489 [= RM 18,28]
O genete

O genete
pois remete
seu alfaraz corredor,
estremece
e esmorece
o coteife con pavor.
Vi coteifes orpelados
estar mui mal espantados,
e genetes trosquiados
corrian-nos arredor:
tiinhan-nos mal aficados
[e] perdian-na color.
Vi coteifes de gran brio
eno meio do estio
estar tremendo sen frio
ant’os mouros d’Azamor,
e ia-se deles rio
que Auguadalquivir maior.
Vi eu de coteifes azes
con infanções [s]iguazes
mui peores ca rapazes,
e ouveron tal pavor
que os seus panos d’arraizes
tornaron d’outra color.
Vi coteifes con arminhos,
conhocedores de vinhos,
que rapazes dos martinhos,
que non tragian sen[h]or,
sairon aos mesquinhos,
fezeron todo o peor.
Vi coteifes e cochões
con mui [máis] longos granhões
que as barvas dos cabrões:
ao son do atambor
os deitavan dos arções
ant’os pees de seu senhor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 

Manuscritos


B 491, V 74

Edições


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 37-39 [= LPGP 153-154]); Paredesa (2001: 279-280); Lopes (2002: 81-82); Paredesb (2010a: 253-254); Littera (2016: I, 100-101).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 35); Braga (1878: 15); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 179-180); Machado & Machado (1950: II, 366-367); Montoya (1988: 289-290); Paredes (2010b: 180-183); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 169-170); Paredes (2010c: 126-127); Rios Milhám (2018b: III, 489).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: III, 21-22); López-Aydillo (1914: 34-35); De las Casas (1928: 23-24); Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 50-51); Dobarro Paz et alii (1987: 65); Tavares & Miranda (1987: 221-222); Montoya (1988: 289-290); Matalobos (1989: 42); Pena (1990: 249-250); Jensen (1992: 46-48); Pena (1993: 146-148); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 62-63); Diogo (1998: 180-181); Arias Freixedo (2003: 346-348); Marcenaro (2006: 60-62); Fidalgo (2009a: 198); Mongelli (2009: 240-241); Gutiérrez (2023: 183).

Variantes manuscritas


3 seu] sen B; corredor] coiredor B   4 estremece] estremete B : estre mete V   6 coteife] coyffe B; pavor] panor V   7 coteifes] coreyfes B : coteyses V; orpelados] or pelades B   8 espantados] espantades B   9 genetes trosquiados] genets tᵒs qⁱades B   10 nos] nos BV   11 tiinhan-nos] cijnhānos B : eqnhānos V; aficados] assicados B   13 Vi coteifes] Vcoteiffos V   16 d’Azamor] dizamor BV   17 e ia] chia BV; deles] delhes B : delles V; rio] rriō V   18 Auguadalquivir] augua dilqⁱuir V   20 con infanções] cō jnfā cōes B : cōes V   21 mui] auis V; peores ca] prores ea BV   22 e ouveron] eou cō rafā uerō V   23 panos] pauos B; d’arraizes] da rraiz̄s B : danaizs̄   25 coteifes] coteiffos V   26 conhocedores] conhoçedoīs V   27 rapazes] rrapazos V; martinhos] marcmhos B   28 tragian sen[h]or] rragiā senō V   30 fezeron] et fez’ō B : ꞇ ferzō V; todo] tedo BV   31 cochões] cochoēes B : cochēes V   33 dos] des B; cabrões] cabr̄ces V   35 os] es B; dos arções] des arcōes B

Variantes editoriais


12 [e]] [ca] Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera; perdian-na] perdin’a Littera   18 que] qu’ Lopes   20 [s]iguazes] ignazes Lopes, Paredesb, Littera   22 ouveron] houveram Lopes, Littera   23 arraizes] arrazes Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   26 conhocedores] conhecedores Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   27 que] e Lopes, Littera   30 todo o] todo Lapa : ced’o Lopes : tod’o Littera   34 ao] [e] ao Lopes, Littera

Paráfrase


(I) O xinete (cabaleiro mouro) esporea o seu cabalo corredor, estremece e esmorece co medo o cabaleiro vilán.

