I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 14-15 [= LPGP 235-236]); Nunes (1972 [1932]: 64-65); Littera (2016: I, 166).
II. Outras edicións: Moura (1847: 5-6); Monaci (1875: 39); Braga (1878: 17); Machado & Machado (1950: II, 391); Júdice (1997: 79); Montero Santalha (2004); Rios Milhám (2018b: III, 497).
2 que] che V 7 porque vos] por q̄a uꝯ V 9 descomunal] descōunal B 10 que] q̄ eu B : q̄ heu V 12 vós quis] nos qs̄ B 13 Deus] deos B : d’s V
1 vós] vos Nunes; nen un] nenhum Lang : ne͂um Littera 3 mí] mi[n] Nunes 5 sempr’] semp’ Nunes 7 porque] porqu’a Lang; vos] vós Lang, Nunes 10 que] qu’eu Nunes 13 querades] queirades Lang, Littera : que[i]rades Nunes 14 esté] estê Lang, Nunes, Littera
(I) Mal me veña do Todopoderoso, señora, se hoxe hai algún mal en vós, agás que me matades, pobre de min, que vos servín sempre e vos fun leal e serei xa por sempre mentres viva; e, señora, non vos veño dicir isto polo que a min respecta, senón porque vos causa mal a vós, (II) porque, por Deus, fícavos moi mal, señora, e alén diso é algo desmesurado matárdesme a min, que nunca vos merecín a morte; e xa que ningún outro mal Deus nunca quixo pór en vós, por Deus, señora, non queirades facerme a min algo que vos sexa mal.
Esquema métrico: 2 x 10a 10b 10a 10b 10c 10c 10b (= Tav 101:11)
Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con dúas estrofas ligadas causalmente coa conxunción ca (véxase nota á cantiga 15). Porén, nas edicións precedentes o texto é presentado con autonomía estrófica.
Obsérvese o lapso do copista de V, cun aparente italianismo gráfico na copia de que, que volve aparecer en 607.2, 625.3 e 640.2; en 1473.12 e 1679.18 o lapso afecta a voz aqui, copiada como <achi>. Do contrario, en B é menos frecuente (véxase 1233.7 e 1548.12).
Aquel que pod’e val é fórmula elusiva de Deus, que ao longo do corpus aparece moitas veces así cualificado: par ~ por Deus, que pod’e val (188.30, 515.9, 801.8, 1034.4); leve-os Deus cedo, que pod’e val (195.35); E pero Deus é o que pod’e val (230.15); mas rog’a Deus Senhor, que pod’e val (285.3); Pero ben sabe Deus, que pod’e val (855.8); faça-vos Deus ledo, que pod’e val (1192.9).
O pronome mí (tamén no v. 10), como as restantes formas pronominais tónicas oblicuas (mí ~ min, ti, nós, vós, el ~ ela), pode aparecer como complemento directo sen preposición, como forma libre, con algunha frecuencia na lingua trobadoresca.
A errada lección de V levou a Lang a máis unha crase de que que fica fóra da métrica trobadoresca (véxase Ferreiro 2009). Neste sentido, obsérvese que é frecuente achar nos cancioneiros a intromisión do elemento <a>, ben en perífrases verbais (véxase nota a 55.17) ben introducindo erroneamente un CD (véxase nota a 68.1); para alén destes casos, aínda se poden localizar outros en que <a> non cumpre unha función definida: B (77.8), B vs. V (778.11), V vs. B (785.6, 1681.10), BV (1663.2).
Ao longo do corpus rexístrase un limitado número de grafías o til de nasalidade representa unha nasal explosiva: se mi-a <se͂ha> B vs. <se mia> A (225.2), se mi ar <sse͂har> B vs. <ssemhar> V (377.6=r2), com’estes <cõ estes> V vs. <com estes> B (925.7), descomunal <descõunal> B vs. <descomunal> V (497.9), e meu <e͂ eu> B vs. <e meu> V (1176.16), Estava-m’en <Estauã en> B vs. <Estauam eu> V (1219.1), dona <doã> V vs. <dona> B (1237.34), com’eu <cõ eu> B vs. <com eu> V (1593.6 [= r2]), dona <dõ a> BV (1664.3). É máis frecuente o proceso inverso: o -n- como unha marca de nasalidade vocálica (<bona> bõa, por exemplo). Véxase nota a 25.5.
Descomunal, adxectivo presente en varias cantigas afonsinas, deriva por prefixación de comunal (véxase nota a 537.11), é moito máis común na lingua das cantigas do que a súa base léxica (véxase tamén 3.12, 485.7, 495.16, 527.14, 592.14, 926.20 e 1408.27).
En Nunes aparece, de novo (cfr. v. 7), unha anómala crase de que (véxase nota a 496.8) pola manutención de eu, cuxa presenza é moi probabelmente produto dun erro de copia, tal como mostran diversas pasaxes nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 282.10, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.
A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
Mantemos a forma querades da lección manuscrita por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco. Cfr. nota a 73.16.
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: