685 [= Tav 75,6]
Dized’, amigo, en que vos mereci

Dized’, amigo, en que vos mereci
por non quererdes comigo viver?
E saberedes que non ei poder
de viver, pois vos partides de mí,
e, pois sen vós viver non poderei,
vivede mig’, amig’, e viverei.
Vivede mig’e ben vos estara,
e averei sempre que vos gracir,
ca, se vos fordes e vos eu non vir,
non viverei, amig’, u al non á,
e, pois sen vós viver [non poderei,
vivede mig’, amig’, e viverei].
Se queredes que vos eu faça ben,
ai meu amigo, en algũa sazon,
vivede migo, se Deus vos perdon,
ca non poss’eu viver per outra ren,
e, pois sen vós viver [non poderei,
vivede mig’, amig’, e viverei].
Pois entendedes, amigo, com’é
a mia fazenda, por Nostro Senhor,
vivede migo, ca, pois sen vós for,
non poderei viver, per bõa fe,
e, pois sen vós [viver non poderei,
vivede mig’, amig’, e viverei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 669, V 272

Ediciones


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 95-96 [= LPGP 489]); Cohen (2003: 156); Littera (2016: I, 571-572).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 103-105); Braga (1878: 52-53); Machado & Machado (1952: III, 343-344).
III. Antoloxías: Torres (1977: 17).

Variantes manuscritas


3 ei poder] ey en poder BV   7 Vivede] Cuiede V   8 gracir] gz̃ir V   9 se vos] se uos BV   13 faça] faza V   15 vivede] ui uedes V; Deus] des V; perdon] pardon B

Variantes editoriales


1 amigo] amigu’ Nunes   3 ei poder] ei eu poder Nunes : ei |eu| poder Cohen   4 partides] parti[r]des Nunes, Cohen   15 Deus] Deos Nunes

Paráfrasis


(I) Dicide, amigo, que fixen eu para non quererdes vivir comigo? E saberedes que non teño forza para vivir, xa que vos afastades de min, e, xa que sen vós non poderei vivir, vivide comigo, amigo, e vivirei.

(II) Vivide comigo e será bo para vós, e sempre terei que agradecérvolo, porque, se vos fordes e eu non vos vir, non vivirei, amigo, certamente, e, xa que sen vós non poderei vivir, vivide comigo, amigo, e vivirei.

(III) Se queredes que eu vos faga ben, ai meu amigo, algunha vez, vivide comigo, así Deus vos perdoe, pois eu non podo vivir por outro motivo, e, xa que sen vós non poderei vivir, vivide comigo, amigo, e vivirei.

(IV) Pois entendedes, amigo, como é o meu sentimento, polo Noso Señor, vivide comigo, porque, despois que sen vós estiver, non poderei vivir, certamente, e, xa que sen vós non poderei vivir, vivide comigo, amigo, e vivirei.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:129)

Encontros vocálicos: 1 amigo,‿en; 14 amigo,‿en

Notas


Texto
  • 3

    Na edición de Nunes o verso permanece hipermétrico a partir da lección de BV; contrariamente, Cohen propón a omisión de eu (cfr. <en> BV) para conseguir a isometría versal. Efectivamente, esta semella a opción editorial correcta, por canto se mantén o acento estrófico na 4ª sílaba, ao tempo que a intromisión de <en> (tal como acontece tamén con eu) é relativamente frecuente en diversas pasaxes das cantigas, como mostra a certeza do seu carácter espurio nalgunha ocorrencia en manuscritos: véxase 199.5, por exemplo, onde a lección correcta de B confirma esa intromisión de <en> na copia de A.

  • 4

    Este contexto non esixe a presenza dun futuro de subxuntivo, tal como os anteriores editores propuxeron, e que os levou á emenda da lección dos manuscritos. Na pasaxe pois ben pode ser interpretada como unha conxunción causal: ‘e saberedes que non teño forza para vivir, xa que vos afastades de min’.

  • 10

    A frase formularia u al non á ‘certamente, sen dúbida’ (tamén en 25.11, 170.23, 358.27, 1017.2 e 1231.21) concorre con outras variantes ao longo do corpus, co mesmo verbo aver (u non á al, non á i al etc.) ou co verbo jazer (u non jaz al ~ u al non jaz). Idéntica situación se produce nas Cantigas de Santa Maria, en que se detectan os mesmos grupos fraseolóxicos (u al non averá ~ u non averá al, u al non jaz, u non aja al, u non ouvess’al, u outra ren non jaz etc.; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. al, aver, jazer, u). Véxase nota a 597.13.

  • 15

    Cómpre a emenda da forma *pardon (<pardon>) de B, lección exclusiva (errada face a perdon, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

Buscar
    Sin resultados