(II) Vin cabaleiros viláns vestidos de ouropel que estaban aterrados mentres os xinetes tosquiados os atacaban dando voltas arredor deles: tíñanos moi aflitos e perdían a cor co medo.

(III) Vin cabaleiros viláns de moito brío que estaban tremendo sen frío, en pleno estío, ante os mouros de Azamor, e saía deles un río maior que o Guadalquivir.

(IV) Vin bandos de cabaleiros viláns con infanzóns que os seguían comportárense moito peor que os criados, e tiveron tal pavor que os seus panos brancos de Arras tornaron doutra cor.

(V) Vin cabaleiros viláns vestidos con peles de armiño e coñecedores de bos viños a quen os serventes dos combatentes mouros, que viñan sen señor que os capitanease, saíron ao encontro dos covardes, que fixeron todo o peor.

(VI) Vin cabaleiros viláns con barbas máis longas que as dos castróns: co son dos tambores facíanos caer dos arzóns co medo, aos pés do seu señor.

Métrica


Esquema métrico: 3’a 3’a 7b 3’c 3’c 7b (= RM 52:2) + 5 x 7’a 7’a 7’a 7b 7’a 7b (= RM 13:59)

Encontros vocálicos: 4-5 estremecee; 11 ti͜i·nhan; 18 *queAuguadalquivir; 30 todoo; 36 pe͜es

Notas


Texto
  • *

    Nova cantiga en que Afonso X satiriza o terror dos coteifes perante os ataques dos genetes africanos nas guerras de reconquista do territorio peninsular.

    Montero Santalla (2000: 390-391) considera que os versos iniciais (vv. 1-6) constitúen o refrán da composición, que non tería sido copiado nas restantes estrofas.

  • 1

    Genete (tamén no v. 9) alude especificamente a un ‘cabaleiro africano’ (tamén en 493.2 e 1577.3, 8 e 13).

  • 2

    Neste contexto, remeter presenta o valor de ‘esporear, facer correr’.

  • 3

    O alfaraz é un cabalo árabe, pequeno e veloz.

  • 5

    Nótese a episinalefa en estremece‿/‿e, de modo que se mantén fixa a combinación métrica 3+7 sílabas.

  • 6

    Coteife ‘soldado inferior, cabaleiro vilán’ (tamén nos vv. 7, 13, 19, 25 e 31) é unha voz de orixe árabe que se liga a nojoso e a vilão ou vilan (véxase 115.13, 371.24); é case exclusivamente utilizado por Afonso X en composicións escarniñas (459.4, 460.28 e, sobre todo, 477, vv. 1, 5, 6, 11), para alén de Roi Queimado (1404.24) e Joan Soarez Coelho (1434.19).

  • 7

    Orpelado é un participio ou adxectivo derivado dun verbo orpelar, por súa vez formado sobre ouropel. A redución fonética do ditongo débese á perda da vogal pretónica e a aparición dunha anómala secuencia [owɾ] (ouropelado > *ourpelado > orpelado) (Veiga 1982, 1986; Ferreiro 1999: §23b).

  • 9

    Trosquiar ‘trosquiar, rapar o cabelo’ no corpus profano só volve aparecer só en 371.32 e 1387.13 e 14.

  • 11

    A forma verbal tiinhan computa como dúas sílabas, como acontece noutras ocasións ao longo do corpus: 1.10, 1578.9 (mais trisilábico en 1281.2 e 1625.8).

