1364 [= RM 87,6]
Ao lançar do pao

Ao lançar do pao,
ena sela
deu do cuu mao
e quebrou-lh’a sela,
ca ‘ssi diss’a bela:
«Rengeu-lh’a sela!».
Ao lançar do touço,
[ena sela]
deu do cu’a bouço
e quebrou-lh’a sela,
ca ‘ssi diss’a bela:
[«Rengeu-lh’a sela!»].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 1347, V 954

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 396); Pellegrini (1969: 24 [= LPGP 591]); Lopes (2002: 274); Littera (2016: II, 54-55).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 326); Braga (1878: 179); Machado & Machado (1958: VI, 81); Lapa (1964: 8-9); Souto Cabo (2012c: 127); Callón (2017: II, 74).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 276).

Variantes manuscritas


1 lançar] lancar B   5 ca ‘ssi] Cassy B : cassy V   7 lançar] lancar B; touço] rouço V   9 bouço] bouco B   11 ca ‘ssi] Cassy B : cassy V

Variantes editoriais


1 pao] pau Littera   3 mao] mau Littera   5 ca ‘ssi] e assi Lapa : c’assy Pellegrini : c’assi Lopes   9 cu’a bouço] cu[u] a bouço Lapa, Lopes : cu a bouço Littera   11 ca ‘ssi] e assi Lapa : c’assy Pellegrini : c’assi Lopes

Paráfrase


(I) No lanzamento do pau, na sela deu co cu de má maneira e quebroulle a sela, pois así dixo a bela: «Renxeulle a sela».
(II) No lanzamento da lanza, na sela bateu co cu de cheo, e quebroulle a sela, pois así dixo a bela: «Renxeulle a sela».

Métrica


Esquema métrico: 2 x 5’a 3’a 5’a 5’B 5’B 4’B (cfr. RM 85:4)

Encontros vocálicos: 1 A͜o; 7 A͜o

Notas


Texto
  • *

    Esta composición está tamén incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».
    A estrutura métrica da cantiga é presentada en Tavani cunha regularidade pentasilábica (agás o v. 2, trisilábico) que non condí coas indubitábeis catro sílabas do último verso do refrán (sería posíbel que o v. 1 tamén se afastase da medida xeral se considerásemos ao bisilábico; porén, notese a súa contaxe unisilábica nas cantigas 1355 e 1356 de Lopo Lias).

  • 1

    A expresión lançar do pao é perfectamente simétrica e paralela a lançar do touço (v. 7), feito que confirma o contido semántico dos dous versos (véxase nota ao v. 7).

  • 5

    Fronte a Lapa, que emenda a lección <cassy> de BV para e assi, coa conseguinte irregularidade métrica pola inexistencia de sinalefa coa copulativa, mantemos a forma aferética de assi (nótese a anómala crase c’assi en Pellegrini e Lopes). Lémbrese que o adverbio assi presenta a súa forma reducida por necesidades métricas con frecuencia despois desta conxunción causal (82.10, 94.10, 239.10, 290.16, 321.15, 702.11, 983.3, 1022.r2, 1231.7). Véxanse tamén notas a 179.30 e mais a 481.13.

  • 7

    A expresión lançar do touço, exclusiva de Lopo Lias (reiterada en 1360.23 e 1362.14) deberá indicar algún tipo de xogo de cabalaría en que arremesaban o touço (un pau utilizado para exercicios cabaleirescos deste tipo). En galego moderno persisten diversas acepcións da voz (touzo, con variantes gráfico-fonéticas) relacionadas co valor básico de ‘pau, tronco’, fundamentalmente co significado de ‘eixo de madeira do rodicio dos muíños’, entre outros varios sentidos da mesma esfera semántica. E aínda Aníbal Otero recolle touço ~ toiço co valor de ‘timón do carro’ (véxase RILG, s.v. touzo, touço, touso).

  • 9

    A frase adverbial do cu’a bouço deberá significar ‘desde abaixo até arriba, por toda a parte’ (cfr. cast. bozo, do lat. bucceum, de bucca). Coa variante de cu’a bouço é utilizada por Lopo Lias nun contexto moi similar na cantiga 1360, v. 25:

    Direi-vos que lh’eu ouço:
    en dia de sa voda,
    ao lançar do touço,
    da sela rengelhosa
    feriu de cu’a bouço.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado