330 [= RM 140,4]
Preguntei ũa don[a] en como vos direi

Preguntei ũa don[a] en como vos direi:
«Senhor, filhastes orden?». E ja por én chorei.
Ela enton me disse: «Eu non vos negarei
de com’eu filhe[i] orden, assi Deus me perdon:
fez-mi-a filhar mia madre, mais o que lhe farei?
Trager-lh’i eu os panos, mais non [no] coraçon».
Dix’eu: «Sen[h]or fremosa, morrerei con pesar,
pois vós filhastes orden e vos an de gardar».
Ela enton me disse: «Quero-vos én mostrar
como serei guardada, se non, venha-me mal;
esto por que chorades ben devedes cuidar:
tragerei eu os [panos, mais no coraçon al]».
E dix’eu: «Sen[h]or minha, tan gran pesar ei én,
porque filhastes orden, que morrerei por én».
E diss’einda logo: «Assi me ve[n]ha ben,
come serei guardada dizer-vo-lo quer’eu:
se eu trouxer os panos, non dedes por én ren,
ca terrei o contrairo eno coraçon meu».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscripts


B 368bis (f. 84r, col. a-b)
[Cantiga de Amor]

Editions


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 842-843); Ferreiro (1992: 53 [= LPGP 885]); Lopes (2002: 440); Littera (2016: II, 430).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 135); Machado & Machado (1950: II, 151); Rios Milhám (2018a: II, nº 330).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 17); Piccolo (1951: 59-60); Nunes (1959: 267); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 207); Arias Freixedo (2003: 805-806); Corral Díaz & Vieira (2023: 77).

Manuscript variants


1 vos] uos B   2 E] et B   3 vos] uos B   4 filhe[i]] filhs B   5 madre] mader B   6 coraçon] coracon B   9 vos] uos B   12 eu] en B   14 orden, que morrerei] ardē que morierey B   15 E diss’einda] Et diffemda B   16 dizer] diçer B   18 Ca derrey o ꝯ̃ysꝯ ena coraçon meu B

Editorial variants


En Lopes o sexto verso de cada estrofa é considerado como refrán.

1 en como vos] eu como vus Michaëlis   3 vos] vos Michaëlis   6 Trager-lh’i eu] Trager-lhi-ei Michaëlis, Lopes : Trager-lhi eu Ferreiro : Trager-lh’-[e]i Littera; non [no] coraçon] non [o] coraçon Michaëlis, Ferreiro : nom [o] coraçom LopesLittera   8 vos] vus Michaëlis; gardar] guardar Michaëlis, Lopes, Littera   9 vos] vus Michaëlis   12 tragerei eu] Trager-lhi-ei Michaëlis, Lopes   15 E diss’einda] Et diss’end’ela Michaëlis : E disse inda Ferreiro : E diss’end’[el]a Lopes : E disse-m’ela Littera   16 come] como Michaëlis, Lopes, Littera   18  ca terrei o contrairo eno coraçon meu] ca guerr’ei contra Jésus eno coraçon meu Michaëlis; eno] en'o Lopes

Paraphrase


(I) Pregunteille a unha dona como vos direi: «Señora, entrastes nun convento?». E xa chorei por iso. Ela díxome entón: «Eu non vos negarei como profesei, así Deus me perdoe: obrigoume a tomar os hábitos a miña nai, mais que lle hei facer? Vestirei eu os hábitos, mais non (os levarei) no corazón».

(II) Díxenlle eu: «Fermosa señora, morrerei de pena, xa que vós tomastes os hábitos e vos han de gardar». Ela díxome entón: «Quérovos mostrar como serei vixiada, se non, que me veña mal; isto polo que chorades debédelo pensar ben: eu traerei postos os panos, mais no corazón (terei) outra cousa».

(III) E respondinlle eu: «Miña señora, teño tanta dor por iso, porque profesastes, que morrerei». E ela aínda me dixo logo: «Así me veña ben, quérovos dicir como me gardarán: se eu trouxer postos os panos, non lle deades importancia ningunha, porque sentirei o contrario no meu corazón».

Metrics


Esquema métrico: 3 x 13a 13a 13a 13b 13a 13b (= RM 13:1)

Encontros vocálicos: 5 mi-‿a

Notes


Text
  • *

    Esta cantiga é a única no corpus das cantigas profanas que explicitamente fai referencia ao enclaustramento forzado, aínda que na cantiga 292 tamén se percibe o mesmo problema como pano de fondo da composición (cfr. e catava-m’el os panos, que eu tragia con doo, v. 15), igual que na cantiga 1547, un escarnio de amor con alusións ao mesmo tema.

  • 1

    Non ten xustificación a emenda michaëliana do elemento en da locución conxuntiva en como (véxase nota a 240.2-3), rectificada posteriormente no Glossário do Cancioneiro da Ajuda (s.v. en como).

  • 2

    Nesta cantiga aparece a única ocorrencia de filhar orden ‘tomar os hábitos relixiosos, ingresar nun convento’ (tamén nos vv. 4, 5, 8 e 14), sinónima de prender ordin (392.4), presente, porén, nas Cantigas de Santa Maria (véxase 42.50, 241.89). Cfr. omen d’orden ‘freire’ en 878.10.
    Por outra parte, todas as edicións inclúen a segunda parte do verso (E ja por én chorei) dentro da interpelación que fai o trobador: na realidade, esa frase ten de ser interpretada como unha aclaración após a interrogación, mostrando como o trobador ja chora antecipando a resposta da senhor.

  • 4

    A lección <filhs> constitúe un obvio erro por filhe, que, por súa vez, deberá ser filhei, forma de pretérito esixida polo contexto e polo repetido erro <s>/<e> en B: <sem> e en (725.15), <lhs> lh’é (913.3), <fals> fale (932.4), <cres desto> creed’esto (1057.16), <ois> oje (1345.8).