  • 12

    A omisión dunha sílaba métrica nos manuscritos resólvese sen dificultades coa reintrodución da copulativa (ecdoticamente máis económica do que a causal ca), que liga o verso ao anterior: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

    Para alén da aparición da variante no do artigo após con, quen, ben, non e nen, non é moi frecuente o uso deste alomorfo após forma verbal acabada en nasal, aínda que é produto, de modo similar ao que acontece con -lo tras -r ou -s, da asimilación da consoante nasal final co forma arcaica do artigo (-n+lo > -n+no): Ambas eran-nas melhores (113.13), perderon-no sén (202.16), «Venhan-nas barcas polo rio / a sabor» (1167.4), pesa-lhes én / e razoan-no ben por mal (1447.21).
    Similar situación se produce nas Cantigas de Santa Maria, onde podemos achar o mesmo alomorfo no artigo e/ou pronome: cab’ o altar u tangen-na canpãa / do Corpus Domini (CSM 69.38); e prometeu poren / hu͂a que lle nacera de en orden-na meter (CSM 251.13).
    No que respecta a color (tamén no v. 24), igual que na restante produción medieval, esta forma erudita convive no corpus (541.14, 592.9, 628.10 e 1471.2, 5, 8, 11, 14, 17 e 18) coa forma xeral evoluída coor (474.22, 1391.11, 1633.15, 1639.20). A forma latinizante color (ou collor) aparece con profusión en todo o tipo de obras, desde as Cantigas de Santa Maria á Crónica Geral Galega e a Geral Estoria, así como na Historia Troiana e, sobre todo, na Crónica Troiana, o mesmo que en diversos documentos notariais. Na produción xerada en territorio portugués acontece igualmente: en textos sinodais (véxase García y García 1982: 78, 81...), nos primeiros libros impresos en Portugal (Machado 2015: s.v. color), así como na Confessio Amantis (Faccon 2012: 321, 357, 359, 361, 416, 161, 474 etc.), en documentos tabeliónicos (véxase, por exemplo, Gomes 2002: I, 73), ou en obras de diverso teor, cales Orto do Esposo, Castelo Perigoso, Leal Conselheiro, Livro da Montaria etc. Véxase CGPA, s.v. color, collor.

  • 14

    Fronte ao resultado meo (só en 278.5), na poesía profana a forma meio ‘metade’ (< medium) é transmitida sempre por BV, a funcionar como substantivo ou como adxectivo anteposto, o mesmo que forma parte da loc. prep. en/(e)no meio de (1030.14, 1377.14, 1473.9, 1631.13 etc.).

  • 16

    Azamor é Azemmour, cidade marroquina.

  • 17

    Repárese no erro gráfico <lh>/<l> de B (<elhes>). Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.

    Ademais, canto á grafía <ll> de eles de V en <elles>, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo –e cavaleiro–, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 18

    Nótese o hipérbato (rio / maior que Auguadalquivir). Canto ao nome do río, que tamén aparece como Aguadalquivir, Guadalquivir e Alquivir nas Cantigas de Santa Maria (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v.)1 , implica unha anómala sinalefa con que que contradí os usos xerais trobadorescos.

  • 19

    O vocábulo az, forma común no léxico guerreiro medieval, significa ‘tropa, escuadrón, batallón’.

  • 20

    A voz siguazes, isto é, ‘secuaces’, en alusión a que os infanzóns irían na retagarda dos coteifes, é un hapax absoluto na lingua medieval e moderna proposto por Lapa na súa edición; pola súa parte, Lopes, seguida pola segunda versión das cantigas afonsinas de Paredes, propón, con lectura mecánica do manuscrito mais sen apoio etimolóxico e/ou documental, ignazes ‘ignorantes’, como unha hipotética distorsión de ignaros.

  • 20-22

    Nótese o erro de copia en V, que presenta no verso 20 <cões> para infanções, aparecendo con copia moi deficiente mesturado no v. 22 o elemento <rafã> (= infã).

  • 21

    Os rapazes son os criados ou serventes, así chamados pola rapacidade que os caracterizaba.

