765 [= RM 70,53]
Vi oj’eu donas mui ben parecer

Vi oj’eu donas mui ben parecer
e de mui bon prez e de mui bon sén,
e muit’amigas son de todo ben;
mais d’ũa moça vos quero dizer:
de parecer venceu quantas achou
ũa moça que x’agora chegou.
Cuidava-m’eu que non avian par
de parecer as donas que eu vi,
atan ben me parecian ali;
mais, po[i]-la moça filhou seu logar,
de parecer venceu quantas achou
[ũa moça que x’agora chegou].
Que feramente as todas venceu
a mocelinha! En pouca sazon
de parecer todas vençudas son;
mais, poi-la moça i pareceu,
de parecer venceu quantas achou
[ũa moça que x’agora chegou].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 748bis, V 351

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 83 [= LPGP 464]); Nunes (1972 [1932]: 238-239); Cohen (2003: 238); Littera (2016: I, 523).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 136-137); Braga (1878: 67); Machado & Machado (1953: IV, 56-57); Domingues (1992: 37); Cohen (1996: 9).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 74-75); Torres (1977: 306); Correia (1978: 126); Ferreira (1988: 53); Alvar & Beltrán (1989: 263); Jensen (1992: 152); Delgado León (1996: 69); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 100); Lopes & Ferreira & Silvestre (2015: 38).

Variantes manuscritas


4 d’ũa] duuha B   6 ũa] huha B : hir ha V   10 logar] loguar BV   14 a] ea BV   15 vençudas] uēcudas B   17 quantas] qnāta V

Variantes editoriais


6 ũa] i a Nobiling   10 logar] loguar Nunes   12 ũa] i a Nobiling   14 a mocelinha! En pouca sazon] a mocelĩa en pouca sazon! Nobiling   16 i] ali Nobiling, Cohen, Littera   18 ũa] i a Nobiling; x’] om. Cohen

Paráfrase


(I) Eu vin hoxe donas que eran moi fermosas e de moito valor e de moi bo xuízo, e que son moi amigas de todo ben; mais quérovos falar dunha moza: en fermosura venceu a cantas achou unha moza que agora chegou.

(II) Eu pensaba que non tiñan par en beleza as donas que eu vin, de tan fermosas que lucían alí; mais, despois de que a moza tomou o seu lugar, en fermosura venceu a cantas achou unha moza que agora chegou.

(III) Que feramente as venceu a todas a mociña! En pouco tempo todas son vencidas por ela en beleza; mais, así que a moza compareceu alí, en fermosura venceu a cantas achou unha moza que agora chegou.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:118)

Encontros vocálicos: 16 ma·is

Notas


Texto
  • *

    Nótese como esta cantiga de amor, pois a voz poética é masculina, aparece incluída no grupo das cantigas de amigo de Joan Garcia de Guilhade.

  • 4

    O uso de moça como substantivo (só un rexistro do seu uso como adxectivo) é escaso no corpus, pois só aparece en catro cantigas máis: 750.15 (moças de bon parecer); 1277.1 e 7 (Ũa moça namoradaA moça ben parecia); 1278.1 e 8 (Tres moças cantavan d’amor); 1623.14 (quand’era moça, en cas da Ifante).

  • 6

    Este segundo verso do refrán en Nobiling (i a moça...) vén condicionado polo feito de o editor brasileiro partir de V para a súa edición: certamente as leccións <huha> B, <hir ha> V parecen remitir á habitual forma <hūha> do indefinido hũa do antígrafo.

  • 13

    No corpus profano só existe outra documentación de feramente, nunha cantiga de Don Denis (1559.2), adverbio que aparece decote nas Cantigas de Santa Maria.

  • 14

    Expunximos, xunto cos editores anteriores, a espuria conxunción e inicial dos manuscritos, que convertería en hipermétrico o verso, para alén de ser sintacticamente desaxeitada a súa inclusión.
    Nótese, por outra parte, a presenza de mocelinha, forma diminutiva hipercaracterizada con dupla sufixación -elo+-inho (véxase Ferreiro 2001 [1997]: §464). Non volve rexistrarse no corpus profano, mais si nas Cantigas de Santa Maria:
              ..., assi proug’aa Virgen, que dos çeos é Reynna:
              fez que o moço pedisse de comer, e foi aginna
              guarid’e trebellou logo conos outros moçelinnos (CSM 389.38).
    No entanto, nas cantigas aínda se atesta outras dúas voces coa dupla sufixación; así, manselinho/a (Airas Nunez e Lourenço):
              Pois que a grilanda fez a pastor,
    ​​​​​​​          foi-se cantando, indo-s’én manselinho,
    ​​​​​​​          e tornei-m’eu logo a meu caminho (864.26).

     

    ​​​​​​​          A moça ben parecia
    ​​​​​​​          e en sa voz manselinha
    ​​​​​​​          cantou e diss’a meninha: / ... (1277.8).
    O mesmo acontece co adxectivo fraquelinha, utilizado por Joan Garcia de Guilhade nunha cantiga de escarnio en claro contraste coa aparición de -elinho ligado aos xéneros amorosos:
    ​​​​​​​          Dona Ouroana, pois ja besta avedes,
    ​​​​​​​          outro conselh’ar avedes mester:
    ​​​​​​​          vós sodes mui fraquelinha molher
    ​​​​​​​          e ja máis cavalgar non podedes (765.4).
    En calquera caso, esta re-sufixación con -inho sobre un anterior sufixo -elo/-a revela como este sufixo xa deixara de ser produtivo e de ser utilizado nas formacións diminutivas.
    Nas dúas primeiras edicións de Guilhade, Nobiling e Nunes, así como en Littera, o sintagma en pouca sazon está incluído na frase anterior, formada polos vv. 13-14, de modo que o sentido global da estrofa varía parcialmente. Preferimos, con Cohen (que non lle confire ton exclamativo), distribuír simetricamente as cualificacións adverbiais, de modo que feramente pertence, obviamente, á primeira frase, e en pouca sazon á segunda.

  • 15

    Non achamos xustificación para a dúbida manifestada por Nobiling a respecto de vençudasuẽçudas não fórma sentido com o que se segue: proponho substituí-lo por muy bõas»), sobre todo á vista do v. 13 e mais do refrán.

  • 16

    Considerando a posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c), é desnecesaria a emenda de Nobiling, Cohen e Littera, que converten o adverbio i en ali (cfr. v. 9).

     

Buscar
    Non se atopou ningún resultado

    Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
    Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies:

    ConfiguraciónsAceptar