  • 6

    A emenda de Michaëlis (e tamén a de Littera) introduce un desnecesario futuro na resposta da senhor, que simplemente utiliza o infinitivo trager como réplica á pregunta que farei? E, por outra banda, en <lhy> convén a segmentación do adverbio i, de valor esencialmente temporal neste contexto, para evitar a xeral sinalefa lhi‿eu (véxase lhi‿eu en 43.20, 601.4, 724.13, 1173.8), para alén de manter o acento fixo na 6ª sílaba ao longo de toda a cantiga.
    Por outra parte, semella ter máis sentido a reintegración de no no segundo hemistiquio, pois, perante a pregunta mais o que lhe farei?, a dona afirma que levará os hábitos da orde (ou na orde) exteriormente (trager-lh’i eu panos), mais non no seu sentimento interior (no coraçon).

  • 8

    A pesar da presenza de guardada nos vv. 10 e 15, a forma gardar é perfectamente lexítima, aínda que foi modificada nunha dirección lusitanizante por Michaëlis (seguida en diversas edicións). Véxase nota a 28.16.

  • 12

    Para alén da desnecesaria emenda do inicio na procura da repetición do v. 6, a reconstrución michaëliana da lacuna textual, sen dúbida porque o copista interpretou que se trataba dun refrán a teor do similar inicio do verso, é altamente verosímil por manter unha perfecta correspondencia paralelística co v. 6, ao tempo que ser acaída semántica e metricamente. Similar fórmula expresiva pode verse na diversas pasaxes da Crónica de 1344:

    E el rey, como quer que el esto dissesse, al tiinha no coraçõ ... Mas o treedor al tiinha no coraçon (Cintra 1952-1990: III, 67, 385).

  • 15

    Na secuencia manuscrita <diffeinda> ou <diffemda>, co banal erro <ff>/<ſſ>, lemos diss’einda, coa aparición da variante minoritaria de ainda, habitualmente oculta nas edicións por un proceso de nivelación lingüística a prol das formas maioritarias. A variante einda (con evolución [aí] > [eí], cfr. reinha, seir etc.) foi sistematicamente anulada pola acción dos editores. En 70.9 Michaëlis recorreu á forma ainda de B, mentres que en 74.12 einda tamén foi interpretada como e inda e en 1342.11 a forma foi corrixida polos diversos editores1 .

  • 18

    É este o verso máis problemático desta singular cantiga, o nó semántico e textual do poema, orientado para un final epifonemático, vista a progresiva modulación do último verso de cada estrofa.
    Perante o problema levantado pola lección manuscrita de B, con evidentes erros de copia (<Ca derrey o ꝯ̃ysꝯ ena coraçon meu>), Michaëlis propón ca guerr’ei contra Jésus eno coraçon meu, interpretación que mantén as esixencias rítmicas do verso mais con certo afastamento da base manuscrita. É por isto que, non totalmente satisfeita da súa «lição conjectural», ainda apunta outras posíbeis lecturas na edición do Cancioneiro da Ajuda: «Proponho: ca derradeir’é Jesus? ou Ca errei contra Jesus? ou ainda Ca guerreio con J.? Como ꝯ̃ significa, usualmente, contra, escolhi a lição conjectural que vae no texto». Así pois, todas as propostas de Michaëlis se sustentan na solución Jésus, variante que non se rexistra no corpus, sempre Jesu ~ Iesu, con diversas grafías (nunca <ys9>): <iħu> B, <jhū> V (482.29); <ihesu> B, <Ihesa> V  (808.3); <ihū> V (1015.5); <ih’u> (1576.1).
    Diferentemente de Michaëlis, Oskar Nobiling (2007 [1907]: 217) defende unha lectura ben diferente para o verso, considerando os (frecuentes) erros <d>/<t> e <s>/<r> (a que debemos engadir <9>/<o>): ca terrei o contrairo eno coraçon meu. A pesar de a proposta de Nobiling ser coherente semanticamente co desenvolvemento da cantiga, ao tempo que se se cinxe á lección manuscrita (<derrey> = terrey, <ꝯ̃ysꝯ> = contrayro), a ilustre editora rexeita a formulación do profesor paulista no Glossário da edición do Cancioneiro da Ajuda: «Este adj. substantivado foi introduzido habilmente por O. Nobiling no último verso da interessante mas difícil Cant. Nº 429. No códice CB há Ca derrey e três senhas das quais a última parece ser Jesus. O malogrado professor de S. Paulo achou preferível ca terrei o contrairo. (...) Verdade é todavia que eu consideraria como contrairo de Deus, ao demonio, e não ao “entendedor” da “dona de ordem”. E depois as letras e três senhas, das quais a última parece ser Jesus, onde ficam na restauração proposta?» (Michaëlis 1922:, s.v. contrairo).
    A lectura con contrairo (voz que tamén coloca o acento rítmico do verso na sexta sílaba, de regra en toda a cantiga) non é documentada por Michaëlis no Cancioneiro da Ajuda, mais si se rexistra en cantigas de Estevan da Guarda (1320.5, 1328.18, 1342.10), transmitidas polos apógrafos italianos, que recollen a forma con metátese de iode, que semella máis tardía a teor dos datos fornecidos polo Corpus Galego-Portugués Antigo. O sentido, en consonancia cos versos finais das estrofas anteriores, é que aínda que tomase os hábitos forzada pola nai, a súa vontade será a contraria.

  1. ^

    No TMILG, para alén de aínda, einda e inda, aparecen outras variantes como aindas, ainde e mais einde, coa seguinte escala de ocorrencias: ainda (532), einda (83), inda (46), einde (5), ainde (5), aindas (1).

Search
    No results