  • 23

    Mantemos a forma arraizes (cfr. tamén arraiz en 1579.1), a pesar da rima defectuosa con azes e siguazes, que fai referencia a panos (de cor branca) producidos na cidade flamenga de Arraz (act. a francesa Arras)2 . Viterbo (1961: s.v. arraiz) explica abondosamente o arraiz e a orixe do tecido, mesmo documentando explicitamente a forma plural arraizes, para o cal recolle un documento do século XIV:

    E contarem os panos por esta guisa. Os panos de brujes e de Ipre E de londres E de panos grandes de Ingraterra E arraizes E tornaisses por hũu pano e meo. E ualençinas E panos pequenos de Ingraterra E usados E outros panos pequenos por hũu pano.

    Sobre este tecido véxase tamén Rodríguez Parada (2019: 123-125, s.v. arraz).

  • 25

    Os arminhos fan referencia ás luxosas peles dos armiños que vestirían os coteifes.

  • 27

    Os martinhos son ‘combatentes mouros’, tamén presentes noutra cantiga de Afonso X (494.25-27):

    O que se foi con medo dos martinhos
    e a sa terra foi bever-los vinhos
    non ven al maio

  • 29

    Dun modo similar ao que acontece con miscrar ~ mizcrar ~ mezcrar, o adxectivo mesquinho, de orixe árabe, presenta outras dúas variantes fonéticas alén mesquinho (tamén en 370.3, 1672.7): a forma asimilada misquinho en 1440.7, e a variante con africada implosiva mezquinho en 1579.11. Cfr. nota a 370.3.

  • 30

    A expunción da copulativa é necesaria para a correcta medida do verso, que precisa tamén a sinalefa todo‿o.

  • 31

    Como substantivo, cochon alude a un ‘home vil e ordinario’ e, por extensión, tamén a ‘criado, servente’ (en liña con toda a cantiga e nomeadamente co v. 21), cunha forma feminina cochõa (1434.9). É unha voz extremamente pexorativa, que tamén aparece como adxectivo (véxase nota a 371.10).

  • 32

    O adverbio máis, na secuencia intensificadora mui máis seguida de adxectivo, semella a mellor opción para corrixir a hipometría versal.

    En Afonso X o granhon ‘barba’ aparece asociado aos coteifes (véxase tamén 477.1), aínda que esta voz aparece tamén en 478.16, 1613.17 e 1631.6. Fóra de apelativo como sobrenome ou alcume, só o achamos nas Cantigas de Santa Maria (CSM 293.28 grannon, 305.58 grannões; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. grannon) e nos Miragres de Santiago:

    Et entõ tomaras dous dentes et hũu pouquo de granõ et a cabeça darla as aa rreyna dona Orraqua (Pensado 1958: 66).

  • 33

    Os cabrões son, naturalmente, os machos das cabras, así denominados durante a Idade Media, onde só achamos un único rexistro (serodio) de castron nun documento ourensán:

    Iten, que bendan a quatro diñeiros a libra e que seja a libra de viinte onças e dereita e o carneiro capado a nobe diñeiros e o colludo a VIII diñeiros e o castrón capado a VII diñeiros e o colludo a VI diñeiros e a qabra e ovella a V diñeiros, sub a dita pena (cfr. CGPA, ed. Ferro Couselo).

  • 34

    O atambor (tamén en 1375.18 e 20) é o mesmo que tambor.

  1. ^

    Xunto con, aínda, outras formas como Agoa d’Alquiuyr, Agoa d’Elquiuir e Agua do Alquiuir na Crónica Geral Galega (Lorenzo 1975: 66, 242, 846).

  2. ^

    Co significado de ‘caudillo, xefe, cabaleiro árabe’, arraiz é tamén unha voz homónima que presenta múltiplas variantes: arraz, arraez, orrayaz, arrayaz, arraaz, arraiz (véxase RILG, s.v. arraz; tamén Kremer 2013: 215-218).

Procurar
    Não foram encontrados resultados

    Utilizamos cookies de terceiros com fins analíticos para conhecer os hábitos de navegação (por exemplo, páginas visitadas). Ao aceitar cookies de terceiros, terá de as excluir das opções do seu navegador ou do sistema oferecido por terceiros.
    Clique no botão correspondente para aceitar ou recusar as cookies:

    DefiniçõesAceitar