localizamos en 1054.5 (Martīiz <rarijz̄> B, <tarq̃z> V) e mais en 1472.4 (mouros <touros> B, <chouros> V), neste caso co duplo erro <m>/<ch> (véxase Ferreiro 2012c).

  • 6

    Como acontece noutros sintagmas, e tamén coa perífrase dever + a + infinitivo (véxase nota a 60.14), convén segmentar, a diferenza de Nunes e Cohen (e Littera), a preposición a como elemento que liga cuidar co infinitivo, dado que esta é, ademais, a construción maioritaria na lingua trobadoresca (cuidar’a veer).

  • 10

    De novo LPGP acolle a proposta de Lapa (1982: 160) e substitúe o texto de Nunes: que nunca eu já viva sen vosc’ ar outra vez. Máis unha vez, non semella acaída esta proposta textual por canto a partícula ar precede sempre formas verbais, e só en contados casos vai posposta (véxase nota a 105.14), situación que nin sequera ocorre neste contexto, onde viva fica lonxe de ar.

  • 13

    A lección común de BV indica con clareza a separación entre os dous elementos do sintagma ventura guisar, aínda que sería posíbel unha lectura ventur’aguisar, tal como estabeleceu Nunes na súa edición das cantigas de amigo.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado