I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 382-383 [= LPGP 613]); Cohen (2003: 429); Littera (2016: II, 84).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 275); Braga (1878: 150); Machado & Machado (1956: V, 301); Montero Santalha (2004).
1 amigo] amigu V 2 coitad’e] cuytade V 9 coraçon] corazon V
(I) Foise un día o meu amigo de aquí triste e coitado e moito ao seu pesar porque me quixo gardar del miña nai; mais eu, fermosa, desde que non o vin, non vin despois pracer de cousa ningunha nin xamais o verei se el non vén.
(II) Cando se el tivo que separar de min, chorou moito e penou o seu corazón; mais eu, fermosa, se vos digo a verdade, non vin despois pracer de cousa ningunha nin xamais o verei se el non vén.
Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:166)
Encontros vocálicos: 6 ve·e·rei; 12 ve·e·rei
Nótese que o íncipit desta cantiga de Martin de Caldas coincide co verso inicial da cantiga 662 de Nuno Fernandez Torneol.
É en verdade extraordinaria a forma <amigu> de V, coa confusión <u>/<o> en posición final, que ao longo dos cancioneiros só se rexistra como produto de erros gráficos: cuido <cuydu> B (115.17, 1626.5), vi-o <uyu> BV (943.9), vivo <uiuu> B, <uyuu> V (1312.13), Lugo <lugu> BV (1315.4), feito <feytu> BV (1400.18), vinho <uinhu> V (1682.8).
Non é frecuente achar a variación -oi-/-ui- en coitado/cuitado entre os dous apógrafos italianos, pois, en xeral, é diverxencia que aparece entre o Cancioneiro da Ajuda vs. Cancioneiro da Biblioteca Nacional (cfr. nota a 70.1). Na realidade, nesta voz só se rexistra a variación -oi- B / -ui- V (véxase tamén 570.9, 575.4, 1293.5). Véxase Monteagudo (2013 e 2015).
A frecuente frase formularia por non mentir permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.) e equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc.
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.