I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 125); Bertolucci Pizzorusso (1992 [1963]: 110 [= LPGP 660-661]); Littera (2016: II, 132).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 70); Carter (2007 [1941]: 38-39); Marques Braga (1945: 123-124); Machado & Machado (1949: I, 260); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 147).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 34); Torres (1977: 479); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 141).
1 coitado] cuitado B 2 que] que que A 3 guis’aven] guissa uen A : guisa nen B 4 me] mj B 9 lle] lhi B
1 coitado] cuitado Bertolucci Pizzorusso 4 me] mi Bertolucci Pizzorusso 9 lle] lhi Bertolucci Pizzorusso 13 como] come Michaëlis 16 soo] sõo Michaëlis, Bertolucci Pizzorusso, Littera 18 mi] me Michaëlis
(I) Tal é coitado de amor un home que non se doe senón de si mesmo; mais doutra maneira me acontece a min, así me valla Noso Señor: pola gran coita de amor que teño xa sempre terei dó de quen for coitado por el, (II) e de quen tomar tal señora que non lle queira axudar nese empeño, cal eu tomei, que, desde que a vin, sempre me tivo na maior coita das que coñezo no mundo: e como non me hei de apiadar de quen vexa sufridor de tal (coita)? (III) Porque son coñecedor de tal coita só por canto mal sufrín amando, e nunca me librei diso e foime cada vez peor; e por isto, polo que eu pasei, teño moita razón en ter dó de quen así for amador.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:264)
Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición (que a edición de Michaëlis e Littera non consideran) véxase nota á cantiga 15.
No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <guiss(a)> neste verso, véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4, 308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 150.4, 259.18, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27, 407.10), <quisso> quiso (407.11) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.
A mudanza como > come de Michaëlis non ten apoio textual, para alén de ser indiferente do punto de vista lingüístico o uso de unha ou outra variante.
A variante desnasalada soo, P3 do presente de indicativo de seer, que convive con sõo e son, é homógrafa do adverbio soo (do lat. solum).
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: