I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 402); Pellegrini (1969: 31-32 [= LPGP 597-598]); Lopes (2002: 280); Littera (2016: II, 58).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 328); Braga (1878: 180); Machado & Machado (1958: VI, 87); Lapa (1964: 13-14); Souto Cabo (2012c: 131).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 88).
1 en Morraz’ e en Salnes] eu moiraz e en silnez B : eu morraz e eu silues V 3 d’un mes] dam̄ies B 5 dizia] diria B 8 Corral] cuiral B : curral V
Pellegrini, Lopes e Littera integran esta cantiga con UC 1369 nunha única composición.
1 Salnes] Salnez Pellegrini : Silnês Lopes 3 máis á] [há] mais Lopes 5 demais] de mais Lapa, Pellegrini : e de mais Lopes : [e] demais Littera 6 que] que ao Lopes : que [ao] Littera 7 [ela seeria] Lapa, Lopes : [mi os ar daria] Littera 8 de] om. Lopes, Littera; burges] burguês Lopes, Littera
(I) Saben no Morrazo e no Salnés do noso trato, e non lles importa que recibiu de min, hai máis de un mes, un soldo e dous e dez e tres; ademais, dicía que antes de tres días [estaría comigo] na casa de Don Corral, o burgués.
Esquema métrico: 9a 8a 8a 8a 4’b 4’b [...] 9a
A pesar de en B (e en V) esta cantiga aparecer como continuidade da anterior (UC 1369), coa atribución de un único número (en B), a métrica suxire que se trata de dúas composicións diferentes, probabelmente incompletas.
A rúbrica da cantiga 1368 parece afectar tamén a esta composición, xunto coa anterior (UC 1369) ao utilizar o plural en “estes cantares”. En calquera caso, as cantigas UC 1368, 1369 e 1370 constitúen un microciclo por volta da figura da dona do Soveral e do «burges» Don Corral.
Nótese a alusión aos dous puntos (Morrazo e Salnés) da xeografía occidental galega, na costa atlántica, nas Rías Baixas.
Resulta verdadeiramente sorprendente a grafía <z> de BV en Morraz(o), pois no Corpus Galego-Portugués Antigo só se atesta a forma Morraço, coa excepción de un único documento (tardío, de 1485).
A diverxencia <diria> B : <dizia> V lembra a situación producida en 956.18, en que tamén é necesario optar pola lección de V, a partir dun erro de copia pola frecuente confusión <r>/<z> en ambos os cancioneiros italianos, e nomeadamente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional. Eis algúns exemplos: fezesse <feresse> B, <fezesse> V (534.18); fazian <Fariā> B, <fazian> V (956.18); fazer <farer> B, <fazer> V (1031.9); dizer <Direr> B, <diz’> V (1075.9) etc.
A forma ordinal tercer constitúe unha variante especial de terceiro que só aparece en posición proclítica (575.7, 1356.1, 1398.7, 1427.4 e 1587.12), e sempre no sintagma tercer dia, tal como acontece tamén nas Cantigas de Santa Maria1 e en textos prosísticos de teor literario (Crónica Troiana, Miragres de Santiago etc.) e, mesmo, en documentos forais ou tabeliónicos (véxase CGPA, s.v. tercer, terçer):
It(em) sobre-la demãda deue auu(er) tercer día se o demãdar o dem[ã]dado τ sse o demãdador o leyxar en ssa u(er)dade o demãdado nõ deue a au(er) p(ra)zo. saluo sse pedír acordo. τ sse ffor p(er) p(re)yto τ demandar [prazo pera morador na] vila deue-o a au(er) de tercer dia τ p(er)a ffora da vila au(er) p(ra)zo de do(us) noue dias. e p(er)a ffora do Reyno de tres noue días (Dos costumes de Santarém, 1294; cf. CIPM);
Et mandamos ao dicto Martin Bezerra que faça esto asy outorgar a a dicta sua moller daqui a tercer dia (doc. de 1395; CGPA, ed. González Garcés);
que d’oje a tercer dia quitasen todas las prendas que por la dita rason lles foran peñoradas (doc. de 1417; CGPA, ed. Rodríguez González).
O sistema de contaxe “analóxica” (dez e tres, v. 4) era común na Idade Media. Nas cantigas achamos dez e tres ‘trece’ tamén en 1610.10, xunto con dez e seis ‘dezaseis’ en 1369.3. Véxase outro exemplo de acumulación numérica nas Cantigas de Santa Maria:
e cada dia pela gran sesta
vỹan da ost’un e dous e tres,
que lles contaron da mort’a gesta
que pres Juyão a gran door (CSM 15.181).
A lacuna textual podería afectar a máis dun verso, de medida descoñecida. En calquera caso sería esperábel un verso similar ao anterior e que cadrase tamén coa cantiga inicial do ciclo; de se tratar de un único verso a faltar, tería probabelmente a medida dos dous anteriores e podería ser, por exemplo, [migo seria].
Non temos elementos que permitan identificar o burges Don Corral. Véxase Marcenaro & González 2024: s.v. Luzia, Dona.
Nótese, tamén, como a forma burges (de uso compacto na lírica profana e relixiosa) presenta aínda fricativa palatal sonora, anterior ao proceso de extensión analóxica con burgo que produciu o cambio /ʒ/ → /g/. Porén, xa contemporaneamente foi iniciado o proceso, tal como mostra a presenza de burgueses a carón de burges(es) na Crónica Geral d’Espanha de 1344, así como nas obras de Fernão Lopes. Véxase CGPA, s.v. burges, burgues.
Só aparece unha excepción, talvez outro castelanismo afonsino: mas o que en Babilonia guardou no forn’ Ananias / e Misael o menyno e o tercer, Azarias, / guardou aquesta do fogo, que sol non lle noziu nada (CSM 215.42).
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: